Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 331 - 24/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  PENSIÓNS
 

Catro de cada dez xubilados españois sobreviven co salario mínimo

As medidas adoptadas para buscar o equilibrio das contas da Seguridade Social española fixeron fincapé tradicionalmente nos gastos. Unhas consistiron en endurecer o acceso ás pensións e outras afectaron á súa contía, como o tope de revalorización anual vixente desde 2014.

 

  • Noticias relacionadas

 

A pesar diso, o sistema arroxa un déficit galopante, debido á lentitude coa que crecen os ingresos por culpa da alta taxa de paro, da precariedade laboral e das bonificacións concedidas polo Goberno aos empresarios.
 
Ao poñer o foco sobre os gastos, transmitiuse á opinión pública a impresión de que o Estado paga unhas pensións que están por encima das súas posibilidades. E de que por iso, e non por outra cousa, foi necesario esquilmar o Fondo de Manobra da Seguridade Social, que xa non dá para máis dun ano, como se desprende do documento do Goberno enviado ás autoridades de Bruxelas. Con todo, a pesar do suxerido polas mensaxes oficiais, a situación dos pensionistas españois non é moi boiante.
 
Os datos que proporciona a Seguridade Social deixan pouco marxe á dúbida: a pensión media de xubilación apenas supera os mil euros mensuais (1.046,28 en setembro pasado). Esa cifra equivale, en números redondos, á metade da retribución media dun traballador en activo, o que dá unha idea da perda de nivel económico que experimentan quen sae para sempre do mercado laboral. Pero é que, ademais, case catro de cada dez perceptores (en concreto, o 39%) non pasan dos 655 euros.
 
Dito doutro xeito: 2,2 millóns de xubilados teñen que sobrevivir con menos do salario mínimo interprofesional (655,20 euros) e están por baixo do limiar de pobreza (667,6).
 
Algúns gozan de rendas compatibles coa pensión, pero tamén hai moitos aos que a crise os obrigou a axudar con ela a familiares ou amigos. Segundo unha enquisa da Unión Democrática de Pensionistas (UDP) publicada en abril, un 44,2% das persoas maiores víronse nesa situación durante os últimos dous anos.
 
Na contía da xubilación tamén hai notables diferenzas entre homes e mulleres, debido á tardía e aínda incompleta incorporación destas últimas ao mercado laboral. Dos 3.613.519 pensionistas homes contabilizados pola Seguridade Social en setembro, un 22,2% (804.280) cobraban como moito 655 euros ao mes. No caso das mulleres, a porcentaxe ascendía nada menos que ao 67,3% (1.438.308 sobre un total de 2.137.663).
 
Vicente Clavero | Público
 
Librered

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript