Maio de 2010
 
 

31/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Mesmo en tempos de crise, a Xunta págalles o plus de altos cargos a 192 funcionarios

 

 

O persoal que ocupou un posto político ten dereito a percibir até 15 mil euros anuais a maiores ao volver ao seu posto de traballo. Pero, canto cobra a 'aristocracia' da administración pública? Dámoslles algúns datos..

 


 

 

 

Nun momento no que a clase política se afana en xestos de austeridade para dar exemplo diante da opinión pública, o polémico plus de altos cargos aprobado por unanimidade en xullo de 2007 polo Parlamento segue a manterse como privilexio. Segundo lle confirmaron dende a Consellaría de Facenda a Vieiros, neste momento hai 192 funcionarios acollidos a esta retribución extraodrinaria (71 máis ca en xuño de 2008, cando este xornal solicitara tamén información ao respecto).

A chamada disposición adicional 17 (que estaba incluída na Lei de Función Pública de Galiza) permite cobrar un sobresoldo de até 15 mil euros ao ano a todos aqueles funcionarios da Xunta que "desempeñen ou tivesen desempeñado durante máis de dous anos continuados ou tres con interrupción postos de traballo como director xeral ou superior, director xerente de órganos ou entidades públicas(...)". A este beneficio tamén se poden acoller os alcaldes e parlamentarios que sexan funcionarios dependentes de San Caetano.

Dende Facenda alegan que a maioría dos 192 funcionarios que demandaron o plus de altos cargos xa tiñan consolidado o nivel 30 (o máximo complemento de destino da Xunta) e polo tanto "só" vén incrementadas as súas nóminas en 3.500 euros ao ano. Porén, dende a consellaría afirman que non poden dar o coste global por que "habería que mirar nómina a nómina" xa que no orzamento as partidas van incluídas nos complementos de destino.

Aínda que o Goberno non facilita a cifra exacta, como dato orientativo hai que subliñar que en xuño de 2008 os 121 funcionarios que cobraban o plus adicional supoñían un custe anual, segundo o bipartito, de algo máis de 487 mil euros. Cunha simple extrapolación daqueles datos poderíase afirmar que a día de hoxe a Xunta gasta, como mínimo, 800 mil euros ao ano neste complemento especial.

Pero canto cobra un beneficiado co plus de altos cargos?

A táboa salarial de 2010 marca que un funcionario A 30 cobra un mínimo (entre salario base e complementos fixos) de 52.430 euros ao ano. No caso das nóminas das 192 persoas acollidas á disposición adicional 17 este mínimo chega aos 55.930 euros anuais brutos. A esta cantidade habería que sumarlle outros conceptos como é a antigüidade (625 euros anuais a maiores por trienio traballado) ou, no caso de funcionarios con responsabilidades específicas, outro tipo de indemnizacións e complementos extraordinarios.

A listaxe dos funcionarios que cobran o complemento exclusivo por teren sido altos cargos políticos é secreta. En abril de 2009, logo dunha petición do diario dixital Vieiros, dende a Xunta respostaban que esa información estaba resgadardada pola Lei de Protección de Datos. Dende o executivo sinalaban que non era aplicábel a Lei de Transparencia xa que esta só se aplica aos cargos políticos que están no poder e non aos que xa non teñen responsabilidade de goberno.

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript