NÚMERO 334 - 14/11/2016
CUTUDC / Novidades
Das 53 comarcas que conforman Galicia, 30 presentan un risco alto de concentración de radon. A exposición a este gas é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Por iso o Código Europeo Contra o Cancro, publicado en 2014 pola Axencia Internacional de Investigación en Cancro da Organización Mundial da Saúde (OMS), sinálao como unha das exposicións ambientais a reducir.
Para facilitar
a planificación e execución de accións encamiñadas a
reducir a concentración deste gas, non só no ámbito
das vivendas, senón tamén nos lugares de traballo,
acábase de presentar o Mapa de Radón de Galicia.
Este novo traballo, obra dun equipo da USC, foi
presentado polos profesores de Medicina
Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano
Raviña, e Juan Miguel Barros Dios, este
último director do Laboratorio de Radon de
Galicia e responsable do proxecto.
No estudo, constátase que, dadas as características
xeolóxicas do solo, Galicia é unha zona de elevada
de exhalación de radon, que se fai máis manifesta
nas provincias de Ourense e Pontevedra.
O mapa, que inclúe máis de 3.400 medicións de radon
residencial xunto cunha descrición da situación nos
distintos concellos, é froito do traballo de moitos
anos apoiado por distintos proxectos de
investigación e pretende ser un servizo á
cidadanía, entidades municipais e Administración.
Precisamente esa utilidade do mapa como "instrumento
de servizo público" é algo que salienta con forza o
profesor Ruano, que aproveita para lembrar que no
laboratorio realizan medicións de radon interior
a demanda de calquera persoa ou entidade.
Os responsables do laboratorio inciden na
importancia da prevención, e apuntan solucións
que pasan pola implicación das Administracións
Públicas estatais, autonómicas e locais e por que o
radon se inclúa no Código Técnico de Edificación.
"Así, impedindo a entrada do gas nesas zonas
de alto ou medio risco evitaríase o problema de
raíz", conclúe Ruano.
30 COMARCAS EN ALTO RISCO
Despois de décadas co límite da concentración de
radon en 200 Bq/m3 en Europa, a OMS reduciuno en
2009 a 100 Bq/m3 nun informe no que participaron
ambos os dous profesores da USC. Mais en 2018
entrará en vigor a nova directiva europea
2013/59/Euratom que sube de novo este límite,
pero esta vez a 300 Bq/m3. Para Ruano este é un
umbral "bastante alto para marcar o punto a partir
do cal hai que actuar para reducir a concentración
deste gas, sobre todo tendo en conta que dende 1988
a Axencia de Protección Ambiental norteamericana
considera 148 Bq/m3 como nivel de referencia, a
metade que en Europa". Como novidade, a nova
directiva europea establece tamén 300 Bq/m3 o límite
en lugares de traballo.
Establecendo o límite que marca esa nova directiva,
das 53 comarcas que conforman Galicia 30 presentan
un risco alto de concentración de radon. Pero a
situación vólvese máis preocupante ao baixar ese
límite aos 200 Bq/m3. Neste caso, son 42
as que presentan alto risco, estando en medio as de
Terra Cha, Fonsagrada, Deza, Ordes e Terra de
Soneira; e en baixo, Fisterra, Ulloa, Terra de
Melide, Eume, Mariña Central e Meira.
Galiciapress
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript