NÚMERO 319 - 13/06/2016
CUTUDC / Novidades
A Mesa pola Normalización Lingüística continúa a denunciar a exclusión e desprezo que o Servizo Galego de Saúde amosa cara a lingua galega. En ningún dos tres perfís que posúen nas redes sociais (@avalia_t;@esaude_sergas; @EscolaSaude) fan uso do galego, a pesar das reclamacións que os propios usuarios lle fan para lles lembrar que o galego existe e debe estar presente no seu día a día e nas comunicacións dun servizo do que fan uso todas as galegas e galegos.
Unha vez máis a Consellaría de Sanidade
esquece o artigo 5.3 do Estatuto de Galiza que
indica que as institucións “potenciarán o
emprego do galego en tódolos planos da vida
pública, cultural e informativa, e disporán os
medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”.
Esta actitude por parte da Consellaría de Sanidade
non é nova, a Mesa Pola Normalización Lingüística
xa viña de denunciar hai escasos días recomendou
non usar do galego nos exames da Oferta Pública de
Emprego do Servizo Galego de Saúde que tiveron
lugar a pasada fin de semana.
Na folla de instrucións ficaba claro como para o
Sergas e a Xunta de Galiza o galego non é máis que
un adorno. Din textualmente que “ En caso de erro
tipográfico ou de transcrición do texto editado en
galego e o editado en castelán, do cuestionario
bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos
da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das
aclaracións vinculantes que de viva voz poida
advertir o tribunal durante a realización da
proba.”
Así mesmo, o Centro de Transfusións de Galicia
mantén unha actitude semellante á do Sergas,
excluíndo ao galego nas notificacións que lles
envía aos cidadáns e cidadás que fan uso deste
servizo.
A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou e
enviou a súa a queixa e petición de
responsabilidades á Valedora do Pobo, á Consellaría
de Sanidade e á dirección do Sergas, e reclamou
unha actuación inmediata da Secretaría Xeral de
Política Lingüística e ao propio presidente da
Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixó.
A MESA recoméndalle ao Sergas facer uso do galego
xa que “utilizalo é sinxelo e saudábel” e anima a
todas as cidadás e cidadáns a facer uso nas redes
sociais do hashtag #OGalegoÉSaúde.
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript