NÚMERO 340 - 16/01/2017
CUTUDC / Novidades
Propuxémonos como obxectivo reconstruírnos neste 2017. Pararnos a falar e a analizar. Preguntámonos como mellor podemos sumar nunha unidade popular que derrote este sistema. Por iso no outono deste ano imos encontrarnos e celebrar o noso Congreso Nacional.
Dentro do noso
calendario estaba esta nova web, coa que abrir boca.
Coa que encetar o ano. Modesta pero que agocha o
traballo voluntario de moitas compañeiras e
compañeiros, que foron artellándoa peza a peza.
Agardamos que che agrade, que sexa útil, que nos
sirva para avanzar.
O edificio desta central sindical érguese coas nosas
propias mans, sen axudas externas, sen dependencias
de ninguén. E este é quizais o noso máis valioso
patrimonio. Este é o sindicato que fomos quen de
construír, e é teu tamén.
Este sindicato constrúese así. A peciñas. Sen
subvencións. Coas nosas propias cotas como afiliadas
e afiliados. O que significa que por veces nos
lamentaremos polos erros, polas imperfeccións. Por
todo o que puidemos ter feito mellor e non puidemos,
ou non quixemos, ou non soubemos. Pero coa
seriedade e a teimosía dunha central sindical que se
constrúe polas traballadoras e traballadores, cos
nosos esforzos voluntarios, entregándolle horas de
noso. Por veces enérxicas, e outras veces cansas
logo das nosas xornadas laborais. Ou fartas de
percorrer empregos lixo, e sacrificar a nosa vida na
roda dentada do traballo. Ou desfolgadas de procurar
traballo e non atopalo.
Se seguimos aquí é porque merece a pena. Porque a
propia existencia da CUT xa é en si unha vitoria das
obreiras e obreiros deste país. Porque a pesares
do cansazo e da dureza da loita, nacemos en cada
vitoria, e aprendemos das derrotas, que as hai.
Este sindicato constrúese así. A peciñas. Sen
subvencións. Coas nosas propias cotas como afiliadas
e afiliados. Pero coa seriedade e a teimosía dunha
central sindical que se constrúe polas traballadoras
e traballadores, cos nosos esforzos voluntarios,
entregándolle horas de noso
Toda a estrutura deste sindicato é o que cada un e
cada unha sabemos facer. O que cada unha e cada un
podemos achegar. Por nós. Polas nosas. O edificio
desta central sindical érguese coas nosas propias
mans, sen axudas externas, sen dependencias de
ninguén. E este é quizais o noso máis valioso
patrimonio. Este é o sindicato que fomos quen de
construír, e é teu tamén.
Se procuras un espazo dende o que dar a cara. Dende
o que resistirse, dende o que loitar contra a lacra
da usura e o lucro capitalista. Un sindicato que se
faga pouco a pouco, dende onde poidas construír
democracia obreira. Un sindicato que non ceda ao
macabro cálculo da representación, e que procure
defender a posición xusta custe o que custe, ese é a
CUT.
Se buscas un sindicato dende o que defender os
teus dereitos como traballadora, como traballador,
que non teña medo a dicirlle que non á patronal, que
non te deixe soa ou só nos peores momentos esta é a
túa casa. Benvida. Benvido.
Que sexa próspero este 2017. Que construamos moitas
vitorias obreiras nel. Que construamos os nosos
pobos en paz. Que non lle demos tregua a quen quere
acabar con nós.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript