NÚMERO 342 - 30/01/2017
CUTUDC / Novidades
Desde a organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza consideramos que as múltiples folgas estudantís que se levaron a cabo na Galiza desde a aprobación da LOMCE foron un paso fundamental para chegarmos a esta situación.
Porén, somos conscientes de que a supresión
das reválidas non é suficiente, dados os moitos
outros aspectos prexudiciais para o ensino público
que a lei inclúe: a computación da materia de
Relixión para a media, a redución de horas do galego
como lingua vehicular no ensino, a blindaxe dos
concertos educativos con centros privados, a
Formación Profesional Dual, a recentralización de
competencias educativas ou a desprotección do
alumnado con necesidades específicas na aprendizaxe.
Aínda que agora se abra un horizonte de posíbel
pacto pola educación entre as forzas políticas, este
pacto será papel mollado desde o comezo se parte de
premisas como estas, se toma a LOMCE como base e
simplemente modifica os aspectos polémicos, cando
esta lei hai que mudala de raíz, porque o espírito
que a motiva é a mercantilización e españolización
do ensino público. Non podemos acreditar nun pacto
pola educación que non contemple a participación da
comunidade educativa galega e que se siga a facer de
costas ao colectivo estudantil do noso país.
Tampouco é suficiente que se elimine a LOMCE cando
despois, no ensino universitario, se nos aplicará o
Decreto do 3+2. Primeiro, co Plan Boloña, a
consagrada homoxeneización cos outros sistemas
universitarios que todo o vale e todo o sacrifica
supuxo que as carreiras pasasen de 5 a 4 anos, e
para que estas valesen algo, había que completalas
con mestrados, algúns deles restritivos para o
acceso a determinadas profesións. O sistema
encarecíase, posto que non son o mesmo os prezos dos
mestrados – que por se for pouco, en moitas ocasións
teñen que realizarse en universidades privadas – que
os dos graos, e xerábase un proceso de devaluación e
especialización dos coñecementos. Os graos empezaban
a desempeñar un rol xenérico, que tería que ser
complementado cos posgraos. Deste xeito, só quen
tivese suficiente poder económico para cursar un
posgrao podería estar especializado, ou mesmo
capacitado para traballar en determinada profesión,
quedando as restantes, como man de obra barata,
desamparada, nas fauces dunha lexislación laboral
famenta de precarias. Porén, como xa se sospeitaba
desde a chegada de Boloña, o sistema do 4 + 1 era
tan só unha ponte para a futura integración nun
sistema máis radical de 3 anos de grao e 2 de
posgrao. O encarecemento da formación completa coa
implantación deste modelo non é difícil de imaxinar,
un ano medio de grao vale 713€, un ano medio de
posgrao – público – vale máis do dobre, 1501€.
Esta situación é insostíbel para o alumnado das
clases populares galegas, e con máis razón cando a
isto temos que sumar as taxas, o aumento do
financiamento privado na universidade pública, o
recorte orzamentario no ensino ou a redución nas
partidas para Bolsas.
Pola construción dun pacto educativo adaptado ás
necesidades do ensino galego e do que o estudantado
sexamos parte activa, pola non aplicación do Decreto
do 3+2 e contra os recortes no ensino público, desde
a organización estudantil Erguer. Estudantes da
Galiza convocamos unha folga estudantil no ensino
medio e universitario para o próximo 16 de febreiro,
con mobilizacións ás 12 da mañá nas sete cidades e
en moitas máis vilas do país que iremos anunciando
proximamente.
LUGARES E HORAS DAS CONCENTRACIÓNS E
MANIFESTACIÓNS DO 16F!
Todas as mobilizacións serán ás 12h
A Coruña – Praza de Vigo
O Barco de Valdeorras – Concentración na praza do
Concello
Boiro – Concentración na praza do Concello
Caldas – Concentración na carballeira
Cangas – Concentración na praza do Concello
Compostela – Alameda
Ferrol – Diante do Edificio da Xunta
Lugo – Praza do Seminario
Melide – Diante do IES de Melide
Moaña – Concentración na praza do Concello
Ourense – Diante da Subdelegación do Goberno
Ponteareas – Concentración á saída dos IES
Pontevedra – Praza da Peregrina
Ribeira – Diante do IES nº1
Vigo – Praza América
Vilagarcía – Concentración na praza de Galiza
Erguer. Estudantes da Galiza
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript