NÚMERO 315 - 16/05/2016
CUTUDC / Novidades
A lingua é a maior creación colectiva dun pobo, a expresión máis clara da súa existencia e vontade de se desenvolver. A normalidade plena da lingua propia evidencia o desenvolvemento e a prosperidade do pobo que a fala.
Neste
2016 fanse cen anos da creación das Irmandades da
Fala, cen anos de reivindicación da normalización
para a lingua galega, de desenvolvemento de todas
as capacidades do pobo galego co noso idioma como
mellor mostra do que somos e do que queremos ser.
Todos os avances para a lingua galega, por mínimos
que fosen, foron conquistas sociais e democráticas
como demostraron a Irmandades da Fala ou hai 50
anos o profesor Carvalho Calero incorporando o
galego, en condicións moi precarias, ao ensino
universitario.
Nos últimos anos o goberno do Partido Popular na
Xunta, que ten a obriga legal de promover e
defender a lingua galega, foi o principal promotor
do retroceso do noso idioma. As consecuencias son
perfectamente observábeis nos datos estatísticos,
na reducida ou nula presenza do galego na xustiza,
administración e servizos públicos; na
desaparición das aulas de Educación infantil como
antesala do proceso de extranxeirización da lingua
galega no seu propio país, xunto co veto ao seu uso
nas aulas en materias da área científico-técnica,
ou no obxectivo de redución a 1/3 a súa presenza no
ensino que establece o decretazo contra o galego
79/2010; na exclusión do galego de grande parte dos
sectores económicos e na discriminación consentida
a galego-falantes en servizos de atención á
clientela por parte de empresas que ademais de
prestaren servizos en Galiza, extraen grande parte
dos seus recursos.
Esta situación foi denunciada publicamente mesmo
ante a comunidade internacional, e foi motivo dun
apercibimento grave, por parte do Comité de
expertos do Consello de Europa para a Carta Europea
das Linguas, ao gobernos da Xunta e estatal.
A aprobación da Lei de normalización lingüística en
1983, sucedérona outros avances, mesmo acordos
aparentemente asumidos por todas as forzas
políticas (paralizados ou vulnerados polos gobernos
do Partido Popular), como o Plan xeral de
normalización da lingua galega de 2004 ou
recentemente a Declaración de unidade a prol da
normalización da lingua galega que, en xullo do
2015, impulsou a Mesa pola Normalización
Lingüística.
Malia os incumprimentos reiterados, todos estes
pasos foron o resultado da acción da sociedade
galega, case sempre en solitario, a favor da súa
lingua.
Porén, sentenzas como a recente do TSXG contra a
ordenanza de uso do galego en Lugo, someten a
escasa lexislación favorábel ao galego a unha
interpretación abertamente contraria a todos os
acordos conseguidos pola mobilización da sociedade
en democracia. Utilizan as poucas ferramentas que
temos, para negaren a existencia do idioma galego
por si mesmo como lingua propia e plenamente
oficial en Galiza, sen subordinacións, sen límites,
en condicións de mínima igualdade.
Fronte as 500 disposicións disposicións legais que
amparan e mesmo obrigan ao uso do español, as
poucas que permiten a utilización do galego son
utilizadas por sentenzas como a do TSXG para atacar
calquera tentativa normalizadora. Por isto, ademais
de políticas activas que sitúen o galego en todos
os espazos da vida cotiá onde está excluída,
precisamos mudanzas lexislativas que garantan o
dereito a vivir en galego e eviten a utilización do
poder xudicial para negarnos o dereito e a
liberdade de vivirmos sempre en galego.
O idioma é a vida, di o verso de Manuel María,
poeta e activista da lingua. E a vida dános a
forza, o amor e a vontade de unidade que amosamos
na manifestación do17 de maio, pois como di Manuel
María : “O idioma é a patria/a esencia máis nosa,/
a creación común/ máis grande e poderosa.”
Asina o manifesto
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript