NÚMERO 331 - 24/10/2016
CUTUDC / Novidades
e súpeto fórmase un balbordo na Diagonal de Barcelona, e os independentistas corren nerviosos dun lado a outro. De lonxe vese vir un grupo de homes, a pé e dacabalo, desfilando pola avenida con paso marcial. Van armados, e á fronte un cun parche no ollo. Esténdese o pánico. Vén a Lexión para esmagar a secesión catalá? Madrid envía á Garda Civil para suspender a autonomía? Non, tranquilos: é unha cuadrilla de valentes matadores facendo o paseíllo ata a Monumental. Empezou a reconquista de Cataluña.
A máquina de
fabricar independentistas botaba fume este xoves:
outra vez a tríada PP/Constitucional/Prensa
españolista, traballando a pleno rendemento. Os
destinatarios esta vez, miles de antitaurinos
cataláns que entenderían a mensaxe: ata o rabo todo
é España; mentres Cataluña sexa parte de España
non poderedes prohibir as corridas porque son
patrimonio cultural de todos os españois (cataláns
incluídos), salvagardado polo Estado. É dicir: a
única forma de prohibilas é deixar de ser España,
porque España e tauromaquia son indisolubles.
A mensaxe recibímolo tamén os antitaurinos do resto
do Estado, tanto os animalistas como os simplemente
asqueados ante un espectáculo tan violento como
rancio: xa sabemos que nas nosas comunidades
tampouco poderemos acabar co sadismo taurino. Pero
vai especialmente dirixido a Cataluña, pois isto non
ten que ver só cos malos tratos animais,
nin vai ter consecuencias na práctica, é máis
ben outro capítulo do conflito político: se para os
nacionalistas cataláns as corridas son un aceno de
identidade española a eliminar, os nacionalistas
españois danlles a razón dicindo que si, que a
tortura pública de touros é 100% España, e vós,
cataláns, seguides sendo españois. Allo e auga.
Para gañar esta batalla, a dereita española non
escatima enerxías: tentaron declarar a tauromaquia
Ben de Interese Cultural en 2010, pero rexeitouno o
Senado de entón. Así que presentaron
un recurso ao Constitucional, que levou en man
Pío García Escudero, ese señor que di que o de
morrer na area cravado de ferros
non debe de estar tan mal. Para asegurar que o
Constitucional decidise ben, o mesmo PP, xa con
maioría absoluta, blindou os touros como Patrimonio
Cultural mediante
unha lei de 2013 cuxa redacción dá moita
vergoña, e
outra de 2015. Coa abstención do PSOE, por
certo, que para as cousas importantes sempre ten
unha abstención dispoñible. Así, o Constitucional
usa leis de 2013 e 2015 para un recurso presentado
en 2010. É dicir, a touro pasado, nunca mellor dito.
Se dedicasen á cultura (a de verdade, a que non
chorrea sangue) a mesma enerxía, tempo e recursos
que a defender a "Festa Nacional", seriamos unha
potencia cultural.
Repítoo, amigos cataláns, por se non pillastes a
mensaxe. Mentres sigades sendo españois, sódelo con
todas as consecuencias, co pack completo: monarquía,
privilexios da igrexa católica e touros, pero tamén
desafiuzamentos,
pobreza enerxética,
desigualdade ou
fracking, temas nos que tampouco quere o PP que
os cataláns sexan menos españois. Olé.
Zona Crítica
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript