Maio de 2010
 
 

14/06/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

IVE, butano, luz e gasolina, máis caros a partir de xullo

 

 

Xullo quitará protagonismo a xaneiro como mes das subidas. A electricidade será un 30% máis cara que en 2007. Sufrirémolo 1 ,55 millóns de fogares e pemes en Galicia

 


 

Puideches caer no paro a causa da crise. Se non é así, o teu salario seguro que baixou ou está conxelado, igual que pasará coa paga dos pensionistas a partir de 2011. Con ingresos limitados, non haberá milagres a nivel de consumo, máxime se temos en conta que chega un incremento do IVE xeral do 16 ao 18% -e do reducido do 7 ao 8%- que virá a acompañar avances propios na luz, a bombona de butano ou uns xa caros carburantes, que teñen a escusa da operación saída de vacacións. Subirá case todo o que nos rodea, así que haberá que marcar de preto a marcha da inflación, que en maio xa se empolicou ao 1,8% polos efectos dun petróleo que hoxe é algo máis barato. Aínda que non se note nos seus derivados.

Pagáns da enerxía, o caso máis espectacular pode ser o da luz, que acumula unha suba do 26% nas revisións de prezos realizadas nos últimos dous anos e medio, dende antes e durante a recesión. Coa chegada de xullo, e como adiantabamos onte, encarecerá a súa factura en torno a un 4%, para acumular en todo o vía crucis económico que vimos soportando unha escalada no seu prezo do 30%. Pecharanse así tres anos récord.

Esta é unha proxección sobre os datos facilitados pola asociación en defensa do consumidor Facua. Se atendemos ás que ofrece a patronal das grandes compañías do sector, Unesa, en 2007 a luz tería subido un 6,1%, un 9% ao ano seguinte, e o 5,7% o pasado. No arranque do presente ano, o Goberno decretou outro repunte, esta vez do 2,6%, recoñecendo un encarecemento acumulado do 23,4%, do que lles gustaría descontar o IPC nese período, deixándoo nun +14,5%.

De que a electricidade sería máis cara coa chegada do verán non había ningunha dúbida. Diso encargábase a suba do 16 ao 18% no IVE xeral. A este 2% en impostos a maiores, sumouse a noticia do pasado martes, durante a descafeinada e malograda folga de funcionarios, de que o Ministerio de Industria elevará nun 10% as tarifas de acceso ou peaxes, unha parte da tarifa independente do consumo, que non soportarán as grandes industrias consumidoras de fluído, pero se os fogares e as pequenas e medianas empresas e comercios. que se traduciría nun incremento similar no termo de potencia. Segundo Facua, isto traducirase nun encarecemento similar no termo de potencia, aínda que para ver o alcance real, haberá que esperar a ver que acontece co termo de enerxía, por se o Goberno sobe, baixa ou conxela o prezo do quilovatio/hora (kWh).

Aquí en Galicia falamos de máis dun millón e medio de consumidores domésticos, entre os cales 1.250.000 estarían ligados á tarifa de último recurso (TUR), que xunto co infrautilizado bono social eléctrico -que se estima utilizan 110.000 fogares en ao comunidade-, supoñen os últimos e masificados bastións antes de pasar ao mercado libre da electricidade. Este está activo dende xullo do ano pasado, pero apenas explotado, segundo as asociacións en defensa do consumidor como a Unión de Consumidores de España (UCE), a galega Ucgal ou Facua. A culpa, que as ofertas apenas benefician aos consumidores con potencia contratada de menos de 10 kwh, a inmensa maioría.

Estes colectivos coinciden en que o Ministerio de Industria antepón os intereses das eléctricas fronte aos consumidores. Tamén en que a TUR "vai camiño de converterse nun prezo disuasorio en lugar de supoñer un referente para evitar prezos excesivos no mercado libre".

Poñamos un exemplo: un usuario cunha potencia contratada de 4,4 kW e un consumo mensual de 270 kWh (media en España, segundo a CNE) pasou de pagar 38,07 euros mensuais (31,22 máis impostos, o IVE e o especial enerxético) polo termo de potencia e o de enerxía aos 47,99 euros (39,36 máis impostos) ao mes a partir da entrada en vigor da TUR. Case nove euros máis que pronto se converterán en máis de dez.

Na Unión de Consumidores de España-UCE traballan nun informe pormenorizado para plasmar a evolución recente dos prezos da enerxía, conscientes da importancia de tratar con rigor unha cuestión vital para as economías domésticas.

Queren transmitir aos consumidores e usuarios que a proposta de suba da luz "non" é unha boa noticia para as familias", e sosteñen que o peor "non" é xa a noticia en si, senón que ao subir a TUR vanse ver afectadas todas as tarifas, pois, están referenciadas á tarifa de último recurso". Por iso piden a creación dunha mesa de reflexión sobre o mercado eléctrico que represente, de forma paritaria, a sector e consumidores

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript