NÚMERO 334 - 14/11/2016
CUTUDC / Novidades
No contexto do #COP22 (Marrakech, 7-18 de novembro), O SLG, coma outras organizacións da Vía Campesina, vén de asinar un manifesto -As nosas terras valen máis có carbono- no que denuncia a utilización da terra como sumidoiro de carbono para enfrontar o #CambioClimático. Para nós, esta é unha falsa solución que só incrementará o perigo de acaparamento de terras e que non diminuirá a verdadeira causa do cambio climático: as emisións de dióxido de carbono.
As nosas
terras valen máis có carbono
O acordo de París deu
como consigna aos 196 estados membros da Convención
do Cambio Climático das Nacións Unidas limitar o
aumento das temperaturas por debaixo dos 2ºC ou
mesmo 1,5ºC, con respecto aos niveis
pre-industriais. Mentres que a COP 21 xerou unha
grande mobilización vnculada coa adopción dun acordo
internacional; a COP 22 non esperta o mesmo nivel de
atención. Porén, os desafíos seguen a ser de suma
importancia. Na COP 22, chamada “COP da acción”, ou
“COP da agricultura”, o risco é que se propoñan
precipitadamente unha serie de falsas solucións para
a agricultura. En maio pasado, na sede da Convención
Marco da ONU sobre Cambio Climático en Bonn, as
discusións sobre este sector xeraron tensións entre
os estados que evitaron escrupulosamente o tema
clave da diferenciación de modelos agrícolas en
función do seu impacto sobre os cambios climáticos e
a súa capacidade para garantir a soberanía
alimentaria dos pobos. Ao mesmo tempo, e fóra dos
espazos oficiais de negociación, fóronse
multiplicando as iniciativas voluntarias,
especialmente no sector privado, co risco real de
que se impoñan nas futuras políticas públicas dos
estados.
Mentres que o 94% dos estados mencionan a
agricultura na súa estratexia para afrontar e loitar
contra os desaxustes climáticos, o Acordo de París
non utiliza nin unha soa vez a palabra
“agricultura”. Hai que ler entre liñas para entender
os verdadeiros retos. A expresión “pozos de carbono”
é a que esconde realmente a cuestión altamente
política da agricultura. É certo que os solos xogan
un papel importante no almacenamento do CO2 (dióxido
de carbono) ao converterse en verdadeiros “pozos de
carbono”, do mesmo xeito que os bosques. Porén, esa
non é a única función dos solos, especialmente cando
se trata de terras agrícolas que son esenciais para
a soberanía alimentaria.. Lamentablemente, a súa
utilización (tal e como se entenden na expresión
“sector de terras”) na loita contra o cambio
climático constitúe unha grande oportunidade para os
promotores de falsas solucións e serve de escusa
para a inacción pública. Ao prever un equilibrio
entre as emisións e as absorcións a través dos pozos
de carbono, o Acordo de París ratificou o principio
de compensación para afrontar a crise climática.
Esta noción non significa que as emisións deban
baixar efectivamente, senón que as emisións e as
absorcións deben compensarse entre si. Este enfoque
púxose en práctica cos bosques a través do polémico
mecanismo REDD+ e pretende estenderse ás terras
agrícolas, o novo Eldorado do carbono. É importante
lembrar que á inversa das emisión que se logra
evitar, o almacenamento natural do carbono é
reversible e ten unha duración limitada. En troques
de tratar de reducir drasticamente as emisións de
gases de efecto invernadoiro, a agricultura
convértese nun elemento contable que permite manter
ou mesmo seguir aumentado as emisións. Deste xeito,
foron xurdindo ao redor dos debates sobre o clima
diversas iniciativas moi cuestionadas pola sociedade
civil e os movementos sociais por representar o que
moitos consideran como falsas solucións. No caso da
Agricultura Climaticamente Intelixente e a súa
alianza global (GACSA) que, a falta de criterios
claros, promove solucións contraditorias como a
agroecoloxía e o uso de sementes transxénicas e os
seus pesticidas. Por outra banda, o 60% dos
representantes do sector privado na GACSA son
empresas produtoras de pesticidas ou insumos
químicos. Esta alianza e o seu concepto non son máis
ca unha casca baleira que utilizan as multinacionais
da agroindustria para seguir coa industrialización
da agricultura, poñendo en perigo a labregos e
labregas. Do mesmo xeito, a iniciativa 4 por 100 non
logra tomar decisións claras que permitan a
transición dos sistemas agrícolas. A súa visión
fragmentada impídelle abranguer problemáticas máis
amplas que vaian máis alá do almacenamento de
carbono, como por exemplo o uso de herbicidas. Sen
un cuestionamento real do modelo agroindustrial,
altamente dependente de insumos químicos e orientado
á exportación, este tipo de iniciativas non teñen
cabida na lista de solucións.
Máis alá da cuestión do modelo agrícola, tamén se
cuestiona o risco de presión sobre as terras e a
financiarización dos recursos naturais. Polo tanto,
transformar as terras agrícolas en ferramenta de
loita contra o cambio climático a través da
compensación, incrementa a presión exercida sobre
ditas terras. Ao ser as primeiras vítimas dos
impactos dos desaxustes climáticos, os labregos e
labregas sofren unha dobre ameaza. Se queremos
favorecer os investimentos, especialmente privados,
na agricultura para almacenar máis carbono, serán
necesarias extensións xigantescas de terras cun
risco crecente de acaparamento. Un risco que sería
moito maior se asociasen esta procura desenfreada de
terras con mecanismos relacionados coas finanzas
carbono. Moitos estudos sobre mecanismos semellantes
desenvolvidos para os bosques (como REDD+) xa
demostraron o perigo que representa este enfoque e a
súa escasa consideración polos dereitos humanos.
Esta forma de loita contra o cambio climático é a
porta aberta a que se poñan aínda máis en perigo os
dereitos dos labregos e das labregas e os seus
coñecementos, a soberanía alimentaria e a
integridade dos ecosistemas.
As nosas organizacións denuncian este enfoque fronte
á crise climática que inicia unha carreira
desenfreada para compensar as emisións de carbono.
Só unha redución drástica e inmediata das emisións
de gases de efecto invernadoiro permitirá reducir,
ou polo menos impedir, un incremento dramático dos
impactos desta crise. As terras agrícolas non poden
transformarse en ferramentas contables para
administrar a crise climática. Son fundamentais para
uns mil millóns de persoas no mundo que traballan
pola soberanía alimentaria, dereito inalienable dos
pobos, que xa está sendo socavado. Defendemos a
existencia dunha agricultura quen de responder aos
desafíos agrícolas hoxe en día amplificados pola
crise climática. Unha agricultura, baseada na
agroecoloxía labrega que, máis alá dun corpus de
prácticas, defende unha agricultura social e
ecolóxica arraigada nos territorios e que rexeita a
financiarización da nosa natureza.
Podes acceder ao comunicado da Vía Campesina
respecto desta cuestión AQUÍ
De seguido, as organizacións asinantes: 350.org,
Action contre la faim, Alternatives-Canada,
Attac-France, Biofuelwatch-UK/US, CCFD - Terre
Solidair, COAG (Coordinadora de Organizacións
Agrarias e Gandeiras), Sindicato Labrego Galego,
Confédération paysanne, Ecoloxistas en Accion,
EcoNexus, Fairwatch-Italy, FERN, FOCSIV (Federazione
Organismi Cristiani Servizio Internazionale
Volontario), FNH, (Fondation Nicolas Hulot pour la
Nature et l'Homme), Grassroots Global Justice, Leave
it in the ground, Inititative (LINGO) -
International, Oxfam-France, Solidaires, Ts'unel Bej
- Sembrando Camino (Mexique)
SINDICATO LABREGO GALEGO
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript