Xuño de 2016
 
 

NÚMERO 319 - 13/06/2016

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Economistas Sen Fronteiras
 

Crise e Universidade: de intelectuais a facedores de papers

Aínda que pareza mentira e dificilmente crible, a evolución durante as últimas décadas das políticas públicas no ámbito universitario español xerou uns incentivos perversos que están a acabar coa reflexión e o pensamento crítico en todos os niveis da sociedade. No sistema universitario español non se valora nin se fomenta en absoluto un profesorado que prepare clases, envíe traballos aos seus estudantes e os corrixa, tente ensinar máis aló dos canons establecidos, imparta charlas fóra do ámbito académico sobre cuestións que considere importantes para formar cidadáns con ideas propias, colabore con asociacións ou organizacións sociais, escriba en medios divulgativos para transmitir o que fai, ou se preocupe por influír nas súas contornas máis próximas.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Esas actividades, que para calquera que non coñeza o funcionamento da Universidade poden parecer as obrigacións diarias do profesorado universitario, non só non o son, senón que a persoa que as leve a cabo está a dificultar considerablemente as súas posibilidades para consolidarse nos persoais das universidades españolas.
 
Quen realiza ese tipo de actividades porque as considera imprescindibles para o seu labor académico está a restar tempo para o que máis se valora na Universidade española, publicar artigos científicos en revistas con alto impacto, os chamados papers na linguaxe anglosaxoa[1]. Papers que na maioría das ocasións, polo menos en ciencias sociais, que é o ámbito que mellor coñezo, non serven para moito, non achegan gran cousa á sociedade e non melloran en absoluto a realidade máis próxima aos investigadores e investigadoras que os realizan. 
 
Papers que están a facer cada vez máis difícil atopar nas universidades españolas profesorado co que poder discutir de diversas cuestións desde unha perspectiva multidisciplinar e crítica, profesorado que asista a charlas polo gusto do saber, que lea máis aló do indispensable para publicar ou que se implique en actividades co fin de que a sociedade mellore.
 
As regras de xogo na esfera universitaria española cambiaron perigosamente as motivacións e os comportamentos do seu profesorado. A Universidade española, lle pese a quen lle pese, está inmersa nun proceso que aniquila intelectuais e convérteos nun novo tipo de ser académico cuxo fin último é facer papers sen pausa, sen pouso e sen reflexión. Aínda que as nosas universidades se vanglorien constantemente de estar cada vez mellor situadas nos rankings internacionais de excelencia, non enganan a ninguén e moito menos aos que coñecemos a situación desde dentro. Quen estamos inmersos no sistema universitario español e quen o sofren nas súas carnes, estudantes na súa maioría, coñecemos ben o que se coce dentro e o moito que deixan por desexar graos, posgraos, mestrías e demais estudos ofertados nas nosas facultades.
 
Na miña opinión nada disto é baladí e ten gran influencia na realidade social, política e económica que nos está tocando vivir. Cando se coñece o funcionamento interno da Universidade e os estímulos baixo os que se traballa dentro dela, chégase facilmente á conclusión de que á fin e ao cabo non é tan de estrañar a crise multidimensional na que nos atopamos. Demasiado ben estamos, diría eu, sobre todo tendo en conta que no lugar do coñecemento por excelencia, no lugar onde deberían de xestarse as alternativas e formarse seres humanos que loiten pola igualdade e a xustiza social, hai un sistema de incentivos para xerar estudantes mediocres, sen reflexión e manipulables, académicos e académicas sen discusión, catedráticos e catedráticas sen cátedra nin conversación e intelectuais sen intelecto.
 
Está claro, así é moito máis fácil facer cambios que van en contra do interese xeral e favorecen os intereses das minorías que ostentan o poder. Por sorte para todos e todas, aínda hai moitas resistencias e un número considerable de profesorado e estudantes, independentemente de que se lles valore ou non, seguen loitando e traballando por crear unha Universidade cuxo obxectivo principal sexa utilizar o coñecemento para unha transformación social cara á igualdade. A eles e elas, a miña gratitude e admiración, porque calquera cambio a mellor pasa por unha Universidade comprometida, crítica e con capacidade de loita.


[1] O factor de impacto é un indicador bibliométrico dirixido a clasificar e avaliar a calidade das revistas científicas. Canto maior factor de impacto ten unha revista, maior calidade e rigor se lle supón.


 
Recollido de Zona Crítica
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript