Decembro de 2016
 
 

NÚMERO 338 - 19/12/2016

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

A Amancio Ortega pitáronlle os oídos un intre

Ao home máis rico de España e segundo do mundo debéronlle de pitar as orellas este xoves. Media España falaba del, e non precisamente ben, mentres a outra media enchía as súas tendas como calquera festivo prenadal. Ata se converteu en trending topic, cousa que ao millonario discreto só lle pasa cando se publica a lista Forbes. O empresario modelo, o creador de riqueza e emprego, o home feito a si mesmo, o filántropo, tivo un mal día e levou os seus quince minutos de linchamento en redes sociais aos que calquera ten dereito polo menos unha vez na vida.

 

  • Noticias relacionadas

 

Todo por 218 millóns de euros que deixou de pagar á Facenda española no últimos cinco anos, dun total de 585 millóns que se aforrou en toda Europa. Xa ven, 218 millóns en España, unha minucia, dá para comprarlle unha camiseta en Zara a cada español e xa. En hospitais ou colexios non sei canto será, pero solto en todo caso, comparado cos 2.200 millóns que Inditex pagou en imposto de sociedades no mesmo período, segundo se defendeu a empresa.
 
Recoméndolles que se lean o informe do Grupo Europeo dos Verdes. Lese nun intre, no que tarda a súa parella en saír do probador de Zara. Merece a pena, porque non fala só de Inditex, senón de como a chamada “planificación fiscal” (vivan os eufemismos financeiros) alegra as contas das grandes compañías mentres Europa deixa de ingresar 70.000 millóns de euros cada ano. E o máis interesante do informe: adoita ser todo legal. Si, o que fixo Inditex para aforrarse 585 millóns non é delito. Xa oíron, todo legal, circulen, poden seguir mercando sen mala conciencia.
 
Hai tempo que as empresas e as grandes fortunas non necesitan andar con maletíns de aquí para aló. Aínda que segue habendo fraude fiscal, agora o que se leva é a máis refinada "elusión" fiscal: pagar menos, moito menos, mesmo nada, explorando as moitas físgoas que deixa a anticuada lexislación fiscal europea. E sen a molestia de mover o diñeiro a paraísos afastados: sen sacalo de Europa, tributando en Irlanda, Suíza, Luxemburgo ou os Países Baixos. Todo grazas á enxeñería fiscal, que no caso de Inditex é "agresiva" segundo Os Verdes.
 
Pensaba copiarlles a lista de compañías que utilizan enxeñería para eludir impostos en Europa, pero non me dá a extensión deste artigo. Acabo antes cunha palabra: todas. Absolutamente todas as grandes multinacionais que operan en Europa recorren a trucos fiscais para declarar actividade e beneficios no país máis propicio, e mediante o instrumento fiscal máis favorable. Igual que todos deslocalizan produción, hai tempo que tamén deslocalizan beneficios.
 
De cando en vez sae un leaks e escandalizámonos un intre ao decatarnos de que 300 empresas benefícianse das vantaxes fiscais de Luxemburgo, que unha compañía factura en Irlanda o que vende en España, que outra declara mediante unha filial en Holanda (pois a competencia fiscal entre países xoga ao seu favor), ou que a maioría de empresas do noso Ibex apenas paga imposto de sociedades.
 
A Unión Europea leva anos dicindo que vai meter man a esta broma fiscal, pero podemos esperar sentados, só actúa cando salta un escándalo, e non sempre. Nada estraño, se pensamos que o presidente da Comisión Europea foi primeiro ministro do maior parque temático da elusión fiscal en Europa, Luxemburgo.
 
Zona Crítica

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript