NÚMERO 334 - 14/11/2016
CUTUDC / Novidades
Santiago de Compostela, 10/11/2016-. A Mesa pola Normalización remitiu hoxe unha solicitude de reunión a todos os grupos da cámara galega para acordar as primeiras accións a prol do galego diante da nova lexislatura que se abriu.
Segundo sinala no seu
escrito a principal entidade social de defensa da
lingua de Galiza, “o galego debe contar con accións
de impulso por parte de toda as forzas políticas”, e
lémbralles o acordado con todos eles na Declaración
de Unidade a prol da Normalización da Lingua galega,
asinada o 15 de xullo de 2015.
Na carta enviada aos grupos parlamentares sinálase
que “entre todas e todos debemos reverter o proceso
de desgaleguización e perda de falantes que sofre a
nosa lingua”, acelerado nas últimas lexislaturas,
tal e como lembran todos os estudos realizados.
Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “non se
pode demorar por máis tempo a aplicación dos acordos
comúns contemplados nesta declaración da que
formaron parte non só os grupos representados no
Parlamento, senón partidos con representación
municipal”.
Todos os grupos da cámara falaron hoxe de actuar a
favor do galego e de chegar a acordos ao respecto,
da Mesa lembran que “os acordos existen e están
aprobados polo propio Parlamento mais que cómpre
vontade política para aplicalos”.
Neste sentido a Mesa xa remitira a todas as
organizacións que concorreron ás pasadas eleccións
unha proposta de 6 medidas urxentes, que ademais
foron a base da última mobilización do pasado 17 de
maio, apoiada por todas as forzas da oposición.
Estas seis medidas urxentes, contempladas no PXNLG,
teñen relación coa CRTVG, o ensino e lecer infantil
e xuvenil, administración pública os transportes,o
intercambio do sinal RTP-CRTVG e o condicionamento
de subvencións.
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript