NÚMERO 338 - 19/12/2016
CUTUDC / Novidades
Coa derrogación do decreto 149/2008, xa non existe límite de potencia nin de cantidade para as plantas de biomasa. Un vello anceio de ENCE: ter a medio país producindo eucalipto para pasta e ao outro medio madeira para queimar...
A "lei de acompañamento"
dos orzamentos anuais (Lei de medidas fiscais e
administrativas) tense convertido nunha espúrea
ferramenta para modificar pola porta de atrás
lexislación varia, furtando o trámite e o debate
sectorial. En anos pasados, tanto o governo estatal
como a Xunta teñen usado profusamente este
subterfuxio para desmontar cautelas ambientais: o
machetazo á lei de costas por Aznar nos orzamentos
de 2002 que abríu a porta á burbulla inmobiliaria no
litoral; as modificacións da lei do Solo por Feijóo
en 2010; a supresión da avaliación de efeitos
ambientais e de toda a lexislación galega contra o
ruido en 2012...
Agora tócalle á biomasa, cuxo marco normativo
aprobado polo bipartito en 2008, o
Decreto 149/2008, será derrogado por Feijóo
na devandita "lei de acompañamento" dos orzamentos
de 2017.
Isto significa que dende 2017, non haberá xa límite
de potencia (agora son 10MW por planta, con un
máximo de 80MW en total) para as instalación de
biomasa en Galiza. É xusto o que quería ENCE (ENergía
y CElulosa) para acadar o obxectivo de
estender o seu modelo de xeración eléctrica baseado
nas grandes térmicas, mediante os cultivos
enerxéticos (plantar-queimar-plantar) e que
traerá unha nova vaga eucaliptizadora.
As razóns polas que o Decreto 149/2008 que agora
vaise derrogar, establecía un tope de potencia para
as plantas de biomasa forestal, tanto unitaria
(10MW) como no conxunto de Galiza (80MW) estaban
relacionadas coa dispoñibilidade de materia prima
para queimar e coa sustentabilidade do proceso.
Tratábase de axeitar a potencia unitaria ao
combustíbel dispoñíbel nunha determinada área
xeográfica (50 km de radio arredor de cada
instalación) e non ao revés, para actuar como
complemento doutros aproveitamentos forestais e non
provocar un "efecto chamada". Queimar biomasa en
pequenas plantas debía ser un complemento á
explotación do monte, e non un fin en si mesmo.
Benvidos Mr. Nitens, Liquidambar, bambú; adeus
bosques autóctonos...
A partires de 2017 nada impedirá a ENCE ou á
patronal enerxética promover plantas de 50, 100, 200
MW que precisarán inxentes e continuas cantidades de
biomasa para queimar. E de onde vai sair tanta
cantidade de madeira? Pois dos cultivos
enerxéticos que como o Eucaliptus nitens,
as filiais e os testaferros forestais de ENCE veñen
plantando a eito dende hai anos por todo o país,
mesmo en territorios (zonas altas, interiores e
frías) aos que non podía chegar a variedade E.
globulus.
E non só o E. nitens vai formar parte desta
nova vaga de monocultivos enerxéticos: na
Orde de cultivos enerxéticos que o PP ten
preparada dende 2012 e que de seguro non tardará
moito en aprobar, están tamén especies como o
Liquidambar, a
Pawlonia ou mesmo a invasora
Acacia, que xunto co bambú poderán
ser aproveitadas en masas continuas monoespecíficas
de até 100 hectáreas e ciclos de corta de 4-6 anos.
A presión destes novos cultivos enerxéticos sobre os
ecosistemas galegos vai ser brutal: se as 8 plantas
de biomasa de 10MW de potencia unitaria previstas na
Orde que vai ser derrogada, demandan xa un
subministro anual de case un millón de toneladas (o
que supón entre 15.000 e 20.000 hectáreas anuais de
cortas, ver mapa lateral); multiplicar por 10 a
potencia máxima instalada (até os 800MW totais)
requeriria queimar todos os anos unha superficie
equivalente á metade da provincia de Pontevedra.
De onde vai sair toda esa terra? Pois da
transformación a forestal de terras agrícolas
produtivas e mesmo de chan rústico (tamén
na lei de acompañamento de 2017), aliás dos
terreos "abandoados" e de alto valor natural nas
zonas altas e interiores do país, que agora a
pasteira pode colonizar co E. nitens.
A necesidade continua de máis plantíos, con unhas
cantas especies de crecemento rápido xestionadas
polo oligopolio pasteiro-enerxético, suporá o
empobrecemento da biodiversidade, a perda dos
servizos ecosistémicos do monte e unha nova desfeita
paisaxística. Os cultivos enerxéticos debido ás súas
características e ciclos curtos, provocarán un
empobrecemento intensivo do solo, coa conseguinte
redución da fertilidade e da súa capacidade de
renovación, condicionando o seu aproveitamento
futuro para outros usos.
E dende a perspectiva socio-económica, a
promoción sen limitacións da biomasa pasa por adicar
a cultivos enerxéticos grandes superfícies de terras
de cultivo, perdendo máis capacidade de produción de
alimentos e soberanía alimentar, favorecendo o
abandono do agro e concentración da propiedade en
poucas mans, e condicionando o modelo produtivo dos
montes veciñais en man común.
Descargas
A enerxía da biomasa en Galiza (Copena e Simón)
ADEGA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript