Novembro de 2016
 
 

NÚMERO 333 - 07/11/2016

   CUTUDC / Novidades

  FRONTEIRAS INTERIORES
 

CIE: os inútiles cárceres de sen papeis

Varios axentes de policía recíbente e fanche entrega dun fino colchón –parecido ás que hai nos calabozos das comisarías–, un xogo de sabas e un pequeno kit de aseo. Lévante a unha habitación con liteiras que compartes con entre cinco e sete persoas máis.

 

  • Noticias relacionadas

 

Cun pouco de sorte non terás que coñecer a sala de illamento durante os ata 60 días que poderás estar ingresado aquí. Acabas de chegar ao Centro de Internamento (CIE) de Aluche, unha das nove instalacións que existen no Estado español destinadas a encerrar ás persoas en situación irregular ata que son deportadas.
 
Os CIE creáronse en España, a nivel legal, coa primeira Lei de Estranxeiría de 1985, como un dos chanzos dunha política migratoria que pasa pola instalación de coitelas para evitar o salto do valo en Melilla e Ceuta; convenios con países como Mauritania e Marrocos para a xestión de centros deste tipo no seu territorio; redadas por perfil étnico dentro das nosas fronteiras –ordenadas polo Ministerio de Interior de Pérez Rubalcaba en 2010– e pola posterior deportación.
 
No seu artigo 26.2, a Lei de Estranxeiría establécese a "posibilidade de acordar xudicialmente, con carácter preventivo ou cautelar, o ingreso en centros que non teñan carácter penal de estranxeiros incursos en determinadas causas de expulsión mentres se sustancia o expediente". Cando, quince anos máis tarde, se puxo en marcha o primeiro centro de internamento, as súas instalacións non parecían unha cárcere, pero si un campo de concentración.
 
O CIE de Tenerife, o primeiro a nivel estatal, abriu as súas portas en 1999 nas instalacións do antigo aeroporto da illa. Pechounas cinco anos despois, por mor das continuas denuncias realizadas desde organizacións sociais polas condicións infrahumanas que se vivían dentro. Nos seus 1.500 metros cadrados, chegaron a estar hacinadas arredor de 1.300 persoas.
 
O CIE de Aluche foi inaugurado o 28 de xuño de 2005 –durante o Goberno de Zapatero– nun complexo de 10.000 metros cadrados que supuxo un investimento de 11 millóns de euros, situado no mesmo sitio onde antes se atopaba o hospital do antigo cárcere de Carabanchel. Un ano despois abriu as súas portas o CIE de Zona Franca (Barcelona).
 
Antes da apertura do primeiro CIE xa se utilizaban dependencias policiais para internar a xente á espera da súa deportación, segundo explica a Diagonal o avogado Andrés García Berrio, membro da plataforma Iridia. "A medida que os procesos migratorios se foron agudizando, fóronse utilizando espazos específicos", sinala. Actualmente existen nove CIE repartidos por todo o Estado: Madrid, Barcelona, Valencia, Murcia, Forteventura, As Palmas, Alxeciras e Tarifa. Cada un ten capacidade para albergar ata 250 persoas por un máximo de 60 días.
 
Os CIE creáronse seguindo o modelo de Estados Unidos, que desde finais do século XIX comezou a confinar na illa Ellis –illote situado no porto de Nova York– aos europeos que tentaban chegar á terra das oportunidades ata que fosen deportados, unha práctica que seguiu despois en 1980, xa con haitianos e cubanos, no Centro de Detención de Guantánamo, e que non se legalizou ata 1996.
 
Pola súa banda, o Parlamento Europeo contemplou na lexislación comunitaria a figura do CIE en decembro de 2008, coa aprobación da Directiva 2008/115/CE, tamén coñecida como 'de Retorno' ou 'da vergoña', sobre a política común europea para a devolución de cidadáns en situación irregular.
 
"A mera existencia dos CIE é en si unha vulneración dos dereitos humanos ao supor un castigo de privación de liberdade por unha falta administrativa", afirma Clara García, de SOS Racismo.

Entre as principais críticas aos CIE, desde esta organización apuntan á vulneración do dereito de asilo ou a deficiente atención médica, problema que se visibilizou especialmente en 2011 coa morte de Samba Martine no CIE de Aluche e de Ibrahim Sissé no centro de Zona Franca, en Barcelona.
 
A atención sanitaria en todos os CIE está xestionada, desde agosto de 2014, pola empresa privada Clínica Madrid. O contrato, por preto de 1,05 millóns de euros anuais, contempla a presenza dun médico desde as 8h ata as 22h entre semana e de 10h a 13h os fins de semana só nos centros de Aluche e Valencia. No resto de centros de internamento, a presenza dun médico é aínda máis reducida. Nas Palmas, Tenerife e Forteventura, o médico está presente só durante un par de horas nos días laborables, deixando aos internos sen ningún tipo de atención sanitaria en fin de semana. 
 
Tamén a vulneración do dereito a asistencia xurídica. "Vemos que moitas veces hai persoas que pasan os seus 60 días sen ver ao seu avogado, e sen máis información que un folleto que, ás veces, é practicamente ilexible", detalla Clara García. En moitas ocasións, os internos nin sequera teñen ocasión de contar cun intérprete.
 
Con todo, unha das vulneracións máis denunciadas ten que ver coas agresións e malos tratos que sofren moitos internos neste tipo de centros e que a maioría das veces non chegan á xustiza porque as vítimas son deportadas.
 
É posible pechar os CIE
O pasado 28 de outubro, Madrid converteuse na terceira cidade que aprobou unha moción para esixir o peche dos CIE. "Aínda que a decisión é do Goberno central, é importante que desde as institucións locais se inste o peche", sinala Clara García, que destaca tamén o papel dos internos que levaron a cabo unha protesta o pasado 18 de outubro no CIE de Aluche e da cidadanía que se mobilizou no seu apoio. "Conseguiron que a axenda mediática mire onde nunca mira", apunta.
 
Antes de Madrid, Barcelona e Valencia xa fixeron declaracións institucionais neste sentido. No caso de Barcelona, seguidas por accións desde a Alcaldía para premer ao Goberno central, utilizando ferramentas administrativas. Desde o Goberno central, a resposta foi reforzar as medidas de seguridade e, desde o PSOE, pedir explicacións en canto ás vulneracións de dereitos humanos nestes espazos, pero sen cuestionar a súa existencia. Con todo, é posible botar o peche aos CIE?
 
"A Directiva de Retorno permite, pero non obriga, aos Estados membros ter centros de internamentos", explica García Berrio. A día de hoxe, este tipo de centros existen en todos os países da Unión Europea. "O contexto europeo é absolutamente vulnerador de dereitos", considera este avogado, que lamenta que a normativa europea permita ata 18 meses de peche.
 
García Berrio valora o modelo en política migratoria de países como Ecuador ou Arxentina, país este último onde non foi ata o actual goberno de Mauricio Macri cando se abriu un centro de internamento de estranxeiros. "Son dous países que recoñecen o dereito á migración, e iso fai que se expoña unha política de fluxos migratorios máis realista e menos represiva cara ao propio feito de migrar", explica o avogado.
 
Segundo detallan desde Iridia, a incidencia destes centros no control de fluxos migratorios é "absolutamente irrisoria en cifras, pero non en canto a sufrimento".
 
Os datos do Instituto Nacional de Estatística danlles a razón: en 2014 ata 300.000 persoas abandonaron o Estado de maneira voluntaria. Ese mesmo ano, a cifra de persoas expulsadas desde os CIE non superou as 4.000. "Poderíanse pechar os CIE mañá e limitar as deportacións forzosas ao mínimo sen afectar os fluxos migratorios. Para que te vas a gastar o diñeiro e producir sufrimento deportando de forma forzosa cando moita xente está disposta a volver ao seu país de forma voluntaria noutro tipo de circunstancias?", pregúntase García Berrio. "O que fai falta é un cambio de paradigma", conclúe.
 
Diagonal Periódico
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript