NÚMERO 331 - 24/10/2016
CUTUDC / Novidades
O vertedoiro proxectado para Lousame non se adapta á normativa de xestión de residuos, contén numerosas imprecisións e erros, e supón un risco grave para a saúde da poboación próxima e un grave perigo de contaminación do ambiente incluíndo os acuíferos dos que se abastece a Vila de Noia e a propia Ría de Muros-Noia en xeral.
A normativa
europea de residuos e a súa transposición ás normas
españolas e galegas, establece a seguinte xerarquía
dos residuos aplicábel encanto orden de prioridades
na lexislación e na política de prevención e xestión
de residuos: 1.- Prevención; 2.- Preparación para a
reutilización, 3.-Reciclaxe; 4.- Outros tipos de
valorización (por exemplo a valorización enerxética;
e 5.- Eliminación. O Centro de Xestión Ambiental de
Lousame non cumpre con esta normativa básica e en
realidade é fundamentalmente un vertedoiro de
residuos e non un centro de valorización de
residuos. A Consellería de Medio Ambiente non
debería nin sequera tomar en conta este tipo de
proxectos.
Aínda supoñendo que fose legal a construción dun
vertedoiro deste tipo –que non o é–, o proxecto
tería que considerar a composición do chan e a rocha
sobre as que se asenta. As rochas deben ser tan
estancas como sexa posible para evitar calquera fuga
de lixiviados ás augas subterráneas. Tamén cómpre
que se estuden moi ben os fluxos de auga dende e
cara ao vertedoiro, para evitar vertidos de augas
cara a outros lugares, e en todo caso, debería estar
afastado das correntes de auga.
Este proxecto de Lousame falsifica a información
referente aos regatos e nacentes no entorno,
afastándoos do vertedoiro. Tamén falsea o estudo
xeolóxico, e deixa para máis adiante o estudo da
permeabilidade das rochas sobre as que se asenta.
Ademais, non define o destino final dos lixiviados.
Segundo o proxecto, durante o comezo da explotación
os lixiviados serán recollidos e trasladados a un
xestor autorizado, e despois xa se decidirá se se
sigue así ou se deseña unha depuradora propia. Das
características, custos, mantemento ou duración da
depuradora non se di nada, como non se di nada de
moitas outras cousas. O problema de todo isto é que
a bacía na que poderían acabar estes lixiviados vai
dar en primeiro lugar a un río do que se abastece a
vila de Noia, e despois a Ría de Muros-Noia, fonte
de riqueza económica para toda a bisbarra.
Os valores ambientais do terreo correspóndense cunha
realidade moito máis rica que a que se expón non
proxecto, e que parece que se tratou de ocultar
mediante o desbroce da finca. Non hai un estudo
arqueolóxico nin de impacto sobre o patrimonio. Os
núcleos de poboación no proxecto aparecen máis
afastados do vertedoiro que na realidade...
Por non saber, non sabemos (tal é o grao de
indefinición do proxecto) nin de onde virán os
residuos que pretenden verter en Lousame. Este dato,
cremos que é fundamental para avaliar o impacto
ambiental dos mesmos. Non se informa tampouco acerca
de en que plantas vai producirse a valorización
enerxética dos residuos, e podería darse o caso que
o consumo enerxético do seu transporte fose superior
á suposta valorización. Descoñecemos, así mesmo,
que tipo de residuos van tratarse, nin como pensan
facer para evitar que os residuos perigosos que
cheguen entre os non perigosos sexan apartados. Por
exemplo, que control van establecer para que podamos
comprobar que os residuos de madeira (recortes,
taboleiros de partículas e chapas) vertidos non
conteñen sustancias perigosas?
Toda esta información, que cremos que se nos oculta
intencionadamente, considerámola fundamental para
facer un bo estudo ambiental do proxecto no que
puidésemos avaliar os distintos tipos de impactos
sinérxicos.
Por iso confiamos en que este proxecto sexa
rexeitado pola Administración. De non ser así, desde
Verdegaia poñerémonos ao dispor da Plataforma contra
o Vertedoiro de Residuos para apoiala en todo o que
estea nas nosas mans.
Descarga aquí:
as alegación apresentadas por Verdegaia contra o
vertedoiro de Lousame
Verdegaia
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript