NÚMERO 344 - 13/02/2017
CUTUDC / Novidades
Portugal conxelou a expansión do eucalipto até 2030, prohibindo novos plantíos por riba das 812.000 hectáreas que arestora ocupa. Na Galiza o eucalipto medra nunhas 500.000 ha e aumentando. Xa cobre case o 17% de todo o territorio galego, mentras que en Portugal non chega ao 9%. A intensidade de ocupación do noso territorio é portanto dupla que no país veciño.
Porén, a Xunta insiste en
priorizar a explotación forestalista, apostando pola
produción de madeira con pouco valor engadido, pola
biomasa forestal e os cultivos enerxéticos e
inhibíndose fronte á presión das novas especies que
como o Eucaliptus nitens, están xa a ocupar
áreas anteriormente vetadas ao E. globulus.
Prohibir o Eucaliptus nitens por invasor e
moratoria ao globulus
O Eucaliptus nitens, especie que pola súa
resistencia ao frío está a ocupar territorios antes
vetados ao E. globulus, é unha “especie
exótica en expansión, con alto risco de invasión e
perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade
dos ecosistemas”, como resolveu o
Comité científico do Ministerio español do ambiente.
Malia a non estar formalmente incluido no Catálogo
estatal de especies exóticas e invasoras,
non hai dúbida de que o é. En consecuencia, e
como acontece coas demáis especies invasoras
(caranguexo e visón americano, herba da Pampa, etc.)
tanto o Estado como a Xunta deberían prohibir a
plantación, trafego e aproveitamento desta especie
para preservar a integridade do noso patrimonio
natural.
E para o resto das especies do xénero
Eucaliptus, nomeadamente o E. globulus,
maioritario nas explotacións forestais, debería
establecerse unha moratoria para novos plantíos
seguindo o exemplo de Portugal.
Establecer unha fiscalidade verde para as
plantacións de eucalipto
O aproveitamento intensivo do eucalipto comporta
o deterioro de servizos ecosistémicos que como a
diversidade natural, a dispoñibilidade de auga, a
fertilidade do solo, ou a calidade paisaxística, son
importantes para a vida e o mantemento das
actividades económicas da nosa sociedade.
Os eucaliptais inciden tamén na maior frecuencia e
intensidade dos lumes; na contaminación de terras e
rías con agroquímicos e subprodutos das celulosas;
no empobrecemento da biodiversidade e no avanzo da
erosión, provocando perdas económicas directas e
fosilizando importantes cantidades de recursos
públicos (o PLADIGA -plano de loita contra o lume-
custa anualmente uns 100 millóns de €).
En consecuencia, e tal como acontece con outras
"ecotaxas" ou impostos verdes (céntimo sanitario nos
combustíbeis, canon eólico ou hidroeléctrico) a
plantación de eucaliptos debería estar gravada cun
imposto que contribuira a reverter en parte as
perdas que a súa explotación comporta á sociedade.
Paralelamente, aqueles modelos que apostan pola
multifuncionalidade do monte e baseados no
aproveitamento das especies autóctonas, deberían
estar primados, mesmo sen ter unha fin produtiva. Os
nosos bosques naturais prestan un importante servizo
á sociedade, polo que semella lóxico que esta
repercuta parte destes beneficios a aquelas
comunidades e propietarios/as que apostan pola súa
conservación.
En ADEGA imos traballar nestas propostas concretas
sobre o eucalipto, emanadas da pasada 41 Asemblea, e
facemos un chamado ás organizacións sociais e
políticas para traballar e debater o seu
desenvolvemento. Está en xogo é algo máis que un
modelo forestal: está en xogo un modelo de país.
ADEGA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript