Maio de 2010
 
 

07/06/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Contra o terrorismo d'estado de Israel, solidariedade con Palestina

 

 

A madrugada do 31 de maio, o exército do Estado de Israel atacou a un convoi formado por seis barcos, con máis de 750 persoas a bordo, que levaba 10.000 toneladas de axuda humanitaria para Gaza. A cifra de cooperantes internacionais asasinados polos soldados israelís é de, polo menos, 9 persoas.

 


 

 

As declaracións do goberno de Olmert, segundo as cales os cooperantes ían armados e coa intención de agredir os soldados israelís, é totalmente falsa. Como mostran as imaxes aparecidas na televisión turca, os primeiros non levaban máis que máscaras antigas e barrotes, mentres os segundos portaban gases lacrimóxenos e armas de fogo. Tampouco é certo que o ataque israelí acontecese á marxe das decisións do goberno. O día anterior, un oficial do exército israelí infiltrou o que estaba exactamente planeado: levaban días preparándose e organizaran un campo de internamento para os aproximadamente 750 activistas.

O obxectivo da flotilla Gaza Libre era romper o bloqueo ilegal de Gaza. A diferenza con outras accións similares anteriores era a dimensión da acción. De ter accedido o convoi coas 10.000 toneladas de axuda humanitaria, isto tería suposto de facto o fin do bloqueo, e Gaza podería recibir subministracións por mar.

O goberno israelí quere manter por todos os medios o bloqueo político, cultural e económico que sofre a poboación palestina de Gaza dende que elixiu democraticamente que os seus gobernantes foran os representantes de Hamás. O bloqueo forma parte da estratexia sionista de facerse co control do territorio de toda a Palestina histórica, e no proceso expulsar a poboación palestina das súas terras.

Esta nova agresión, se ben supón unha escalada cualitativa na actuación do Estado israelí, non vén máis que a demostrar o seu carácter colonial e asasino. A matanza forma parte da natureza do propio Estado de Israel; un Estado racista baseado no asasinato e expulsión masiva de palestinos e palestinas e intrinsecamente ligado ás políticas imperialistas de EUA. Ningunha solución virá das mans de EUA, a UE, a Liga Árabe ou dos corruptos réximes árabes como o de Exipto.

É urxente impulsar e ampliar a solidariedade internacional que está a ter lugar en todo o mundo -da cal a flotilla Gaza libre formaba parte-, e esixir que os países europeos rompan as súas relacións económicas co Estado de Israel. A campaña internacional polo boycot, desinvestimento e sancións ao Estado de Israel está a gañar forza. Seguindo o modelo da loita contra o apartheid en Sudáfrica, pretende exercer presión económica sobre o Estado sionista.

A longo prazo, non obstante, a solución ao conflito palestino só virá a través dun levantamento en todo Oriente Próximo. Só a clase traballadora árabe destes países -especialmente os traballadores de Exipto, onde está a haber un ascenso de loitas- ten o suficiente poder para desafiar aos seus dirixentes e lograr cambios radicais na rexión que xeren xustiza en Oriente Próximo. E iso só pode conseguirse a través dunha Palestina unida e libre.

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript