07/06/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE/FORMACIÓN
O propio colectivo de técnicos de Facenda denuncia que o ministerio investiga os colectivos máis prexudicados pola crise no canto de ir a polos "grandes defraudadores".
Un feixe de actuacións fiscais "disparatadas" que zoupan con
máis gravidade entre a cidadanía na actual conxuntura de
crise. É a avaliación que fai o Colectivo Especial de
Técnicos da Facenda Pública (GHESTA),
sobre o que está acontecendo a nivel estatal. Opinan os
técnicos que en boa lóxica o Ministerio de Economía e
Facenda, na procura de traballar en favor do equilibrio das
contas públicas, debera loitar máis eficazmente contra a
economía mergullada e contra os grandes defraudadores.
Pola contra, denuncia GHESTA,
Facenda teima en poñer a súa lupa sobre os colectivos
máis prexudicados pola crise e á vez por favorecer recortes
nos servizos sociais. Un paradoxo nun Estado Español que ten
unha das maiores bolsas de diñeiro negro da Unión Europea
"equivalente o 23,3% do PIB, o que supón que 245 mil millóns
escapan ao control do fisco anualmente".
Poderían recadarse 38 mil millóns máis ao ano
Consideran os técnicos de Facenda que se o executivo estatal
actuase na liña en que eles propoñen, aumentando a marxe de
manobra dos traballadores do fisco na loita contra a fraude,
a economía escura podería reducirse en pouco tempo en
até dez puntos porcentuais, conseguindo levala ás cifras de
Francia ou Alemaña.
En números concretos isto implicaría, segundo avalía GHESTA,
uns potenciais ingresos de 38 mil millóns de euros máis cada
ano. Un procedemento que "permitiría rectificar absurdas
situacións". Por este motivo, GHESTA enviaralles a próxima
semana un documento ao respecto destas propostas aos grupos
con representación parlamentaria no Congreso. Trataríase de
modificacións específicas nas leis de
IRPF e do Imposto de
Sociedades.
"Disparates" que zoupan en 138mil desempregados,
divorciados e empresas
Explican os técnicos de Facenda que o que está a acontecer
en Galiza, entre outros, con máis de 138 mil desempregados,
divorciados e empresas en creba, é exemplo da estratexia
"equivocada, inxusta e ineficiente" que está impulsando o
goberno español.
Unha estratexia que pon o punto de mira paradoxalmente
nalgúns dos sectores máis prexudicados pola crise. É o que
acontece cos máis de 130 mil desempregados galegos que en
2009 cobraron prestacións. Nestes casos, o límite para non
estar obrigado a declarar o IRPF baixa desde os 22 mil aos
11.200 euros. Por outro lado, poñen o exemplo de persoas que
perden a vivenda por non poder pagar a hipoteca. Se o prezo
da poxa ou a débeda, incluídos os intereses moratorios e
costas supera o prezo escriturado da vivenda, Facenda
considera que "o desaloxado obtivo unha ganancia
patrimonial" e esíxelle entre o 19 e o 21%. Os técnicos
advirten doutro "filón" nos máis de 7 mil casos de
separacións e divorcios producidos en Galiza: cando o ben
principal da parella é a vivenda hipotecada, logo de que o
cónxuxe que queda coa vivenda pida un préstamo para pagarlle
a metade á ex parella, Facenda considera tamén "ganancia
patrimonial" e reclama entre un 19 e o 21%.
De paso, GHESTA sinala que as situacións "disparatadas"
tamén lle afectan a máis de mil empresas galegas, sociedades
que entraron en proceso concursal o ano pasado e que no caso
de chegar a un acordo con quita aos acredores, xa que non
poden enfrontar a débeda, Facenda imputa de igual modo un
beneficio a distribuír en varios exercicios que tributa no
Imposto sobre Sociedades. Outro exemplo de situación
"absurda", critican.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript