Decembro de 2016
 
 

NÚMERO 338 - 19/12/2016

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN
 

Manter un reitor plaxiador dá a medida da nosa universidade

Un reitor que plaxia é como un bombeiro pirómano, como un policía que rouba ou como un médico que envelena en lugar de sanar. O plaxio é a antítese do coñecemento e a investigación, e poucas cousas deberían avergonzar máis a unha universidade, aos seus profesores e aos seus alumnos que ter como máxima autoridade a un plaxiador. Non hai maior estafa nun académico que copiar. Non hai maior vergoña nunha universidade que estar dirixida por un plaxiador.

 

  • Noticias relacionadas

 

Fernando Suárez, reitor da universidade pública Rei Juan Carlos, plaxiou parágrafos enteiros, páxinas completas, en polo menos sete traballos académicos, segundo a investigación que estes días estamos a publicar en eldiario.es. Copiou ata as erratas, ata os pés de páxina, frase por frase, autor por autor. Plaxiou a estudantes, a catedráticos, a asesores…a todo un presidente da Academia de Historia e tamén a unha humilde doutoranda. Copiou e mentiu sen parar.
 
O colmo da súa carreira desvelámolo hoxe: é o sétimo exemplo de plaxio que atopamos e é moi probable que aparezan máis. O reitor publicou un capítulo dun libro colectivo sobre as Cortes de Cádiz. Das 45 páxinas que ten este texto asinado polo reitor, 43 son copiadas: fusiladas a partir de traballos de cinco autores distintos, plaxiados de principio a fin.
 
O reitor moi probablemente terá que responder nos xulgados polos seus plaxios. Un dos que xa anunciaron demanda é o catedrático de dereito da Universidade de Barcelona Miguel Ángel Aparicio. Contouno nesta entrevista, onde a nosa compañeira Raquel Ejerique preguntou se falara co reitor tras coñecer que lle plaxiara. A súa resposta non pode ser máis sincera: “Nin o tentei. Para que? Para insultalo?”.
 
O reitor insulta á universidade cos seus plaxios e tamén á intelixencia coas escusas coas que se tenta esconder.  Lean íntegra a “declaración institucional” que ofreceu onte –con eldiario.es negouse a falar–. Lean e non só pola novidade de coñecer un texto do reitor onde, que saibamos, non copiou a ninguén. Fernando Suárez explica que “é posible” que cometese “disfuncións": “Porque son humano”. Manipula ao mesturar a copia industrial de patentes co plaxio académico e escusa as súas copia-pega porque non eran “ideas orixinais” e porque tampouco obtivo un beneficio económico.
 
O reitor mente na súa explicación. Non só porque as súas curta-pegas van moito máis alá do simple erro dun ser humano, dos que tropezan sete veces na mesma pedra. Ou porque sexa indignante, ademais de falaz, que acuse de pouco orixinais aos mesmos autores aos que copia. Recibiu polo menos dous complementos no seu soldo grazas ao seu prolixa produción de artigos académicos. A axencia estatal avaliadora tería que revisar se tamén lle puntuaron como un mérito artigos que eran plaxiados.
 
Que unha das universidades públicas estea dirixida por un reitor así explica moito, e nada bo, do sistema educativo español. Os plaxios cotiáns do reitor dan a medida da súa falta de exemplaridade, algo que tamén demostra con xestos como instalar un sistema informático antiplaxio... para os alumnos. Ou con a repartición arbitraria das vacantes de profesores, en contra dos criterios que fixa a lei, segundo sentenciou a xustiza.
 
Pero o que máis indigna non é que un parasito da investigación allea chegara a dirixir un templo do coñecemento. É que despois de descuberto siga atrincheirado aí, grazas ao corporativismo de quen o protexe. Grazas tamén ao silencio cómplice da Conferencia de Reitores, do  ministro de Educación e do goberno autonómico de Madrid que preside Cristina Cifuentes –irmá dunha das profesoras “de recoñecido prestixio” (presentou a tese doutoral hai apenas un ano e xa é prestixiosa) que a Rei Juan Carlos contratou.
 
A próxima vez que alguén se pregunte que pasa neste país para que só haxa unha universidade española entre as 200 mellores do mundo –a de Barcelona, no posto 122–, que mire na Rei Juan Carlos. No exemplo deste reitor plaxiador, e máis aínda no silencio das institucións que o protexen, teñen unha resposta universal.
 
Ignacio Escolar - escolar.net

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript