14/06/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A Folga do 8 x convocada na Administración Pública polas direccións sindicais maioritarias ante o "Plan de Axuste" lanzado polo goberno de Zapatero tivo, en termos xerais, (xa dixemos que nas Universidades Públicas de Galicia foi maioritario) un seguimento débil. A pesar diso, as manifestacións realizadas o mesmo día da folga foron, en bastantes casos, de relativa importancia, compensando nalgunha medida a escasa repercusión desta e demostrando tamén a existencia dun amplo malestar social pendente aínda de concretarse de xeito efectivo
As actitudes honradas e
coherentes dende unha posición de esquerda e
combativa non podían ser outras que as de
chamar á Folga, aínda que iso fóra acompañado,
e con razóns sobradas, por unha crítica frontal
á traxectoria de CCOO e UGT dende polo menos 30
anos polo seu crecente burocratismo, a súa
loita puramente salarial, o seu papel na
desideoloxización e desmobilización dos
traballadores e a súa aposta por un modelo
sindical de "responsabilidade, concertación e
xestión". Daquelas choivas veñen estas lamas
As causas do pouco éxito desta convocatoria son
de diverso tipo. En primeiro lugar, o grave
ataque que supón os recortes salariais, a
conxelación das pensións e o resto de medidas
do "zapatazo" esixía unha resposta moito máis
contundente por parte das organizacións
sindicais e do conxunto do movemento obreiro.
No mesmo traballo de convocatoria se puido
comprobar a debilidade que nestes momentos se
estende entre as bases sindicais. Décadas de
sindicalismo de concertación tiveron como
consecuencia unha perda de perspectiva en
relación á posibilidade de formular
alternativas fóra do propio sistema capitalista
e a experiencia das formas de loita adecuadas a
unha situación como a actual tamén se perderon
en boa medida. Como consecuencia do anterior, e
da baixa moral existente nas filas sindicais, o
labor mobilizadora realizouse de forma moi
irregular, con argumentos a miúdo febles e
cunha intensidade moi por debaixo da necesaria.
En canto á xente traballadora da Administración
Pública, entre ela calaron argumentos antifolga
como o da "inevitabilidade" das medidas de
axuste, o da necesidade de "sacrificarse para o
ben común" ou o de que a folga en si non "ía
cambiar nada". Tamén influíu no baixo
seguimento o relativo desprestixio das forzas
sindicais, a mitificación do poder da banca e
dos grupos financeiros, o temor a danar ao
PSOE" dende o punto de vista electoral fronte a
un PP en ascenso ou mesmo- nunha situación de
escasa conciencia da magnitude do que realmente
está en xogo -o desexo de non ver descontada
unha cantidade máis dun salario xa recortado.
Tras o peche en falso desta Folga do sector
público, sería erróneo non obstante dar por
perdida unha batalla que en realidade acaba de
comezar- como podería ser a conclusión dalgunha
das forzas sindicais maioritarias -cedendo ante
a aplicación crúa dos paquetes de medidas de
axuste, a salvaxe reforma do mercado laboral
impulsada por goberno e patronal e o conxunto
de políticas económicas neoliberais.
É necesario empezar un proceso de
remobilización social e preparar unha Folga
Xeral. Non se trata, non obstante, de convocar
unha folga de trámite e continuar o día
seguinte como antes, nin de convocar unha folga
por arriba, a xeito dunha breve paréntese
temporal no medio dunha estratexia sindical de
concertación. Se algo demostrou a pasada Folga
do sector público é que, tras un período
dilatado de desmobilización e nun contexto de
forte desánimo e escepticismo entre a clase
traballadora, é necesario realizar un intenso
traballo previo de debate, organización e
preparación que asegure o éxito das novas
convocatorias. Así, a folga debe inserirse
nunha estratexia sostida de mobilización social
por abaixo, fomentando a divulgación dunha
conciencia alternativa e crítica entre as e os
traballadores, a participación nos centros de
traballo e o desenvolvemento dun sindicalismo
alternativo e combativo.
Ao realizar esta tarefa será preciso tanto
forzar a unidade de acción das organizacións
sindicais coma levar adiante un labor de base,
organizando a xente traballadora nos centros de
traballo con independencia de adscricións
sindicais e promovendo ao tempo plataformas
amplas de debate e de mobilización. O traballo
dirixido cara á militancia dos sindicatos
maioritarios crítica en relación á estratexia
de concertación pero aínda orfa doutro tipo de
referente será tamén importante.
Hai que dotar ao movemento dunha perspectiva ampla, tanto dende o punto de vista político-sindical coma dende o punto de vista da acción, que debería apuntar cara a unha escala de mobilización europea, onde teña un papel destacado a reivindicación dunha Folga Xeral europea para o outono. Só desta forma se poderán crear as condicións para unha primeira resposta eficaz, en forma de FX ampla, á barbarie imposta por banqueiros e especuladores. Esta é a liña de traballo que intentará seguir a CUT e os sindicatos integrados na FSM (Federación Sindical Mundial).
Por un sindicalismo combativo e alternativo!
Necesitamos unha Folga Xeral!
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript