NÚMERO 338 - 19/12/2016
CUTUDC / Novidades
Dende a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública denunciamos unha vez máis os graves feitos que están a suceder na Residencia Asistida de Maiores de Oleiros, Residencia Pública da rede da Xunta de Galicia.
Non é a
primeira vez que nese centro se denuncian
deficiencias na asistencia. As propias traballadoras
do centro denunciaran a gran carga de traballo
existente e a escaseza de persoal, así como
situacións na que nunha noite quédase unha soa
auxiliar ao cargo de 44 residentes. Como resposta
recibiron ameazas e expedientes disciplinarios.
Lola, a nai dunha muller discapacitada residente en
dito centro, detecta na súa filla falta de hixiene,
a mala calidade da comida, que non lle dan de beber
axeitadamente, que non é levada ao servizo ás veces
que o precisa, que ás veces permanece atada a súa
cama 16 horas continuadas, que non a levan ao salón
de visitas no horario establecido polo propio
centro… entre outras.
Ante esta reiterada situación, esta nai desesperada,
que ve como se maltrata a súa filla, presenta varias
queixas ante a Xunta de Galicia. Cando falamos de
maltrato, nos referimos á definición establecida
pola Primeira Conferencia de Consenso sobre o Ancián
Maltratado, celebrada en España en 1995, e na que se
acorda definir “maltrato ao ancián” como: “Calquera
acto u omisión que produza dano, intencionado ou
non, practicado sobre persoas… que ocorra no medio
familiar, comunitario ou institucional, que vulnere
e poña en perigo a integridade física, psíquica, así
como o principio de autonomía ou o resto dos
dereitos fundamentais do individuo, constatable
obxectivamente e percibido subxectivamente con
independencia da intencionalidade ou non e do medio
onde suceda”.
Como resposta ás varias reclamacións presentadas
ante a Xunta de Galicia, a dirección do centro
decide limitar a Lola o horario de visitas que
ademáis deberá realizarse exclusivamente nun espazo
concreto, impedindo que suba a habitación da súa
filla, nunha clara discriminación cos demáis
residentes.
Por outra banda, o servizo de Inspección de Maiores,
Discapacidade e Dependencia da Xunta de Galicia,
tras realizar as actuacións oportunas, detecta
incidencias na prestación de coidados básicos a súa
familiar, no que atinxe a: hixiene bucal, cambios
posturais e postas ao baño/revisión de cueiros. E
como consecuencia, o servizo de Inspección require á
dirección do centro: a elaboración dun Plan de
coidados; a que realicen unha correcta hixiene bucal
ás persoas usuarias tras cada comida e implanten un
rexistro deste apoio; o establecemento dunha rutina
(coñecida por todo o persoal) de postas ao baño e
revisións de cueiros que garanta a hixiene das
persoas usuarias; a posta ao baño baixo demanda, na
medida do posible; a elaboración dun rexistro de
cueiros con información minuciosa; e o rexistro
rigoroso dos cambios posturais cos datos necesarios.
Tamén recoñécese no centro a prestación deficitaria
do servizo básico de manutención.
Un informe demoledor que amosa as claras
deficiencias e carencias existentes deste centro.
Condenamos enerxicamente este comportamento
inhumano, ao que hai que engadir o sufrimento e
impotencia dunha nai ao ver a súa filla nestas
condicións.
Todos isto motivou a presentación dunha DENUNCIA
XUDICIAL xa que os graves feitos denunciados
poderían ser constitutivos de infraccións punitivas,
toda vez que afectan á dignidade das persoas, e
especialmente dunha persoa discapacitada. Non deixan
de constituír un trato vexatorio e indigno,
infrinxido por un organismo público, que ao noso
entender vulnera os más elementais dereitos da
humanidade.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript