NÚMERO 315 - 16/05/2016
CUTUDC / Novidades
“Manuel Maria, reintegracionista”. Baixo este lema, a Associaçom Galega da Lingua (AGAL) tamén se suma á homenaxe a Manuel Maria no Día das Letras deste Ano, cunha campaña na que quere destacar a contribución do chairego á difusión da faceta reintegracionista do homenaxeado.
Por iso, a AGAL editou
dous carteis enfrocados ao ensino secundario nos
que se destaca a frase do autor chairego en defensa
do reintegracionismo e dous poemas nesta variante
do galego, con información no pé respecto á obra do
escritor de Outeiro de Rei.
Esta entidade lembra que Manuel Maria manifestouse
en varias ocasións adepto do reintegracionismo,
como rexistra Camilo Gómez Torres en 'Manuel María:
os traballos e os días '(Laiovento, 2001), ao
considerar que «é o camiño, pois galego e portugués
son a mesma lingua con algunha variante».
Tamén no libro de Xosé Manuel del Caño, Conversas
con Manuel Maria (Xerais, 1990), o homenaxeado
deste Día das Letras comenta que o feito de non ter
máis obra publicada nesta ortografía se debe a que “cando comezou este movemento [o
reintegracionismo] eu xa era vello, son algo
preguiceiro, e teño uns hábitos de escritura de
trinta anos, mais gustaríame de que se utilizase a
grafia do portugués, conservando o noso propio
idioma”.
A AGAL lembra que o próprio Manuel Maria non vía o
futuro á normativa oficial pois consideraba que
“parte do futuro da nossa língua e a sua expansom
natural está cara a Portugal. O resto da gente
do Estado espanhol é mui diferente a nós, há
muitos séculos de mentalidade centralista enriba, e
eu cuido que os escritores de línguas periféricas,
em Madrid, nom se leem nem traduzidos”.
Ademais, suliña que deixou tres libros escritos
en grafía portuguesa: Versos do lume e o
vaga-lume (1983), A luz resucitada (1984) e
Oráculos para cavalinhos-do-demo (1986). O segundo
destes, A luz resucitada, levou o selo da entidade
reintegracionista, pois esta obra inaugurou a
“Coleçom Criaçom” da editora da AGAL.
Galicia Confidencial
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript