NÚMERO 342 - 30/01/2017
CUTUDC / Novidades
A continuación detallamos as actuacións que se están levando a cabo respecto de dúas cuestións ben distintas. Unha delas, é a situación do SCNE da Coruña, en canto á práctica de actuacións fóra da xornada ordinaria de traballo, mesmo en días e horas inhábiles, e a outra, sobre a necesidade de melloras nas infraestruturas do Xulgado de Paz de Cambre, coa obriga de cumprir coa normativa sobre accesibilidade aos edificios públicos das persoas con discapacidade ou con mobilidade reducida.
SERVIZO COMÚN DE NOTIFICACIÓNS E EMBARGOS
DA CORUÑA
"escrito dirixido á Dirección Xeral de Xustiza"
A Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de
modificación da Lei orgánica 6/1985, do 01 de xullo,
do poder xudicial, establece no seu artigo 500,
punto 4º, que a distribución da xornada e a fixación
dos horarios se determinarán a través do calendario
laboral que, con carácter anual, aprobará o órgano
competente do Ministerio de Xustiza e das
comunidades autónomas con competencias asumidas, nos
seus respectivos ámbitos, logo do informe favorable
do Consello Xeral de Poder Xudicial e da negociación
coas organización sindicais.
Pois ben, o servizo común de notificacións e
embargos da Coruña, vese na obriga de realizar
determinadas actuacións xudiciais (dilixencias de
notificación, citación, requirimento, lanzamento…)
fóra da súa xornada laboral (fixo e flexible)
e noutras ocasións, teñen que practicalas en
horario nocturno ou en días e horas inhábiles,
sen que sexa aplicable o disposto no apartado sétimo
da Orde JUS/615/2012, do 01 de marzo.
Os traballadores destinados nos SCNE ofrecen
á Administración de Xustiza unha dispoñibilidade
practicamente 24 horas o día, os 365 días do ano,
sen contraprestación económica algunha, a
diferenza do que sucede cos Xulgados de Instrución
cando realicen o servizo de garda, das quendas de
auxilios cando realizan substitucións, ou das
quendas voluntarias e incentivadas dos Rexistros
Civís.
Para maior abundamento, e basicamente por dúas
razóns; creación de órganos xudiciais ao longo
destes anos, sen que aumentase o persoal dos SCNE,
e a segunda, se cabe de maior importancia,
asunción de todas as dilixencias que proveñan de
calquera órgano xudicial (a excepción dos
Xulgados de Instrución, cuxa asunción está prevista
para este ano), as saídas para realizar as
dilixencias fóra da súa xornada ordinaria laboral,
aumentou exponencialmente.
Polas razóns que acabamos expoñer, solicitamos
convocatoria de mesa sectorial para negociar unha
resolución onde se estableza:
· Ámbito de aplicación.
· Número de funcionarios integrantes dunha quenda
voluntaria e incentivada para poder realizar aquelas
actuacións xudiciais fora do horario laboral.
· Establecemento de diferentes tramos horarios,
segundo sexa horario diúrno, nocturno, sábados,
domingos ou festivos.
· Compensación horaria dependendo de cada
tramo.
· Compensación económica en función do tramo
horario traballado.
· Procedemento para optar a ser integrante da
quenda.
· Xustificación do traballo realizado.
· etc…
A Coruña, 11 de xaneiro de 2017.
Responsable de Acción Sindical de Alternativas na
Xustiza-Cut
Javier Fernández Castro
XULGADO PAZ DE CAMBRE
"escrito dirixido ao Sr. Alcade do Concello de
Cambre"
Pasados dous meses desde que este
sindicato presentou escrito solicitando melloras
imprescindibles no Xulgado de Paz desa localidade, e
recibindo evasivas como única resposta ao
escrito e ás conversacións telefónicas mantidas coa
súa secretaria persoal, vémonos na obriga de
presentar este segundo e último escrito, a fin de
aclarar as seguintes cuestións:
Non hai dúbida sobre a quen lle corresponde a
obriga de acometer as devanditas obras, por
canto o artigo 51.3 da Lei 38/1988 do 28 de
decembro, de Demarcación e Planta Xudicial,
establece que as instalacións e medios instrumentais
do Xulgado de Paz, estarán ao cargo do Concello
respectivo.
Da mesma maneira o artigo 52, establece que nos
Orzamentos Xerais do Estado establecerase un crédito
para subvencionar aos Concellos pola atención dos
conceptos a que se refiren os dous artigos
anteriores. A subvención se modulará en función do
número de habitantes de dereito do municipio.
Resolta e aclarada a primeira cuestión, non
existindo obstáculo algún para realizar ou acometer
as obras e/ou traballos no Xulgado de Paz,
lembrámoslle que:
1. A Lei 10/2014 do 03 de decembro, garante a
igualdade de oportunidades en relación á
accesibilidade aos edificios públicos das persoas
minusválidas ou con mobilidade reducida. Por tanto o
incumprimento do seu articulado considérase unha
falta grave, sancionada dende un mínimo de
30.000 euros ata un máximo de 90.000 euros.
2. Pola súa banda, o Real Decreto 486/1997 do 14 de
abril, establece as disposicións mínimas de
seguridade e saúde nos lugares de traballo. Con
carácter previo a desenvolver este punto,
consideramos necesario resaltar que o traballo de
pintura da sede do Xulgado de Paz e o de liberar
espazo no arquivo, produciría un gasto ridículo.
O artigo 3, establece a obrigación do empresario de
cumprir as disposicións mínimas establecidas no Real
Decreto que mencionamos en canto ás súas condicións
construtivas, orde, limpeza e mantemento,
sinalización...., así como, os lugares de traballo
e, en particular, as súas instalacións, deberán ser
obxecto dun mantemento periódico, de forma que as
súas condicións de funcionamento satisfagan sempre
as especificacións do proxecto, emendándose con
rapidez as deficiencias.
Polo exposto anteriormente solicitamos que de
maneira inmediata se tomen as medidas necesarias
para solucionar os problemas plantexados nos dous
escritos presentados. Os traballadores e
Alternativas na Xustiza-CUT estaremos a disposición
dese Concello para buscar fórmulas que faciliten as
obras co fin de evitar medidas de presión que
perxudiquen a tódalas partes.
A Coruña, 11 de xaneiro de 2017.
Responsable de Acción Sindical de Alternativas na
Xustiza-Cut
Javier Fernández Castro
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript