NÚMERO 342 - 30/01/2017
CUTUDC / Novidades
O TSXG considera que a empresa utilizou un informe médico da Mutua “a conveniencia para xustificar a denegación do exercicio do dereito á conciliación da traballadora”, condenando á empresa pública a un pagamento de 2.000 euros por danos morais.
O Tribunal Superior de Xutiza de
Galiza vén de revogar a sentenza do Xulgado do
Social núm 3 que lle denegaba a unha traballadora da
CRTVG unha mudanza de quenda para facer efectivo o
seu dereito á conciliación da vida persoal, laboral
e familiar. A traballadora, cunha menor e unha maior
dependente ao cargo, intentou sen éxito organizar a
súa xornada laboral, ao que a CRTVG se opuxo ao
primeiro sen motivación clara, e despois cun informe
médico fabricado para o acto do Xuízo que
desconsellaba a quenda que ela solicitiba, único
elemento no que a xulgadora de instancia baseou a
súa denegación.
Sen embargo, o TSXG vén de acoller as demandas
plantexadas por longo tempo pola CUT dentro da
empresa, ao compartir o criterio de que o Convenio
Colectivo do ente non pode ser utilizado para
constreñir o dereito á conciliación da vida persoal,
laboral e familiar. Así como as demandas deste
sindicato de que se deixen de utilizar os informes
médicos da Mutua Mugatra para limitar dereitos ao
considerar o Tribunal que “hai datos fácticos que
permiten considerar que as conclusións emanadas do
recoñecemento [médico] utilizáronse a conveniencia
para xustificar a denegación do exercicio do dereito”.
Na redacción do poñente Fernando Lousada Arochena,
impedir en base a recomendacións médicas o exercicio
deste dereito “supón unha inapropiada actitude
paternalista descoñecedora tanto da decisión de
autodeterminación da traballadora demandante como do
carácter constitucional do dereito de conciliación”,
ao tempo que reprocha que “non hai unha referencia
específica á igualdade de xénero […] que se proxecta
de maneira específica sobre a saúde laboral, daí que
na elaboración e na aplicación dos protocolos
médicos se deba considerar, para evitar unha
desvantaxa particular das mulleres, que estas
habitualmente dedican máis tempo cos homes ás
tarefas domésticas […] padecendo así unha dobre
xornada”.
Así tamén a Sentenza acolle unha indemnización de
2.000 euros polo dano moral xerado á traballadora,
ao considerar transgredidos tal e como argumentou a
defensa do sindicato o dereito á igualdade e á non
discriminación por sexos do artigo 14 da CE, así
como as obrigas e dereitos referidos ao coidados dos
menores contidos no artigo 39 do mesmo texto. Ao
tempo, condena á empresa a abonar os gastos de
gardería no tempo en que non foi respectado o
exercicio deste dereito.
O sindicato CUT anima ás traballadoras que ven
denegadas reiteradamente e sen motivacións as súas
solicitudes de conciliación a solicitar os danos
morais pola vulneración do seu dereito á igualdade e
urxe aos Comités de Prevención das empresas galegas
a supervisar que nos protocolos médicos se inclúan
factores de avaliación sobre a repercursión das
medidas de conciliación na propia saúde das
traballadoras.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript