Maio de 2010
 
 

31/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Fronte aos plans de axuste, mobilización

 

 

Desde a CUT vimos reclamando desde fai dous anos a convocatoria dunha folga xeral.

 


 

A nosa análise da crise e os efectos sobre os cidadáns que esta ía conlevar facíanos ver que esta era unha saída inaprazable.

 

O tempo non fixo máis que darnos a razón.

 

Sabiamos que esta crise, en moitos foros etiquetada como “sistémica” só tiña dúas saídas:

 

  • Que a pagasen os que a crearon, cousa que, sen a mobilización, víamos como imposible, porque os partidos que gobernan o estado español (PSOE e PP) son os representantes políticos do capitalismo voraz que provocou esta situación.

 

  • Que a crise a pagásemos os traballadores/as, camiño que segundo a nosa análise se ía seguir se non activabamos a resposta.

 

Xa, desde o primeiro momento, se podía predicir a situación actual, o feito de subvencionar á banca (aínda non rematou este proceso, o FROB está, agora, a pagar a fusión das caixas, a inxección nas galegas calcúlase en 1.200 millóns de €), automoción (empresas que, a pesar de vender máis ca en anos anteriores permitíuselles votar á rúa a miles de traballadores mediante ERE’s)…, en xeral o capital especulativo saneou os seus déficits e o produtivo recibiu as axudas pero sen ningún compromiso de mantemento do emprego.

 

Isto tivo o efecto de incrementar o déficit público, déficit do que, mediante o decreto aprobado o pasado xoves e a reforma laboral, se nos pasa o recibo para que paguemos.

 

A falta de resposta provocou:

 

  1. Falta de credibilidade dos sindicatos maioritarios que permitiron, sen a mínima resposta, que o paro se disparase ate límites insoportables, sendo este (o paro) xa unha causa suficiente para a convocatoria dunha folga xeral.
  2. Desmobilización nos traballadores/as que non viron que os sindicatos  maioritarios representasen, claramente, os seus intereses diante dunha patronal que, desde o primeiro momento, se mostrou insaciable nas súas reivindicacións e cun comportamento chulesco mentres que os sindicatos asistían ás reunións negociadoras coma “cordeiriños”.
  3. Apatía xeneralizada na sociedade á que se lle dixo, desde o primeiro momento, desde os ámbitos políticos e sindicais, que a crise tíñamos que pagala entre todos, a aceptación deste discurso (o racional debería ser que a pagasen os que a crearon) despistou á sociedade que, en certa medida se sentiu corresponsable da situación, a deriva posterior foi unha cuestión de forza, o capital, sen resposta ningunha, foi creando as condicións para que a rematemos pagando nós, traballadores e traballadoras, xubilados e xubiladas…, o que crea un desánimo xeneralizado na sociedade que ve que nada cambia dando unha imaxe dos sindicatos de dependencia das subvencións públicas.

 

A nivel sindical quedou clara a conivencia dos sindicatos maioritarios coa situación actual, pero tampouco pode escapar a responsabilidade da CIG nesta situación:

 

A CIG é o segundo sindicato de Galicia, con aspiracións a se converter na primeira, ten a capacidade de convocatoria que lle dan o número de delegados/as e a súa presenza nos sectores e empresas da nosa nación.

 

Coa súa desmobilización provoca circunstancias coma a acontecida na administración pública onde, a pesar de ser a forza maioritaria en Galicia, foi marxinada polos sindicatos estatais á hora de convocar a folga no sector, tendo que participar como un mero apéndice.

 

Isto debería facerlle meditar sobre a súa actuación. Neste tipo de accións, folgas, manifestacións…, colócanse na pancarta de cabeceira, e dirixen, os/as convocantes, coa súa pasividade tivo que aceptar un papel secundario derivado desa falta de dirección.

 

Isto mesmo pódelle pasar coa súa actuación ao respecto da folga xeral, reclámalles aos sindicatos estatais a convocatoria (debería tomar nota do que acontece en Euskadi e Andalucía onde os sindicatos nacionais e de clase convocaron xa algunha), escapa deste xeito da súa responsabilidade é, sindicalmente, dálles, a esas organizacións estatais, a posibilidade de tomar a iniciativa e, polo tanto, a dirección desa mobilización.

 

Coa CIG intentámolo facéndolle chegar á súa dirección o noso apoio á convocatoria dunha folga xeral a nivel nacional, de momento sen resposta.

 

Posto que pola liña oficial non acadamos resposta solicitamos da esquerda sindical que sabemos existe dentro da CIG que actúe e force a situación interna para que se faga viable a folga que reclamamos.

 

Na negociación da reforma laboral estase a representar un sainete con resultado coñecido: máis precariedade laboral e menos dereitos económicos e sociais abaratamento do despido, xeneralización a todos os traballadores/as do acordado para os traballadores/as da administración pública… é dicir, non sairá nada beneficioso para a clase traballadora. Reclamámoslles aos sindicatos presentes que abandonen inmediatamente esa mesa de “negociación” e que, de xeito inmediato, convoquen a folga xeral necesaria para facer valer os dereitos dos traballadores e traballadoras.

 

Neste caso  o dito  de que “a mellor defensa é un bo ataque” faise patente.

 

 

TODOS Á FOLGA O DÍA 8!.

 

FOLGA XERAL XA!

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript