NÚMERO 320 - 20/06/2016
CUTUDC / Novidades
É unha técnica bastante habitual de branqueo, chámana “compensación”. Require de dous personaxes, por desgraza, moi fáciles de atopar. Dun lado, un político corrupto: alguén que cobrou unha mordida en billetes grandes, nunha caixa de zapatos ou nun maletín.
Non é a
primeira vez, non é fácil gastar tantos billetes de
cincocentos e non é moi seguro escondelo nun
recuncho; a ver como explicas despois que pinta un
millón de euros nunha maleta baixo chave gardada no
faiado da casa do teu sogro,
como lle pasou a Francisco Granados. Así que
decide que o máis seguro é levar a pasta a Suíza, a
unha conta opaca neste paraíso fiscal creada tras
unha enorme rede de empresas tapadeira por medio
mundo que lle montou algún discreto empregado da
banca Suíza desde o hall dun hotel en Madrid. Se o
pillan, sempre poderá dicir que nunca estivo en
Suíza nin en Panamá nin nas Seychelles, e é posible
que ata sexa verdade.
O noso político corrupto xa ten un plan, pero
ingresar diñeiro en efectivo na súa conta de Suíza
ou non é fácil ou non é barato. Se recorre a un dos
intermediarios habituais, a comisión será alta e
terase que fiar; é habitual que os intermediarios
queden co botín –os ladróns teñen difícil
denunciar– . E se cruza a fronteira española
cargado de billetes para levar directamente o
diñeiro ata o portelo do banco, na aduana pódeno
pillar.
Do outro lado, un aristócrata defraudador:
un rendista que leva varias xeracións vivindo da
fortuna que o tataravó amasou e que está escondida
en Suíza desde antes de que se inventase o
computador. O seu problema é xusto o contrario ao
do político corrupto: necesita o diñeiro en España,
non en Suíza. E para el os métodos habituais
tampouco son baratos ou sinxelos.
Suíza pono fácil: non existen límites á entrada ou
saída de diñeiro en efectivo pola fronteira. Pero a
aduana da UE é máis estrita: 10.000 euros como
máximo. Os seus gastos son importantes e non pode
ir cada dúas semanas aos Alpes a esquiar.
¿A solución? Moi fácil. Sempre hai un roto para un
descosido, sempre hai un político corrupto para un
aristócrata defraudador. E sempre hai un
intermediario da banca suíza que axuda a cadrar a
operación.
En solitario ou coa axuda do intermediario, o
político corrupto entrega o maletín con diñeiro en
efectivo que acaba en mans do aristócrata
defraudador. E ao tempo o aristócrata –ou o axente
da banca suíza– faille unha transferencia ao
político corrupto dunha conta a outra do mesmo
banco en Suíza. O diñeiro nin sae nin entra en
España e non cruza ningunha fronteira. Só cambia de
mans e de contas numeradas.
Este modus operandi é o que sospeita o xuíz Eloy
Velasco que pasou entre
a trama Púnica e a princesa Inés de Borbón. A
nosa aristócrata di que nunca se preocupou polo vil
metal: “
En casa ensináronnos a non falar de diñeiro e de
bancos”. É o que ten ser bisneta do rei Alfonso
XII de Borbón.
A curmá do rei está acusada de colaborar no
branqueo de parte das mordidas que Granados e
compañía recadaban en Madrid. Inés de Borbón e un
dos cerebros da Púnica, David Marjaliza, utilizaban
o mesmo intermediario: un empregado do banco
Lombard Odier, Javier Martín. Non foi a única:
o mesmo facía a falecida Duquesa de Alba (¡ai,
canto quería a España a duquesa!). E nin sequera
este sistema de branqueo é o único nexo en común
entre os apelidos máis nobres e a máis innobre
corrupción.
Tal e como desvelamos nesta nova entrega dos
Papeles de la Castellana, todos os camiños da
corrupción conducen a Suíza, a Bahamas ou a Panamá.
Os políticos corruptos e algunhas grandes fortunas
camiñan polas mesmas sendas, acompañados polos
mesmos intermediarios, tanto para roubar como para
defraudar.
A familia Borbón utilizou os mesmos asesores e
homes de palla que Luís Bárcenas, Rodrigo Rato ou
os Pujol para esconder ante Facenda unha
herdanza millonaria. Exactamente os mesmos, cos
mesmos cómplices necesarios e coas mesmas
consecuencias. Porque defraudar ao fisco ou roubar
diñeiro público con mordidas ten tamén as mesmas
vítimas: todos os españoliños que pagamos os nosos
impostos en España, non en Suíza nin en Panamá.
El Diario
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript