NÚMERO 338 - 19/12/2016
CUTUDC / Novidades
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) asinou un convenio coa Orden del Camino de Santiago para custear un premio de 12.000 € máis a edición dun libro nun certame anual de novela de temática xacobea. Anunciouse que nas bases da convocatoria se indicará que o galego só será optativo, polo que poderá resultar gañadora dun premio dotado con cartos para o galego unha novela en castelán.
A SXPL é o
órgano da Xunta encargado da promoción do galego e
de planificar e poñer en marcha as políticas
relativas á lingua galega e a súa razón de ser
reside no desenvolvemento de medidas normalizadoras
para o galego.
Supoñamos que alguén pretendense que a SXPL lle
subvencionase un proxecto para, poñamos por caso, a
protección do Geomaculacus maculosus (un tipo
de lesma) nas Fragas do Eume. Pensariamos, con
razón, que esa persoa non rexe ben porque a
conservación dos moluscos non entra dentro das
competencias asignadas á SXPL. Se, así e todo, a
SXPL subvencionase este proxecto, estaría cometendo
unha fraude por desviar a outros fins partidas
orzamentarias que debían destinarse a medidas
normalizadoras da lingua galega.
O caso que denunciamos é moito peor que este
suposto. Non se trata xa de que o que se vaia
subvencionar non teña nada que ver coa promoción do
galego, senón que vai na súa contra. Se ademais
atendemos ao contexto en que se produce esta
agresión, veremos multiplicada a súa gravidade.
Os orzamentos para a política lingüística
reducíronse nun 70% e levan neste nivel seis anos.
Secasí, recortáronse nesta mesma proporción as
partidas para os ENDL dos centros de ensino; os
programas de axuda aos SNL dos concellos foron
aniquilados; practicóuselle a eutanasia aos Celga
etc. Se do cada vez máis cativeiro orzamento para a
SXPL desbotamos os gastos de mantemento, só nos
quedarán para investir en accións normalizadoras
unha media 0,73 € por persoa. Un insulto. Pero aínda
por riba, estes miserentos céntimos son empregados
agora en poñer en funcionamento un concurso no que a
lingua galega vai brillar por ser un adorno
prescindible. Sería preferible que destinasen eses
cartos á cría da lesma nas Fragas do Eume.
ProLingua, 7 de decembro do 2016
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript