Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 332 - 31/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Oposición. Debate e toma de decisións

O proceso de redución de cargos académicos e de departamentos evidenciou, nunha parte do profesorado da nosa universidade, un proceder impropio do espírito universitario. Escapar da deliberación nos órganos de representación da comunidade universitaria nada ten que ver co fomento da racionalización das ideas, a reflexión e a comprensión da realidade a través do debate.

 

  • Noticias relacionadas

 

 Para a difusión dos seus criterios e alternativas, os que non hai moito se presentaron como alternativa ao actual reitor, acudiron a medios moito máis cómodos para eles. Recorrendo a comunicados e roldas de prensa intentaron esconder os seus particulares intereses que son os que realmente están debaixo do seu posicionamento. Utilizaron, para iso, un argumentario cheo de mentiras e medias verdades que non soportarían o debate directo, escamoteárono por ese motivo.
 
Para canalizar o debate e a toma de decisións a universidade dotouse de instrumentos, órganos colexiados, nos que toda a comunidade universitaria está representada. Parte dos que hoxe reclaman como condición para a súa participación no debate que a toma de decisión sobre a redución que propón a CEPREA se adopte no Claustro, (como non foi deste xeito “escusaron” a asistencia á sesión convocada), foron no seu día, os encargados de atribuír funcións aos distintos órganos de goberno. Nese momento deixaron practicamente baleiro de contido ao Claustro, circunscribindo o debate e a toma de decisións máis importantes nun ámbito máis reducido, o Consello de Goberno. Ou pensaron que sempre terían a maioría ou ben fixérono por criterios ideolóxicos, pois á dereita nunca lle interesaron nin os debates nin as decisións participativas. Sofren na súa pel os efectos das decisións das que eles mesmos son corresponsables.
 
Por outra banda, se o proceso de “racionalización” e o resultado final do mesmo fose tan prexudicial como se sinala para o colectivo de PDI, con despedimentos etc. estráñanos a ausencia de pronunciamento nese senso dos órganos de representación sindical des@s traballador@s.
 
Somos @s primeir@s en recoñecer que o marco representativo é insuficiente. A universidade debe propiciar a participación, o debate e a toma de decisións no órgano de máis ampla representatividade. Estamos segur@s de que esa non é a intención destas persoas, e aínda que o fose, non cremos que actuar como o fixeron sexa a forma de conseguilo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript