NÚMERO 339 - 26/12/2016
CUTUDC / Novidades
Para a representación do PAS, a sesión do Consello de Goberno foi unha continuidade da mobilización convocada contra as amortizacións de prazas que, de xeito ilegal, o grupo de goberno da universidade comunicou á Consellería de Facenda formando parte da Oferta de Emprego Público do ano 2016.
A estratexia
seguida para o desenvolvemento das respectivas
sesións foi a de incluír o rexeitamento e denuncia
da actuación do sr. reitor como parte do
rexeitamento ao orzamento presentado para aprobación
nos respectivos órganos colexiados.
Así no desenvolvemento do punto relativo á
Aprobación, se proceder, dos anteproxectos de
orzamento e Plano Operativo Anual (POA) para o
exercicio 2017, sinalamos:
Para a correcta análise do orzamento sería preciso
analizar este sobre a base da liquidación de gastos
do ano anterior pois atópanse situacións como a
contemplada na partida SOLDO LABORAIS FIXOS que se
incrementa en 12.597,34€ respecto do orzamento de
2015, en 2015 funcionarizouse unha gran cantidade de
persoal e agora mesmo hai un proceso extraordinario
de funcionarización en marcha, con todo iso
parécenos unha incongruencia a cantidade asignada a
esa partida.
Preséntanse uns orzamentos continuistas. O orzamento
de 2017 impón, de novo, o copago na acción social.
O orzamento que se nos presenta a aprobación
incumpre, de novo, a decisión da Mesa Sindical que
reclamou na partida de acción social o mesmo
orzamento que no ano 2013, no camiño de que sexa
dotada co 1,5% da masa salarial.
A proposta segue a contemplar a diferenza de trato
que recibimos o PAS en comparación co PDI ao non se
contemplar no proxecto orzamentario nin un só euro
no concepto de gratificacións nin en horas
extraordinarias, mentres que si se contemplan para o
PDI.
Outra cuestión adicional e moi importante é a falta
de confianza co reitor e equipo que presentou a
aprobación na sesión do Consello de Goberno do 21 de
xullo de 2016 unha proposta de Oferta de Emprego
Público na que non se contemplaba ningunha
amortización de prazas, posteriormente remitiu á
Consellería de Facenda a amortización de seis prazas
sen que isto se valorase no momento da aprobación
polos compoñentes do Consello de Goberno. Todo isto
xunto coa falta de negociación supón un engano
flagrante para toda a comunicade universitaria e
unha ilegalidade.”
Ábrese un debate caótico no que como remate, o
reitor e xerente veñen a sinalar que, de ningún
xeito, se produciu ningunha amortización. O que se
vai realizar é unha reserva de postos en
concordancia co compromiso adquirido coa Consellería
de Facenda.
O reitor corta as palabras para que todo o que se
teña que dicir sobre este punto se faga na quenda
aberta de intervencións, aínda así a representación
do PAS manifesta o eufemismo que supón a utilización
dunha denominación máis sutil do feito para non
cambiar o resultado final.
Dentro do apartado de Quenda aberta de
intervencións:
A representación do PAS pon de manifesto a
contradición que supón sinalar por parte do reitor
que o escrito da Consellería de Facenda non supón
ningunha amortización pero utilízase para que dúas
significadas prazas non saian no concurso de
traslados.
Sinálase que, segundo a Lei do Emprego Público todas
as prazas vacantes teñen que saír a concurso e
incídese en que na proia lei se establece que:
“3. As administracións públicas incluídas no ámbito
de aplicación desta lei non poden converter en fixa
unha relación laboral de carácter temporal.
Incorrerán en responsabilidade, nos termos previstos
por esta lei, as persoas que coa súa actuación
irregular dean lugar á conversión en fixa dunha
relación laboral de carácter temporal.”
Noutra intervención sinalamos que o reitor falta á
palabra dada ao non sacar todas as vacantes a
concurso, compromiso manifestado na reunión que a
Xunta de Persoal lle forzou realizar
no seu despacho o 14 de xuño.
Por outra parte tamén sinalamos que, a gravidade do
acontecido coas amortizacións lévanos a iniciar o
procedemento para a realización dun Claustro
extraordinario coa finalidade de realizar novas
eleccións a reitor. En ningún caso imos permitir que
nesta universidade se poidan dar accións da
gravidade do que acontece na Universidade Rei Juan
Carlos.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript