NÚMERO 336 - 28/11/2016
CUTUDC / Novidades
Centos de alumnos percorreron as principais cidades galegas na segunda xornada de folga educativa convocada este curso para esixir a supresión das 'reválidas' e a derrogación da Lei Orgánica de Mellora Educativa (LOMCE).
Nesta ocasión, ademais
dun paro en todo o Estado impulsado polo Sindicato
de Estudantes, en Galicia chamaron á folga as
organizacións de alumnos 'Erguer!', Alaga
e Acción Universitaria, que celebraron
protestas en 16 localidades.
A capital galega acolleu unha das principais
protestas, pero tamén unha marcha dispersa,
na que varios centenares de mozos (apoiados por
Anpas Galicia e a Plataforma Galega en Defensa do
Ensino) saíron da Alameda compostelá pasados 20
minutos do mediodía.
Os primeiros foron os seguidores do Sindicato de
Estudantes (SE), portando unha pancarta na que
se podía ler 'Non ás reválidas franquistas'.
Minutos despois arrincaba o grupo máis numeroso de
manifestantes, o das organizacións de alumnos
galegas, encabezados pola pancarta co lema 'O
estudantado galego contra a LOMCE e as reválidas'
e que mantiveron a distancia respecto ao SE durante
todo o percorrido.
Ademais de entidades como Anpas Galicia, ou a
plataforma na que participan a CIG-Ensino, entre
outros, os mozos recibiron o apoio de representantes
políticos como Antón Sánchez e Luca Chao,
de En Marea, ou Ana Pontón e Xosé Luís
Rivas 'Mini', do BNG.
CONTRA AS "MENTIRAS" DO PP
En declaracións aos medios, a portavoz do sindicato
de alumnos Erguer!, Iria Figueroa, destacou o
seguimento da convocatoria de folga que, segundo os
datos provisionais que manexa, está secundada polo
90 por cento do alumnado de ensino medio e
bacharelato.
Figueroa reprochou ao goberno popular as súas
"mentiras" respecto das 'reválidas', realizando
declaracións "que daban a entender que se
terminaban", e "lexislando en sentido contrario", unha
dobre vara de medir que veñen denunciando os
estudantes desde que o goberno anunciara a paralización
da norma. "Por tanto, non
temos outro camiño que non sexa a mobilización",
sinalou.
A continuación, instou á Xunta e ao Goberno do
Estado a que "acepte dunha vez" o "clamor unánime
contra as 'reválidas' e a Lomce", reprochando o
"engano e a farsa" articulada ao redor do decreto
lei que aprobarán o próximo 28 de novembro, polo que
suspenderán temporalmente os efectos académicos
destas probas.
OUTRAS CIDADES
As protestas de alumnos estendéronse ao longo de
16 localidades de toda Galicia.
En Vigo, centos de estudantes saíron de Praza
América con puntualidade, nunha marcha na que se
corearon consignas e portaron pancartas con lemas
como 'Fóra reválidas franquistas' e 'En defensa do
ensino público'.
APOIO DE REPRESENTANTES POLÍTICOS
A deputada de En Marea Luca Chao cualificou
este xoves como "impresentable" que os
alumnos galegos non saiban aínda "de que van
examinarse" e pediu "botar abaixo" a LOMCE.
Así, criticou a LOMCE por ser unha lei
"segregadora, elitista" e que "vai en contra da
igualdade de oportunidades" e atenta "contra os
principios pedagóxicos básicos". "Estamos aquí
porque esta lei hai que botala abaixo", dixo a
deputada de En Marea.
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana
Pontón, instou á Xunta a que "escoite o clamor
da comunidade educativa en contra da LOMCE" e
"exerza as competencias que ten" en materia
educativa co obxectivo de impulsar unha "lei de
ensino" adaptada á "realidade" de Galicia.
Así, Pontón sinalou que dita lei debe apostar por
unha educación "de calidade, igualitaria, en
galego, feminista e que favoreza que o fillo ou
filla de calquera traballador poida ir á
Universidade do mesmo xeito que o fillo dun
empresario".
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández
Leiceaga, tamén apoiou aos manifestantes e
advertiu que as protestas poñen de manifesto a
"necesidade" de dar "unha solución definitiva"
aos alumnos de segundo de bacharelato que rexeitan
as reválidas.
En declaracións aos medios, Leiceaga lembrou que no
pleno desta semana o PSdeG trasladou ao presidente
da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a preocupación dos
estudantes dado que, segundo explicou o propio
Leiceaga, "a estas alturas do curso aínda non se
sabe como se farán as probas de acceso á
universidade".
GaliciaPress
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript