NÚMERO 319 - 13/06/2016
CUTUDC / Novidades
Cinco estacións da Coruña detectan niveis de contaminación que superan os límites fixados pola OMS; as centrais de Meirama e As Pontes, xunto ao tráfico portuario e a gran industria son os principais emisores.
Un
recente informe publicado por Ecoloxistas en Acción
recompila os datos de 51 estacións de calidade do
aire da rede da Xunta, dos concellos da Coruña e
Ourense e de distintas instalacións industriais. Os
datos mostran maiores niveis de contaminación nos
núcleos urbanos de Vigo e A Coruña, sendo a cidade
herculina, xunto con Arteixo, onde peor aire se
respira.
De feito, ata cinco do sete estacións da Coruña
detectan niveis de partículas (materiais
suspendidos en forma particular como borra, metal,
po, cinzas ou cemento) superiores aos máximos
fixados pola OMS, e outras dúas pasan o límite en
dióxido de xofre.
Repsol, Alcoa e Sabón
Trátase das situadas en Torre de Hércules,
Castrillón, San Diego, Riazor e A Grela. Todas
detectan niveis superiores aos saudables en
partículas menores de 2,5 micras –as máis
prexudiciais-- e, tres delas, tamén o fan en
partículas menores de 10 micras, Torre de Hércules,
Riazor e A Grela.
Nas máis próximas a Alcoa, Repsol e SGL Carbón é
onde se sitúan os niveis máis elevados. De feito,
na Grela está unha das estacións de toda Galicia
que rexistra maior dióxido de xofre no aire, con 50
días do ano no que se superaron os máximos fixados
pola OMS.
As outras dúas son as de Cementos Cosmos en Sarria,
cos niveis máis altos de Galicia a pesar de que a
cementeira apenas operou durante o ano pasado, e a
situada por Repsol en Arteixo, a outra localidade
de Galicia con peor calidade do aire, se se teñen
en conta os rexistros de partículas e dióxido de
xofre.
As térmicas
A área da Coruña vese influenciada polo que, a
xuízo dos autores do estudo, son os principais
focos contaminantes de Galicia: o tráfico
portuario, o tráfico rodado, grandes industrias
como Alcoa ou Ferroatlántica e as térmicas de
Meirama e As Pontes.
A de Endesa sitúase entre as máis contaminantes de
España, aínda que a pesar do seu tamaño non lidera
o ranking. Rexistra unhas emisións anuais de 305
toneladas de partículas, 9.000 de dióxido de
nitróxeno e 7.000 de dióxido de xofre. As centrais
da propia Endesa en León e Teruel son máis
contaminantes.
A de Gas Natural, máis pequena, emite 105 toneladas
de partículas, 3.500 de dióxido de nitróxeno e
5.800 de dióxido de xofre, en datos de 2014.
As cidades e unha franxa crítica
Ecoloxistas en Acción sostén que "2,5 millóns de
galegos respiran un aire prexudicial para a saúde
segundo as recomendacións da OMS", atopando
afectacións importantes no cinto industrial
conformado por Arteixo e A Coruña e a área
industrial de Vigo. Unha das dúas estacións
situadas por PSA Citröen detecta niveis superiores
aos fixados pola OMS en partículas menores de 2,5
micras.
Xunto a estes núcleos, "a contaminación xerada
desde estes grandes focos de emisión esténdese polo
resto do territorio galego afectando a zonas máis
afastadas e rurais na forma de ozono troposférico,
como sucede por exemplo na franxa Ordes-Eume, zona
de calidade do aire que se estende por áreas das
provincias da Coruña e Lugo moi influenciadas pola
contaminación das centrais de carbón das Pontes
(Endesa) e Meirama (Gas Natural Fenosa)".
Dióxido de xofre
En canto ao dióxido de xofre, o informe concreta
que se rexistraron superacións da concentración
media diaria que a OMS recomenda non pasar nunca"
en lugares próximos á central térmica de carbón de
Meirama ou a grandes industrias.
As superacións tiveron lugar en "cinco das seis
estaciones da Coruña que miden este contaminante,
así como en Pastoriza (Arteixo), en Oural (Sarria,
Lugo) e en Xove (Lugo), baixo a influencia das
emisións da área industrial de Arteixo-A Coruña, de
Cementos Cosmos e de Alcoa San Cibrao,
respectivamente".
Alcoa,
tras as críticas da asociación ecoloxista Arco Iris
polas altas cantidades de dióxido de xofre na
Coruña, xa afirmara que cumpre escrupulosamente
a normativa e que destina importantes investimentos
a medio ambiente para iso, ao ser un dos
compromisos da compañía. Cementos Cosmos, pola súa
banda, lembra que apenas tivo actividade o ano
pasado en Oural, polo que rexeita que os índices de
contaminación deban atribuírse ás súas operacións.
Economía Digital
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript