Xuño de 2016
 
 

NÚMERO 319 - 13/06/2016

   CUTUDC / Novidades

  USC - COMITÉ INTERCENTROS
 

Valoración do estado das negociacións con Xerencia

O Comité Intercentros da Universidade de Compostela ven de difundir un comunicado no que valora o estado das negociacións coa Xerencia que reproducimos.

 

  • Noticias relacionadas

 

ASUNTO: VALORACIÓN DO ESTADO DAS NEGOCIACIÓNS CON XERENCIA

A raíz do documento “A funcionarización do persoal laboral da USC no cadro dunha política global de mellora da administración e servicios universitarios”, o Comité Intercentros na súa reunión do 11 de maio acordou transmitir o seu total desacordo coa dinámica de negociación na que está instalada a xerencia e unha valoración moi negativa sobre o ritmo e contido das negociacións entre Xerencia e este Comité.
 
Nos dous últimos anos non se abordou ningunha negociación de certa importancia para o persoal laboral da USC.  Ben é certo que, aínda que cos seus altos e baixos, existe unha comunicación periódica con xerencia, pero que resulta altamente improdutiva, xa que se nos cinguimos  ao traballo feito e aos resultados  devén nunha a situación  de inactividade total. Movémonos nun escenario no que se suceden as reunión e os argumentos, pero no que non se concreta absolutamente nada.
 
 Nestes dous últimos anos as negociación cos representantes dos traballadores foron unha total e absoluta perda de tempo. Esta situación é inadmisible en calquera caso, pero na situación na que se atopa a USC é unha temeridade, todos vivimos a diario as consecuencias durísimas que ten a aplicación do Plan Económico-Financieiro de Reequilibrio tanto para o persoal como para os servizos públicos que se prestan por parte da USC.
 
Xerencia aprobou o Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio sen contar cos sindicatos e sen ter en conta as enormes repercusións que ten para o cadro de persoal. A partires de aí, a principios do 2015, esbozou un plan de traballo marcado pola gravidade de situación  no que fixaba as súas prioridades e deixaba o resto de temas en suspenso á espera de abordar estes "grandes asuntos". Entre estes temas prioritarios estaban a funcionarización do persoal laboral, a reforma de diversos servizos e as condicións de traballo do persoal financiado con recursos afectados. A día de hoxe seguimos dándolles voltas sen que xerencia faga unha proposta seria que permita chegar a un acordo ou dar un paso adiante.  Os calendarios iniciais foron retrasándose e as prioridades entre estes temas varían en función de criterios que descoñecemos.
 
Esta universidade non ten ningún tipo de política de persoal ou planificación a medio prazo. Tódalas decisións relacionadas co persoal se levan a cabo de xeito unilateral e sempre derivadas de situacións insostibles ou de presións non confesadas. A cobertura de vacantes en fucións de categoría superior, a non cobertura de baixas, os criterios para a selección dos postos dos relevistas, a sinatura de contratos por acumulación de tarefas e a cobertura de interinidades fanse de xeito errático e sen ningún tipo de criterio lóxico ou coñecido, mesmo xerando graves disfuncións  que por riba non son corrixidas.
 
Por outra banda, a capacidade desta xerencia para abordar calquera tipo de reforma de certo calado está en entredito, e semella que as cuestións relativas as condicións do persoal sempre están supeditadas a outro tipo de intereses. Entre outros exemplos, temos unha proposta de condicións laborais para o persoal contratado con recursos afectados acordada cos órganos que foi retirada por razóns descoñecidas, a proposta para a reorganización do PAS asociado a centros e departamentos presenta unha estrutura que responde máis os intereses  creados e á presión dos mesmos  que ao obxectivo  da procura dunha certa racionalidade e planificación que repercuta na mellora do funcionamento dos servizos, no medio dunha negociación da modificación da RPT da ATIC o Reitor emite unha resolución reitoral que altera por completo o seu  funcionamento  e atenta contra os dereitos de negociación colectiva dos traballadores, ... Así poderiamos seguir con moitos máis exemplos que foron minando a confianza do comité na capacidade de xerencia para a negociación de asuntos que consideramos moi importantes.
 
Nestes dous últimos anos o traballo de xerencia centrouse  exclusivamente na  contención de gasto e nos recortes de persoal, a calquera prezo e con calquera tipo de resultado, sen planificación, sen previsións nin estudos,  sen valorar en ocasións as consecuencias e con moi pouca sensibilidade coas persoas, cos traballadores e traballadoras cada día con máis  carga de traballo e máis dificultade para facer efectivos os seus xa mermados dereitos, e mesmo  algúns  cun pé na rúa por manobras ilexítimas e eticamente moi cuestionables.
 
Por todas  estas razóns non  nos queda máis remedio que facer unha valoración moi negativa da acción de Xerencia no que respecta á política de persoal e ás negociacións co Comité Intercentros. É por isto que solicitamos  que mude de actitude inmediatamente, que aborde unha política de persoal planificada que vaia máis alá da xestión centrada no día a día, que acorde co comité intercentros as reformas que precisa un cadro de persoal moi mermado polo Plan Económico-Financieiro de Reequilibrio e que ao mesmo tempo aborde a infinidade de cuestións que quedaron aparcadas dende hai dous anos e que terían un impacto significativo nas condicións de traballo dos traballadores.
 
Comité Intercentros, 31 de maio de 2016
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript