Xuño de 2016
 
 

NÚMERO 319 - 13/06/2016

   CUTUDC / Novidades

  HAI CARRETAXE
 

Imputados catro dirixentes do PP galego por levar anciáns con demencia a votar

O xulgado de instrución número 2 de Lugo concluíu a instrución do caso que investiga un suposto carretaxe de anciáns dun asilo para votar nas eleccións galegas de 2012 con catro membros do PP lucense investigados, á vez que dá 10 días ás partes para que demanden ou a apertura de xuízo oral, o sobresemento ou a realización de dilixencias complementarias.

 

  • Noticias relacionadas

 

 Nun auto de procedemento abreviado do 3 de xuño, a xuíza Sandra Piñeiro sinala como feitos probados que o expresidente do PP de Lugo José Luís Iravedra conduciu a unha anciá en cadeira de rodas con deterioración “cognitiva” a unha mesa electoral, en base ás fotografías achegadas á causa pola denunciante Esquerda Unida.
 
Así mesmo, concluídas as pescudas, a xuíza tamén considera un feito que outros tres militantes do PP (Teresa Taboada, Serafín Rodríguez e Benigno Gómez) levaron en 2012 a anciáns en cadeira de rodas a votar en Lugo.
 
No auto rexéitase que sexa investigada a monxa directora do asilo, Amparo Campos, nin que tampouco declare en calidade de testemuña o expresidente do PP de Lugo José Manuel Barreiro.
 
Aínda que fiscalía insta ao sobreseimento da causa, a xuíza defende na súa argumentación continuar coa tramitación do procedemento tras as acusacións particulares. Xunto a isto, demándase á Xunta Electoral que acredite a condición de apoderados nas autonómicas de 2012 dos populares implicados.
 
Iravedra alegou que a carretaxe fíxoa por petición do asilo
 
Iravedra, que exerceu de tesoureiro do Partido Popular de Galicia, xunto con quen fose concelleira do PP no Concello de Lugo Teresa Taboada e outros dous militantes populares máis, foron vistos trasladando a anciáns da residencia de San Roque ao colexio electoral “a 200 metros” do asilo, polo deputado de AGE Ramón Vázquez, que o denunciou ante a xunta electoral e ante o xulgado en outubro de 2012, durante a xornada das últimas eleccións autonómicas.
 
Na súa declaración ante a xuíza en 2014, Iravedra alegou que a carretaxe fíxoa a petición do asilo. “Desde o asilo fíxose unha chamada telefónica á sede do PP (de Lugo) para que se axudase a desprazar ao colexio electoral a persoas en cadeiras de rodas, con dificultades de mobilidade”, declarou no seu momento o expresidente do PP lucense e exmembro do consello da CRTVG.
 
Axencias
 
Recollido de
Kaos en la red 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript