Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 331 - 24/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  PODER XUDICIAL
 

O Tribunal Supremo recoñece o dereito dunha xuíza para prorrogar a súa redución de xornada para o coidado fillo enfermo

A situación foi prorrogada en tres ocasións, pero a cuarta solicitude denegóuselle por este mesmo órgano que considerou que os coidados que necesita o neno durante o horario de traballo da nai poden ser asumidos polo pai que non traballa.

 

  • Noticias relacionadas

 

Comunicación Poder Xudicial.
A Sala do contencioso-administrativo anulou a decisión da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial de non prorrogar a redución de xornada dunha xuíza para o coidado do seu fillo enfermo.
 
O Consello Xeral do Poder Xudicial concedeu á maxistrada unha redución de xornada dun 80 por cento para coidar do neno, menor de idade, que naceu con múltiples enfermidades conxénitas. Como tiña que ser hospitalizado con frecuencia, a nai adaptou a vivenda seguindo as indicacións do servizo médico do Hospital da Paz que desaconsellaban os ingresos, debido, entre outras razóns, ao alto risco de infección respiratoria. Os mesmos médicos formaron á muller para que puidese coidar ao seu fillo preferentemente en casa.
 
O permiso que se lle concedeu o 23 de outubro de 2013 non afectaba o seu soldo e supoñía que a xuíza tiña que ir un día á semana ao xulgado, encargándose un xuíz substituto do resto das xornadas e das gardas. A medida concedéuselle por un período de seis meses, sempre que subsistise a situación e sen prexuízo de posibles prórrogas.
 
A situación foi prorrogada en tres ocasiones, mediante acordos da Comisión Permanente de 29 abril 2014, 27 outubro de 2014 e 27 de maio 2015, pero a cuarta solicitude foi denegada por este mesmo órgano que considerou que os coidados que necesita o neno durante o horario de traballo da nai poden ser asumidos polo pai que non traballa. No mesmo indicábase que as enfermidades graves acreditadas polo seu fillo menor non requirían actualmente ingreso hospitalario de longa duración polo que non concorría o suposto que require unha licenza deste tipo –artigo 223 h) Regulamento Carreira Xudicial (coidado directo, durante a hospitalización e tratamento continuado, do fillo menor afectado por enfermidade grave ata que cumpra os 18 anos con 50% redución xornada como mínimo sen tope máximo), sen prexuízo de que solicite outra máis acorde coa situación padecida, como a prevista no artigo 223 e) do Regulamento de Carreira Xudicial (coidado directo de menor de doce anos con tope máximo do 50% de redución con diminución proporcional de retribucións) .
 
En desacordo con esta decisión, a muller presentou recurso contra o devandito acordo no que argumentaba que a súa situación se encadra no suposto de hospitalización e tratamento do fillo menor de idade do artigo 223 h) que permite a redución de xornada sen diminución de retribucións, polo menos na metade do período de audiencia pública. Engadía que a adaptación da súa vivenda, o coidado continuado e especializado do menor e a supervisión do servizo médico do hospital equiparan a súa situación á de hospitalización. E, por último, sobre a posibilidade de que o seu marido se ocupase dunha parte dos coidados, sostiña que non estaba preparado e que o seu matrimonio estaba en crise.
 
Falta de xustificación
A Sala Terceira na súa sentenza conclúe que o CGPJ acordou inicialmente a redución de xornada baseándose conxuntamente nos apartados e) e h) do artigo 223 do Regulamento da Carreira Xudicial, e ese mesmo criterio mantivo nas sucesivas prórrogas. Así mesmo engade que “se considerou varias veces que a situación é encadrable no referido apartado h), debería explicar que cambiou nesta ocasión con respecto a anteriores solicitudes de prórroga da redución de xornada inicialmente concedida en 2013. Ao non facelo así, o argumento de que o apartado h) non é aplicable ao presente caso non pode ser acollido. Noutras palabras, o acto impugnado apártase inmotivadamente do criterio seguido en ocasións similares anteriores”.
 
A sentenza considera que as razóns aducidas para denegar a solicitude de prórroga non son axustadas a dereito e que, ademais, o propio Consello Xeral do Poder Xudicial accedera no pasado a solicitudes similares con respecto á mesma situación. Por todo iso, estima a pretensión subsidiaria exposta pola maxistrada recoñecendo o seu dereito á prórroga nos mesmos termos en que se acordou a última.
 
Con todo, rexeita a petición principal exposta pola xuíza relativa a que se lle recoñeza o dereito a unha redución de xornada do 100%; un extremo sobre o que nunca se pronunciou o Consello Xeral do Poder Xudicial.
 
Arquivos asociados
 
TS Contencioso 11 oct 2016

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript