Maio de 2016
 
 

NÚMERO 315 - 16/05/2016

   CUTUDC / Novidades

  OXFAM INTERMÓN - FRAUDE FISCAL
 

Grandes empresas españolas triplican a fraude fiscal

Suponse que son o motor da economía española, pero a súa achega á recuperación deixa moito que desexar. Entre 2009 e 2014, durante os peores anos das políticas de austeridade e recortes, as empresas do Ibex-35 multiplicaron por 3,3 as súas filiais en paraísos fiscais, segundo un estudo publicado este mércores por Oxfam Intermón e o Observatorio de Responsabilidade Social Corporativa.

 

  • Noticias relacionadas

 

É dicir, mentres a crise estrangulaba os petos dos contribuíntes, as compañías con maiores beneficios do país incrementaron ata un 228% a súa presenza en territorios cun réxime tributario extremadamente favorable. Unha tendencia que non parece frearse: só entre 2013 e 2014, o número de filiais de empresas do Ibex en paraísos fiscais incrementouse un 10%.
 
Oxfam Intermón e o Observatorio de Responsabilidade Social Corporativa. denuncian que a economía dos paraísos fiscais crece ao dobre de velocidade que a economía produtiva mundial. Nos últimos 15 anos o investimento cara a paraísos fiscais multiplicouse por catro a nivel mundial. En 2015, os fluxos de investimento  cara a España desde paraísos fiscais aumentaron nun 27,4% con respecto a 2014, o que supón un 66% do total do investimento que entra no noso país e multiplicouse por 2,6 desde o ano 2000.  Isto é debido a un cambio regulatorio polo que os beneficios das empresas obtidos no estranxeiro apenas tributan.
 
Polo tanto, este incremento do investimento en España non serviu para recadar máis impostos que revertan en política sociais. De 2007 a 2015, o imposto de sociedades baixou un 49,5%, o que supón 22.219 millóns menos para as arcas públicas españolas. Diñeiro co que se podería facer fronte 114 veces ao compromiso que debería adquirir España en 2016 coa crise de desprazados en Siria (194.3 millóns de euros).
 
De entre os diferentes paraísos fiscais, o destino favorito das empresas do IBEX35 segue sendo o estado de Delaware, nos Estados Unidos, cun total de 420 filiais, un 45,4 % do total. Neste Estado, as empresas do IBEX abriron 68 novas filiais en 2014, representando un 57% do total de incremento de filiais nestas xurisdicións. É dicir, un só edificio dunha planta en Delaware ten máis empresas que todo o País Vasco (285.000 fronte a 160.000).
 
Estes son algúns dos datos que se presentan nos informes realizados por Oxfam Intermón e o Observatorio de RSC, que analizan a presenza de empresas españolas do IBEX35 en paraísos fiscais e a forma na que abordan estes aspectos fiscais da súa actividade nas súas memorias anuais. 
 
“¿Beneficios para quen? Os paraísos fiscais como principal ameaza para unha fiscalidade xusta” de Oxfam Intermón
 
O informe de Oxfam Intermón subliña que, a pesar do incremento da presenza en paraísos fiscais, as empresas levaron a cabo certos avances en transparencia fiscal nos últimos anos, algúns de carácter voluntario e outros provocados por requirimentos legais, aínda que están moi lonxe de representar unha efectiva rendición de contas produto dun compromiso coa responsabilidade fiscal.  Desde 2014 os bancos presentan, por requirimento legal,  información desagregada por país da súa actividade económica e do pago de impostos, o que serviu para analizar os datos dos dous maiores bancos en España, Banco Santander e BBVA, chegando a concluír que ambas as entidades elixen situar en paraísos fiscais aquelas actividades que lles xeran unha maior rendibilidade. De feito, 1 de cada 4 filiais das empresas do IBEX35 en paraísos fiscais é do Santander.
 
Ao peche de 2014, o Banco Santander mantiña 235 filiais en diferentes paraísos fiscais, isto supón 53 máis que en 2013, creando  unha filial por semana, ademais, estas son 2,7 veces máis rendibles que a actividade global do banco. No caso do BBVA, as súas filiais son 4,45 veces máis rendibles que a actividade global e incorpora en   o apartado “outros” da súa memoria de 2014 as actividades desenvolvidas, en Holanda e Curaçao, considerados paraísos fiscais, onde as súas filiais son 5,2 veces máis rendibles que a actividade global e Irlanda, cun rendibilidade 5,6 veces superior.
 
O informe de Oxfam Intermón analiza tamén a exposición que tiveron os concellos de Madrid e Barcelona ata o comezo desta lexislatura a empresas contratistas con presenza en paraísos fiscais. Desta forma, entre o 2010 e 2013, o 45,5% dos principais contratistas do Concello de Madrid tiñan filiais en paraísos fiscais. Mentres que o 22,3% dos provedores do Concello de Barcelona entre os anos de 2012 e 2015 tiñan filiais en paraísos fiscais.
 
No marco da campaña contra o Escaqueo Fiscal Oxfam Intermón propón ao futuro Goberno e ao próximo Parlamento que impulsen con carácter urxente  unha lei contra a evasión fiscal que axude a xerar ingresos para todas as persoas e que garanta financiamento para as políticas públicas como a sanidade, a educación, a protección social  e a cooperación. Esta lei ten que contribuír a pechar todas as físgoas da elusión fiscal, así como garantir a transparencia e a rendición de contas, revisar a contratación pública libre e a definición dos paraísos fiscais.
 
A maioría dos partidos políticos comprometéronse tanto nos seus programas electorais como na súa acción no Congreso nos últimos catros meses con medidas para poñer coto aos paraísos fiscais. É vital que isto siga sendo unha prioridade na próxima Lexislatura.
 
“A Responsabilidade Social Corporativa nas memorias anuais das empresas do IBEX35”  do Observatorio de RSC
 
As memorias de responsabilidade social corporativa das empresas do IBEX35 non responden a un proceso de rendición de contas para os seus grupos de interese. Esta é unha das principais conclusións da 12ª edición do informe do Observatorio de RSC.
 
Mentres se aprecian avances moderados en información de obrigado cumprimento, como en materia de goberno corporativo, estáncase  a calidade da información en aspectos centrais da RSC. A información sobre a actividade das empresas en paraísos fiscais, impostos pagos país a país, denuncias e sistemas de xestión da corrupción, portas xiratorias, actividade de lobby, xestión dos dereitos humanos en países con elevado risco de vulneración ou denuncias en materia de libre competencia segue sendo escasa e nalgúns casos anecdótica nas memorias de responsabilidade social das empresas do IBEX35.
 
Soamente 4 empresas presentan información sobre os riscos ao redor dos dereitos humanos aos que están expostas e un 63% das empresas analizadas non achegan información suficiente sobre medidas mínimas de control de provedores no ámbito dos dereitos humanos. Todo iso a pesar de que 32 das 35 empresas do IBEX35 están presentes nos 20 países considerados de risco extremo de vulneración dos dereitos humanos. Aínda que o feito de informar non garante a súa efectiva protección, trátase dun paso previo que moi poucas empresas cumpren ou, se informan, fano de maneira moi xenérica.
 
Mentres que un 74% das empresas analizadas comprométese a loitar contra a corrupción, en moitos casos este compromiso limítase a declaracións xenéricas nos seus códigos de conduta. Só 12 empresas das analizadas informan sobre como loitan contra o branqueo de capitais na súa esfera de actividade e unicamente 8 empresas describen a política e procedementos, así como os mecanismos de cumprimento dedicados ás contribucións e os instrumentos de presión política. 
 
A pesar de que os consumidores representan un dos grupos de interese máis importantes e directos para moitas das empresas do Ibex 35, 31 das empresas analizadas non facilitan practicamente información sobre multas e reclamacións por país, e 30 das 35 non informan sobre sistemas de reclamación e compensación aos consumidores.  
 
Descarga o informe desde aquí

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript