Xuño de 2016
 
 

NÚMERO 318 - 06/06/2016

   CUTUDC / Novidades

  CRISE ESTAFA
 

España recorta en máis dun 30% as axudas aos desempregados

O diñeiro que o Estado español destina para atenuar a grave situación económica dos traballadores e traballadoras desempregados experimentou un recorte substancial. Entre 2011 e 2015, pasou de 29.995,8 millóns a 20.609,7 millóns de euros anuais, sumando todas as prestacións, o que supón unha caída de case o 32%.

 

  • Noticias relacionadas

 

Ese descenso, ademais, non pode xustificarse pola relativa mellora do mercado laboral que reflicten as estatísticas oficiais desde que o paro tocou teito no terceiro trimestre de 2013. É verdade que agora hai un millón e medio menos de persoas sen traballo que entón, pero non por iso subiu o gasto medio en desemprego.
 
Ao contrario: aquel ano, o Estado dedicou 27.027,9 millóns de euros a sufragar as prestacións; é dicir, 6.418,2 millóns máis que en 2015. Por tanto, o importe medio por parado (incluíndo aos que non tiñan dereito xa a ningún tipo de axuda do Estado) caeu de 4.466 a 4.077 euros (-8,7%).
 
Se se ten en conta toda a lexislatura, o resultado é aínda peor, como evidencia o cruzamento dos datos de paro da Enquisa de Poboación Activa (EPA) cos de prestacións que ofrece o Ministerio de Emprego. Ao peche de 2011, o gasto medio foi de 5.984 euros anuais, un 31,9% máis que en 2015.
 
O diñeiro que realmente cobran as persoas desocupadas con dereito a prestación tamén baixou de maneira significativa ao longo do mandato de Mariano Rajoy, aínda que o Goberno só ofrece datos da contributiva. De 852 euros brutos mensuais en 2011 (Seguridade Social aparte) baixouse a 800,4 en 2015.
 
A 31 de marzo, último mes do que existe información dispoñible, había en España 2.055.099 perceptores dalgunha prestación (contributiva, asistencial, Renda Activa de Inserción e Programa de Activación para o Emprego). Ao haber 4.791.400 desocupados segundo a EPA, a taxa de cobertura era de só o 42,9%.
 
Non entanto, para calcular esa porcentaxe os gobernos adoitan utilizar o paro rexistrado nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPES), que é máis baixo. En tal caso, a taxa de cobertura actual sitúase no 53,3%, fronte ao 77,7% de 2011, cun retroceso de case 25 puntos porcentuais.
 
O paro de longa duración fixo, por outra banda, que haxa máis perceptores da prestación asistencial (1.053.153 en marzo de 2016) que da contributiva (745.847). A Renda Activa de Inserción cóbrana 230.784 persoas e o Programa de Activación para o Emprego, posto en marcha en febreiro de 2015, ten 25.315 beneficiarios.
 
Do total de parados con cobertura, 1.048.354 son homes e 1.006.745, mulleres. O maior número de perceptores teno Andalucía (560.692), seguida a gran distancia de Catalunya (273.572). Por provincias están á cabeza Madrid (204.436) e Barcelona (198.553).
 
O Goberno español, como parte das súas políticas neoliberais, endureceu durante o seu mandato as condicións para obter as prestacións por desemprego; entre outras cousas, reducindo a porcentaxe da base reguladora que se utiliza para calculalas, so pretexto de que iso incentivaría a procura de emprego.
 
LibreRed
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript