Xaneiro de 2017
 
 

NÚMERO 342 - 30/01/2017

   CUTUDC / Novidades

  EPA DO 4º TRIMESTRE
 

Non hai 535.671 persoas paradas menos; hai 535.671 emigrantes máis

A última EPA volve mostrar as consecuencias reais das contrarreformas laborais dos últimos anos: aumento da precariedade e caída xeneralizada dos salarios e incremento real do paro, todo iso a pesar da aparencia dos datos e do triunfalismo do Goberno e da aceptación dos mesmos como rigorosos por parte das organizacións políticas e sindicais maioritarias… Precisamente para demostrar o que realmente mostra a EPA, publicamos a análise rigorosa de Enrique Negueruela publicado en Nueva Tribuna.

 

  • Noticias relacionadas

 

Nin que dicir ten que, fronte a esta realidade laboral, existen medidas que servirían para cambiar radicalmente a situación, como o establecemento dun salario mínimo “á europea” (1500 euros como en Francia), a prohibición de calquera forma de contratación temporal, a redución de xornada a 35 horas semanais sen redución salarial (“traballar menos para traballar todos”), xeneralización da xubilación aos 60 anos sen redución da pensión, investimento público destinado a obras de interese social (escolas, hospitais, transporte…) realizada por empresas públicas… Estas e outras medidas de calado semellante servirían sen dúbida para reducir realmente o desemprego e mellorar as condicións de vida laborais e sociais. Claro que habería que arrincalas coa mobilización sostida e a organización de clase, fronte a un goberno do capital e os seus amos que se opoñerían con todos os seus medios a elas.
 
Kaos. Laboral e Economía
 


 
Non hai 535.671 persoas paradas menos; hai 535.671 emigrantes máis
 
Por Enrique Negueruela
 
Publicados os datos do cuarto trimestre, pódese facer unha valoración do Goberno do PP no relativo ao emprego. O primeiro que hai que destacar é a absurda alegría porque baixe o paro. A baixada de paro que tivemos, hai 535.671 persoas paradas menos, non deixa de ser a constatación do fracaso estrepitoso que como Estado está a producirse.
 
Hai 535.671 persoas que, ao non ser capaces de proporcionarlles un emprego, optaron por irse a buscalo a outros lugares. Consideraron que o dereito ao traballo promulgado no artigo 35.a da Constitución, non é máis que papel mollado, que non se lles podería garantir neste Estado e vanse a buscalo a outros sitios. Volvemos á situación dos anos cincuenta ou sesenta. Os mozos e os non tan novos, tiveron que facer a maleta e emigrar. Esta é a verdadeira baixada do paro. Resulta absolutamente indignante que os mesmos que deberían garantir o seu emprego, se gaben agora da baixada do paro e pretendan sacarlle rendibilidade política.
 
Tamén alardean do ritmo de creación de emprego. Máis que da creación de emprego, habería que dicir do ritmo de facer anacos os postos de traballo. Entre 2016 e 2011, en medias anuais, produciuse unha perda de 88.274 persoas ocupadas e de 164.072 asalariadas. Se miramos as horas habitualmente traballadas e as traducimos en postos a tempo completo de 37 horas e media, a perda aumenta a 591.341 persoas ocupadas e a 415.772 asalariadas. Dunha perda do 0,5% de persoas, pasamos a outra do 3,3% de volume de traballo. Non parecen cifras como para sacar o peito e gabarse de como se fixeron as cousas.
 
Se nos fixamos en como se distribuíu a perda de emprego entre as persoas asalariadas, observaremos que o traballo realizado con contratos temporais aumentou no equivalente a 2.558 postos, un 0,1% e o realizado mediante unha relación indefinida caeu un 3,7%, o equivalente a 418.330 postos a tempo completo.
 
Réxime Xeral e do Carbón
Facendo unha paréntese na EPA, pero é un dos datos que nos permite ver máis claramente o que pasa, poderase analizar tres datos da afiliación ao Réxime Xeral e do Carbón, tamén en medias anuais. A media anual de persoas afiliadas a fin de mes aumentou en 19.736 persoas, un 0,1%. En 2016 producíronse 43.141.291 movementos de altas e baixas a ese mesmo Réxime, 9.444.024 altas e baixas máis que en 2011. O aumento de movementos foi do 28,03%. Cada afiliado en que aumentou a media anual, precisou de 479 altas e baixas. Ao mesmo tempo as persoas afiliadas cun contrato a tempo parcial increméntanse en 487.717 persoas, un 17,6%. Aínda que se careza de estatísticas de duración da xornada, é obvia a perda de volume de traballo.
 
Unha vez máis é preciso resaltar a diferente repartición por idades que se produciu. Os mozos menores de 30 anos perderon en 25,5% do traballo asalariado, o equivalente a 656.092 postos a tempo completo. As persoas entre 30 e 44 anos perden o 6,9%, 490.225 postos. Pola contra, quen ten unha idade entre 45 e 54 anos, gañan 296.235 e quen está entre 55 e 64 anos, gañan 434.309 postos. Mentres os menores de 45 anos, as persoas en idade fértil, perden 1.146.316 empregos a tempo completo, os maiores de 45 gañan 730.545. Con estes datos, o Goberno que o provocou e non toma medidas extremas para solucionalo non pode poñer cara de can pachón e dicir que a natalidade é un grave problema. Non ten dereito a dicir que o envellecemento e a falta de natalidade é un dos maiores problemas que hai, quen lexisla permitindo que as persoas en idade fértil sexan precarizadas, parcializadas e privadas de medios de gañarse a vida e construír o seu futuro.
 
Recorte do número de persoas que perciben prestacións
 
Tres de cada catro persoas paradas carecen de protección e son 3.252.014 quen non perciben nada estando paradas
 
Para premer máis e conseguir que baixe o paro como o fixo, mediante a emigración, a outra liña de presión foi recortar o número de persoas que perciben prestacións e a súa contía. A taxa de protección por paro é do 27,3%. É dicir, tres de cada catro persoas paradas carecen de protección e son 3.252.014 quen non perciben nada estando paradas. Esta situación fórzaas a optar por outras saídas e a única que moitas atopan é emigrar. O gasto en prestacións ao mes de novembro diminuíu en 10.430 millóns de euros sobre o realizado en 2011. Se no canto de recortalo, se destinase a protexer ás persoas con cargas familiares, ás maiores de 45 anos e aos outros colectivos máis vulnerables cun subsidio continuado, podería haber 2.225.677 persoas protexidas que agora non o están. Nese caso a taxa de protección por paro alcanzaría o 77% e tres de cada catro persoas paradas estarían protexidas.
 
É urxente dar a volta ás medidas que foi tomando este Goberno e, como se viu, non serviron para que quen carecía de emprego o atopase, senón para que emigren; tampouco creou máis traballo, senón que o recortou, cortado en anacos e precarizado e, ademais, provocou que quen carece de traballo, carezan tamén de protección por desemprego.
 
Estas medidas, ao cebarse especialmente nas persoas en idade fértil, condénanos a un Estado sen futuro. Este é o legado deste Goberno. Cando se presentan os datos de emprego, é preciso analizalos conxuntamente non se pode falar de canto baixa o paro sen dicir que ocorre co emprego, porque no canto de ser un dato positivo, é a constatación dun desastre.
 
http://www.nuevatribuna.es/articulo/economia-social/non-535671-persoas-paradas-menos-535671-emigrantes-mais/20170127082436136098.html

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript