NÚMERO 333 - 07/11/2016
CUTUDC / Novidades
Onte mércores, día 2 de novembro, foron xulgadas 15 persoas nos xulgados de Coruña por 'inxurias á Garda Civil' por pedir o esclarecemento da morte de Diego Viña, un mozo de 22 anos que foi achado morto no cuartel da Garda Cvivil de Arteixo (Coruña) en setembro do 2004.
Os feitos dos
que se lles acusan foron por unha
concentración levada a cabo no ano 2010, convocada
polo colectivo 'Nais contra a impunidade', fronte a
unha igrexa onde a Garda Civil celebraba unha misa
polo 12 de outubro. Na devandita concentración
pedíronse explicacións e responsabilidades sobre a
morte deste mozo, e varias persoas foron
identificadas e abriuse unha querela criminal por
parte do instituto armado.
Onte, unha concentración en apoio arroupou ás
Nais á entrada dos xulgados. O xuízo, que fora
aprazado desde o pasado mes de xuño, centrouse nas
supostas inxurias á Garda Civil, non deixando en
ningún momento nomear o tema da morte de Diego Viña,
que foi pola que se convocou dita concentración. Nin
o dereito da familia para coñecer a verdade, nin as
estrañas circunstancias que rodearon a morte deste
mozo no cuartel de Arteixo, puideron ser
practicamente nomeadas no xuízo, onde tanto o xuíz
como o fiscal cortou a calquera dos acusados ou
avogados que tentaron nomear o tema: “Esa non é a
cuestión, aquí estamos para xulgar un delito de
inxurias á Garda Civil”, dixo varias veces o xuíz
mentres cortaba as distintas declaracións.
Os Gardas Civís que declararon incorreron en varias
contradicións, sobre todo en torno ao número de
persoas concentradas naquela mobilización. Tamén
desde Nais denuncian outras irregularidades,
como unha gravación realizada por un axente de
paisano co teléfono móbil que na que non se lles
chega a identificar a ninguén, pero que foi admitida
como proba.
Das 15 persoas acusadas a maioría acolléronse ao
dereito de non declarar, excepto dúas que declararon
por vídeo-conferencia e outras dúas en persoa, entre
elas o avogado Fran del Buey, que recoñeceu que
estaban concentrados, pero que o que estaban a facer
era pedir explicacións sobre a morte de Diego Viña.
Del Buey defendeu que “estamos en todo o noso
dereito de pedir explicacións, posto que a nai de
Diego non recibiu apoio nin recoñecemento ningunha
das institucións”. Unha vez máis, a súa intervención
foi cortada, baixo o argumento de que “estamos aquí
por inxurias á honra da Garda Civil”.
Segundo nos conta Pastora, membro de Nais, nai do
ex-preso FIES xa falecido Xosé Tarrío, e unha das
imputadas neste caso, os avogados cren que a maioría
das persoas serán absoltas, pero preocúpalles que se
queira usar este xuízo para ir contra varias
persoas, entre elas Fran del Buey ou ela mesma. Cre
que hai persoas “ás que nos teñen moitas ganas” como
represalia ao traballo levado a cabo desde a
asociación Nais contra a impunidade.
Sobre o apoio recibido ante este proceso, Pastora
coméntanos que “estou sumamente orgullosa de toda a
xente que veu a solidarizarse connosco fronte ao
xulgado e ao resto de persoas que se concentraron
noutras partes do estado e mesmo no estranxeiro.
Pero quero recalcar que aínda así, tería que haber
máis xente, esta nai tería que ter máis apoio.
Estamos a falar dun rapaz de 22 anos que foron á súa
casa para detelo sen orde de detención, cunha
denuncia falsa, e que ao final á súa nai
devolvéronlle ao seu fillo cos pés por diante. Esta
nai tería que ter o apoio de toda España”.
Tras as tres horas e media que durou o xuízo, quedou
finalmente visto para sentenza, os acusados
enfróntanse a unha petición fiscal de 44.000 € de
multa ou 9 meses de prisión.
Texto completo en:
http://www.lahaine.org/visto-para-sentencia-el-juicio-1
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript