Xuño de 2016
 
 

NÚMERO 318 - 06/06/2016

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Como se di "abusos policiais" en catalán?

Para o pouco tempo que levan patrullando as rúas, o historial negativo dos Mossos ten moito mérito. Conseguiron en só dez anos un nivel de cuestionamiento cidadán que outras policías tardan décadas en consolidar.

 

  • Noticias relacionadas

 

Se alguén pensou que a novísima policía catalá non sería o suficientemente “dura” para garantir a orde pública, aí teñen o seu historial de denuncias: nada que envexar ás veteranas Policía Nacional ou a Garda Civil nos informes anuais sobre abusos.
 
Vémolo estes días, coa actuación dos antidisturbios en Gràcia, cualificada polas asociacións veciñais como “insensata”, e que onte incluíu porradas a tutiplén en resposta ao violento lanzamento de auga e fariña. Tamén o vemos na absolución dos acusados de rebentar un ollo a Ester Quintana, que engade o marbete de impunidade que todo corpo policial parece atesourar.
 
Pero o historial é avultado, para o pouco tempo que levan nas rúas. É coñecida a dureza coa que se empregaron en protestas sociais, xa fosen folgas xerais, o desaloxo do 15M, a carga no Parlament, Can Vies, mobilizacións estudantís… Estes días, polo de Gràcia, os medios repiten iso de que hai “profesionais do alboroto” entre os manifestantes, un grupiño que non falta en ningunha protesta. Pero esquécense de lembrar aos “profesionais da leña” que tampouco faltan no lado policial cada vez que hai que despexar a rúa: porradas, disparos, detencións irregulares, infiltración en manifestacións…
 
Somen ao anterior o sete ollos rebentados en só cinco anos de balas de goma, os mortos ao ser reducidos ou xa detidos, as malleiras, o acoso a inmigrantes e outros colectivos vulnerables, e as denuncias de tortura que xa alcanzan un nivel equiparable ao doutros corpos máis veteranos.
 
Xa sei, xa sei: a maioría de mossos respecta a lei e os dereitos civís, os abusóns son unha minoría. Pero iso mesmo se pode dicir de calquera corpo policial que acumule denuncias: os malos sempre son minoría, pero están aí, e manchan a imaxe de todo o corpo.
 
O que fai democrática a unha policía non é a inexistencia de abusos, senón que estes sexan castigados e os seus responsables apartados. Pola contra, o que distingue aos peores corpos policiais non é a existencia de abusos, senón a súa impunidade. E hai que recoñecer que os responsables políticos dos Mossos lograron un nivel de impunidade que tamén parece impropio dunha policía tan nova. A falta de colaboración cando hai denuncia, as manobras para lograr a absolución, o desinterese en investigar e en pór medidas preventivas, son mérito dos sucesivos responsables cataláns de Interior. E non falta a colaboración do goberno central que, chegado o caso, indulta por igual a mossos, policías ou gardas civís, para que non digan que lles teñen teima aos cataláns.
 
Pasámonos décadas achacando as carencias democráticas dos corpos policiais españois á herdanza da ditadura, a impunidade da Transición, a falta de interese dos responsables políticos por acabar con vellas inercias. E resulta que cando podemos montar unha nova policía desde cero, nacida plenamente en democracia, sen herdanzas nin vellos costumes, non nos sae moito mellor. É unha pena, si. E ten responsables
 
De Zona Crítica
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript