Ao longo da xornada do
domingo, 4 de decembro, estivo desenvolvéndose o
primeiro Foro Labrego de Agroecoloxía nas
instalacións do antigo matadoiro de Betanzos. Alí,
un cento de persoas, por riba do aforo previsto
inicialmente, debateron, compartiron e dialogaron ao
redor da alternativa ao actual sistema agrícola
industrial que é a agroecoloxía.
Así, ao longo da mañá, sucedéronse
intervencións como a de Xabier Simón ou
Xoán Doldán, ambos profesores e investigadores
universitarios, ou a da secretaria xeral do SLG,
Isabel Vilalba, que coincidiron en que o sistema
agrícola dominante carece de futuro e que é
insostible no meirande das súas facetas. Trátase dun
sitema que xera enfermidades pola grande cantidade
de agrotóxicos e insumos artificiais que utliza; que
xera pobreza, ao relegar aos labregos e labregas a
meros produtores de materia prima barata; que
contamina e contribúe ao quecemento global e destrúe
o medio ambiente; e, o máis paradóxico, que xera
fame cando a súa función debería ser alimentar.
Mesmo nos últimos tempos, asistimos a un
travestismo agrícola cando ese mesmo sistema
industrial se pasa a producir e vender alimentos con
certificado ecolóxico que, moitas veces, seguen a
contaminar polas inxentes cantidades de petróleo que
utilizan, que utilizan man de obra barata en
condicións infames de explotación e que, ao estar
orientados cara a clases sociais de alto poder
adquisitivo, tampouco cumpren coa súa función de
alimentar a humanidade.
Este mesmo sistema industrial, de produción
altamente especializada, é o que, dende a nosa
entrada no Mercado Común, ten pechado ducias de
miles de granxas multifuncionais na Galiza que
exercían unha función esencial á hora de xerar
emprego no rural, dar sostén económico e alimentario
a miles de familias e manter o noso territorio
estruturado socialmente e habitado. Iso fixo que
Galiza se convertese nun territorio altamente
dependente da importación de alimentos e, polo
tanto, moi vulnerable a calquera crise que afecte de
maneira directa ou indirecta ao agro.
Lonxe de volver ao pasado, voces como a de Xabier
Simón apostaron pola agroecoloxía , por un sistema
agrícola que se basee nas necesidades das persoas e
non nas cifras macroeconómicas nin nas contas de
resultados da industria agroalimentaria.
Así, ao longo do día, puidemos compartir cos e coas
súas protagonistas, experiencias agroecolóxicas que
se están a desenvolver de xeito viable na Galiza e
fóra dela, dende a produción e comercialización de
leite cru na parroquia do Alle
(Lalín), até a multifuncionalidade de Granxas de
Lousada, en Irixoa, pasando polo proxecto co que
Carabuñas tenta rescatar do esquecemento os
usos alimentarios do sabugueiro en Sanguñedo (Vilar
de Santos). Tamén compartimos experiencias de
transformación alimentaria, como a do pequeno
matadoiro avícola de Amayuelas de Abajo
(Palencia), a xestión integral dos soutos de
Manzaneda para producir castaña seca e fariña de
Amarelante, ou a elaboración de marmeladas e
conservas artesanais da Cooperativa Ribeira do
Navia, en Navia de Suarna. Finalmente, tiveron a
súa quenda diversas experiencias de consumo directo,
como a cooperativa Zocamiñoca, da Coruña; o
Sistema Participativo de Garantía A Gavela
(Pontevedra) ou as comunidades sostedoras da
agricultura (CSA).
O activismo da cidadanía fronte á
desidia dos poderes públicos
Dos diversos fíos que se
tiraron nesta xornada, foise tecendo unha imaxe da
agroecoloxía como un sistema que produce alimentos
sans e de calidade, con métodos de cultivo
respectuosos e sostedores do medio ambiente,
multifuncional, que xera emprego e riqueza no rural
e que debe, necesariamente, estar fondamente ligado
non só co territorio do que tira o froito, senón
tamén cos centros urbanos e cos consumidores e
consumidoras a quen alimenta.
E aínda que todo isto precisa da imaxinación,
vontade e coraxe de cada vez máis labregos e
labregas, e de consumidores e consumidoras, que
apostan por avanzar contracorrente producindo e
consumindo con criterios agroecolóxicos; tamén é
certo que se bota de menos a valentía e iniciativa
dos poderes públicos, que teñen nas súas mans o
poder de levar a cabo políticas e iniciativas que
poderían potenciar a agroecoloxía como a compra
pública de alimentos con criterios como a cercania
ou o respecto polo medio ambiente, o desenvolvemento
de normativas favorables ás pequenas producións, o
financiamento de proxectos, facilitar o acceso á
terra, darlle unha nova orientación á formación
agraria ou o apoio de canles curtas de
comercialización coma os mercados labregos.
Por iso, as organizacións e persoas participantes no
Foro Labrego de Agroecoloxía, nas parroquias,
concellos, comarcas, vilas e cidades onde
desenvolven a súa actividade, tiveron claro que
as demandas políticas e sindicais para que os
poderes públicos apoien e promocionen a agroecoloxía
deben complementarse coa iniciativa cidadá á hora de
converter a produción ou o consumo de alimentos nun
acto consciente e revolucionario que nos leve a
superar o sistema agrícola e alimentario actual,
enfermo e insostible, cara a outro con vontade de
permanencia que sirva para alimentar a humanidade
sen agredir a súa saúde ou o planeta que a sustenta.
Sindicato Labrego Galego