NÚMERO 320 - 20/06/2016
CUTUDC / Novidades
Santiago de Compostela 17-06-2016.- Con motivo da campaña electoral para as eleccións xerais do 26 de xuño, A Mesa solicita que todos os partidos que se presentan mostren un compromiso co galego para mellorar a súa situación pois queda moito para conseguirmos verdadeira igualdade e oficialidade real.
O presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística afirmou “que o dereito a
vivir en galego con plena normalidade non está
garantido e hai que actuar para realizar mudanzas
lexislativas pois aínda en 2016 hai máis de 500
disposicións legais que amparan ou obrigan ao uso
do castelán fronte a menos dunha decena a favor do
galego e que no mellor dos casos consenten
simplemente o seu uso”.
Neste sentido A Mesa pola
Normalización Lingüística informa que o executivo
en funcións do goberno español aprobou en apenas
dous meses 8 normas legais que regulan 39 puntos
impositivos do español polo que pide dos partidos
políticos un compromiso para mudar esta situación
de discriminación lingüística.
A Mesa solicítalles a todos os
partidos políticos un compromiso co galego nas súas
declaracións e actos de campaña das eleccións
xerais. As declaracións de diferentes persoas
destacadas do Partido Popular con argumentos de
imposición do galego non respecta a Declaración a
prol da unidade a favor da lingua galega, que o 15
de xullo de 2015 asinaron todos os partidos
políticos, incluído o PP, na que se sinalaba que
era preciso abrir unha nova etapa de normalidade
para a lingua galega.
Marcos Maceira lembrou que “a
Declaración baséase nun acordo para tomar como
punto de partida a Lei de normalización
lingüística, a Lei de uso do galego como lingua
oficial de Galiza polas entidades locais e o Plan
xeral de normalización da lingua galega de 2004”.
As organizacións políticas galegas,
coas súas diferentes alternativas, proxectos e
ideoloxías, manifestaron unidade na vontade de
normalizar a lingua galega e devolverlle o
protagonismo que nunca debeu perder, retomando e
iniciando todas as medidas e accións que foren
precisas para a súa reposición, rehabilitación e
plena normalidade, comprometéronse a reactivalas e
promovelas en todas as áreas e institucións onde
teñan responsabilidade de goberno.
A Mesa pola Normalización
Lingüística propón varias medidas para avanzar na
normalización da lingua galega e, entre elas,
Marcos Maceira destacou “elaborar de maneira ampla
e consensuada un novo decreto para o uso do galego
no ensino, que atenda aos principios de
normalización lingüística” e tamén “garantir unha
oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego
en todas as vilas e cidades pois os datos mostran
unha exclusión do galego na educación infantil das
cidades”.
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript