NÚMERO 318 - 06/06/2016
CUTUDC / Novidades
Bruxelas 01/06/16-. O coordinador da área internacional da Mesa Pola Normalización Lingüística, Paulo Filgueiras, interveu hoxe no Parlamento Europeo no marco da audiencia sobre discriminacións lingüísticas na UE organizada pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas, en colaboración cos grupos parlamentares da Alianza Libre Europea- Os verdes, e a Esquerda unitaria Europea.
Filgueiras
denunciou o incumprimento da Carta Europea das
Linguas e presentou casos reais reflectidos na
memoria da liña do galego dos anos 2015 e 2016.
Estas denuncias inclúen casos de discriminacións
diante de empresas ou organismos públicos, mais
tamén a política lingüística da actual Xunta de
Galiza, nomeadamente as consecuencias do decreto
contra o galego de 2010, rexeitado recentemente
polo Consello de Europa. A Mesa exporá tamén a
situación creada pola sentenza do TSXG contra a
ordenanza a favor do galego do concello de Lugo.
“Obrígannos a prescindir do noso idioma para
acceder a servizos básicos”, sinalou o membro da
Comisión Permanente da entidade en defensa do
galego, para destacar que “en moitas ocasións é o
propio goberno galego, que ten a obriga de nos
protexer, que agride os nosos dereitos”.
Ademais, Filgueiras expuxo casos moi graves de
vulneración de dereitos e discriminación
lingüística como a humillación a unha nena de dez
anos por falar galego, por parte do centro Hípico
Casas Novas cando participaba nun campamento de
verán e sobre o cal a xunta non tomou ningunha
medida ao respecto; a prohibición por parte do
centro infantil Jungle World do uso da galego nas
súas instalacións; ou os casos de denegación de
atención por razóns lingüísticas por parte da
Policía ou da Garda Civil.
Na audiencia denunciáronse casos de vulneración dos
dereitos lingüísticos como dereitos fundamentais, e
sinalouse a discriminación por razón de lingua como
unha forma de racismo. Avaliouse tamén o tratamento
que a UE e os seus Estados membros dan ao problema
da discriminación e exclusión das linguas propias.
Como resultado desta xornada elaboraranse
recomendacións sobre as medidas que a UE debe tomar
ao respecto, incluíndo o sinalado polo Consello de
Europa, por medio da Comisión Europea contra o
racismo e a intolerancia, de que a discriminación
lingüística constitúe unha forma de racismo.
A conferencia conta coa participación xunto á Mesa,
de diversas entidades de defensa das linguas
propias da Bretaña, Cataluña, Irlanda, País Vasco,
Gales, Húngaros de Eslovenia e Romanía, e
Occitania.
Conta tamén coa participación do Consello de Europa
(Carta Europea das Linguas e Convención das
Minorías Nacionais), Alto Comisionado para as
Minorías Nacionais da OSCE, e o Alto Comisionado de
Dereitos Humanos da ONU.
A conferencia buscará o mellor xeito de utilizar a
lexislación existente xa en vigor, como a Directiva
sobre igualdade racial e da Carta dos Dereitos
Fundamentais,así como as propostas Protocolo de
Donostia (presentado esta semana en Galiza).
Presentarase tamén a proposta da Rede Europea para
a Igualdade das Linguas para unha directiva de
dereitos lingüísticos.
As recomendacións da conferencia serán presentadas
ás Comisións de Cultura e Liberdades civís, Xustiza
e asuntos internos (LIBE), ao Consello de Europa, á
OSCE e á ONU.
A Mesa Pola Normalización Lingüística
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript