NÚMERO 338 - 19/12/2016
CUTUDC / Novidades
As axudas do BCE ás corporacións europeas non foron publicitadas, pero un estudo do observatorio CEO localizou os destinatarios das axudas. As empresas enerxéticas son as máis beneficiadas dunha lista na que tamén aparecen empresas do sector do luxo.
Iberdrola,
Telefónica, Gas Natural, DIA, así ata unha decena de
empresas. Desde marzo, o Banco Central Europeo puxo
en marcha un programa de compras de bonos de
distintas empresas para mover a economía e as
empresas españolas tomaron boa nota. Ata quince
operacións deste tipo beneficiaron a Telefónica,
once a Gas Natural, dez a Iberdrola e cinco a
Repsol. Son os resultados "españois" das compras de
bonos levadas a cabo polo Banco Central Europea,
recompiladas polo Corporate Europe Observatory,
radicado en Bruxelas.
O
estudo de CEO inclúe mencións honoríficas aos
investimentos máis bizarros ou estraños, como os
subsidios destinados a Novomatic –dedicada a
casinos, comecartos e bingos–, ou os fondos públicos
destinados a empresas do sector do luxo como Moet
Chandon, o cognac Hennessy ou a empresa de bolsos
Louis Vuitton.
Shell, Volkswagen, BMW, Unilever, Ryanair ou a
armeira Thales tamén foron beneficiadas por estes
fondos. Como sinala o observatorio CEO, "os
resultados son preocupantes, a menos que vostede
pense que o petróleo, os coches de luxo, as
autoestradas, a champaña, e o xogo son bos lugares
para pór diñeiro público".
A pesar de que grazas á investigación de CEO se
coñece o nome das compañías, Banco Central Europeo
non especificou como se repartiron os 4.600 millóns
de euros que se puxeron en circulación neste
programa expansivo, chamado Programa de Adquisición
de Valores Corporativos (CSPP polas súas siglas en
inglés), pouco máis dun terzo dos 12.500 que se
porán a disposición das multinacionais ata setembro
de 2017.
O programa é similar ao que funciona desde 2015 para
o sector bancario. Diñeiro a intereses
extraordinariamente baixos posto a disposición das
empresas en forma de crédito. Estas emiten unha
serie de bonos, con datas de pago dos intereses ao
banco central e unha data de pago do valor nominal
do bono. O beneficio xorde deses bonos, impulsados
con emisións do banco que dirixe Mario Draghi.
De feito, como se pode comprobar na listaxe de
beneficiadas publicado por Corporate Europe
Observatory, só as multinacionais optan a estes
subsidios, que "requiren un coñecemento experto dos
mercados financeiros", sinala CEO no seu estudo.
"Non é un mundo accesible para as pequenas e
medianas empresas", que adoitan pedir créditos e non
acoden ás emisión de bonos.
Salvo o Bundesbank, os seis bancos centrais
implicados como intermediarios nestas operacións –o
Banco de España e os bancos centrais de Italia,
Francia, Bélxica e Finlandia– non achegan os nomes
das entidades beneficiadas, que CEO divulgou tras
identificar ás empresas mediante os códigos dos seus
bonos.
As compras favoreceron especialmente a empresas
implicadas no cambio climático. Shell, Eni, Enel,
Gas Natural Fenosa ou Repsol entre as enerxéticas ou
as automobilísticas Daimler AG, BMW ou Renault foron
algunhas das industrias sucias favorecidas pola
política de subsidios para empresas. Tamén
Volkswagen obtivo estas axudas públicas, a pesar de
que hai apenas un ano e dous meses que se coñecera o
escándalo da falsificación de datos de emisións, o
'dieselgate'.
Veolia Vivendi ou Suez, actores principais nos
procesos de privatización da auga, tamén foron
beneficiadas pola variña máxica da institución que
dirixe Mario Draghi.
Diagonal Periódico
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript