NÚMERO 333 - 07/11/2016
CUTUDC / Novidades
As ONG Amigos da Terra e Alianza pola Solidariedade entregaron esta mañá ao embaixador de Guatemala en España, Fernando Molina Girón, 23.000 sinaturas "para esixir a retirada definitiva da empresa Ecoener-Hidralia do país". Acusan á hidroeléctrica española de atentar contra os dereitos das comunidades indíxenas e locais.
A acción
simbólica buscaba levar aos representantes do
goberno guatemalteco "a voz das comunidades de
Guatemala e de todas as persoas que apoiaron a
campaña en defensa das comunidades afectadas e
contra a actuación da empresa".
A compañía, que chegou ao país centroamericano en
2007, é a promotora dun proxecto hidroeléctrico no
río Canbalam, sito no territorio indíxena de Santa
Cruz de Barillas.
Os colectivos opositores acusan á dirección da
empresa de vulnerar os dereitos das
comunidades residentes: "Non só se violou o dereito
a unha consulta previa sobre a obra, libre e
informada, senón que Ecoener-Hidralia fomentou a
represión contra os líderes das comunidades que se
opuxeron a ela", apuntan, o que desencadeou
encarceramentos arbitrarios e varios asasinatos
destes líderes, segundo afirman as dúas ONG nun
comunicado.
O pasado 10 de decembro, con motivo do Día dos
Dereitos Humanos (DDHH), Antonio Rogelio Velásquez e
Saúl Aurelio Méndez, recibían o premio Orde
Monseñora Juan José Gerardi Gondera aos DDHH 2015.
Ambos son presos políticos pola súa oposición
á construción dunha central hidroeléctrica",
apuntaban entón desde Alianza pola Solidariedade. En
total, son nove as persoas en prisión por estes
motivos, tal como denuncian a ONG e a Asemblea de
Pobos de Huehuetenango.
Rexeitamento popular
As comunidades residentes na zona onde está
proxectada a central hidroeléctrica organizaron unha
consulta popular sobre a iniciativa, que se
saldou cunha negativa de máis do 90%. É unha das
numerosas accións que organizacións guatemaltecas e
españolas realizaron contra a construción do
complexo.
Ademais, o caso sobre a agresión aos DDHH na zona
presentouse a semana pasada ante a ONU "co
fin de demostrar a necesidade dun tratado vinculante
internacional que acabe coa impunidade de empresas
multinacionais ante as violacións de dereitos
humanos e ambientais que cometen coas súas
operacións no estranxeiro", remarcan desde os
colectivos.
Almudena Moreno, coordinadora de desenvolvemento
sustentable de Alianza pola Solidariedade e
responsable da
campaña TieRRRa, apuntou esta mañá que a
acción era "o broche final dun ano de mobilizacións
a favor das comunidades de Barillas, onde demos a
coñecer un dos casos máis graves de violación dos
dereitos humanos".
Na súa opinión, "Ecoener-Hidralia debe retirarse do
país dunha vez por todas, cancelar calquera
expectativa de proxecto nesta rexión onde viven
comunidades locais vinculadas ao río, para evitar
así que o conflito social e ambiental empeore".
Pola súa banda, Alejandro González, coordinador de
Amigos da Terra apuntaba hoxe: "Documentáronse os
atropelos ocorridos na rexión, que se denunciaron en
diversas accións tanto en Guatemala como en España.
Agora que Nacións Unidas resolveu establecer un
mecanismo vinculante sobre Dereitos Humanos e
empresas, esperamos que deixen de existir casos como
o de Barillas e a empresa española Hidralia en
territorio foráneo".
O de Barillas non é o único proxecto polémico dunha
hidroeléctrica española no país. A empresa
Cobra-ACS puxo en marcha a construción dun
enorme complexo hidroeléctrico en Guatemala, sen que
se lle preguntase aos máis de 29.000 indíxenas aos
que afectan as obras.
Diagonal Periódico
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript