NÚMERO 313 - 02/05/2016
CUTUDC / Novidades
Os votos do PPdeG rexeitaron este martes unha moción do BNG que, co apoio de toda a oposición, pedía a creación dunha comisión de seguimento da situación do sector lácteo en Galicia que tivese entre os seus labores alcanzar un acordo entre os produtores e a industria para "unha participación equilibrada" da cadea de valor.
Ante o pleno
da Cámara, a nacionalista Tereixa Paz alertou de
que a situación dos produtores galegos "devén cada
día máis crítica e insostible", ata o punto de que
son varios os gandeiros que se viron "obrigados" a
"deixar morrer ao seu gando", mentres a Xunta "mira
cara a outro lado".
Como proba diso esgrimiu o último informe sobre o
cumprimento do acordo lácteo a nivel estatal, que
"di cousas terribles" como que o leite subiu para
os consumidores pero "baixou para os gandeiros un
0,6 por cento de media". "É o engano da estampita",
censurou a deputada do BNG, quen advertiu de que
Galicia está a perder "peso" no mercado lácteo polo
seu leite "low cost" e a "deslocalización" da
produción.
Co seu diagnóstico coincidiron todos os grupos da
oposición. Así, Carmen Iglesias (Mixto) lamentou o
"desamparo" ao que a Xunta somete os gandeiros,
mentres Antón Sánchez recriminou ao Goberno galego
a súa "falta de vergoña e de dignidade". Máis
contundente foi Pablo García (PSOE), quen acusou
directamente ao presidente autonómico, Alberto
Núñez Feijóo, dos problemas do sector lácteo polo
seu "inacción".
ACCIÓNS "CONCRETAS"
En fronte, a deputada do PPdeG Isabel García Pacín
mantívose en que os casos de gandeiros que deixaron
morrer aos seus animais son "excepcionais" e
recordou que algún deles está sendo investigado
pola Xustiza. Polo tanto, apelou a "ser prudentes"
nos comentarios sobre estes asuntos.
Máis alá diso, negou a responsabilidade que a
oposición atribúe a Feijóo e sostivo que "o
culpable" da situación do lácteo "é o mercado",
porque existe "un desequilibrio profundo entre a
oferta e a demanda". Contra isto, proseguiu, é
contra o que está a traballar a Xunta sen o apoio
-criticou- dos outros grupos políticos.
"O que importa é que os gandeiros saben que a Xunta
e o Ministerio están a poñer todas as ferramentas
para lograr solucións", resaltou, antes de criticar
que a oposición non formula "medidas concretas"
para solucionar a situación "dende a súa
ideoloxía".
Na súa quenda de peche do debate, Tereixa Paz
subliñou que "hai cousas que non pode poñer por
escrito" de forma "moito máis explícita", como que
a Xunta debe "obrigar a todos os elos da cadea a
aceptar que hai que repartir os beneficios de forma
igualitaria". "¿O para que está o goberno?",
remachou.
Ademais, alegou que si hai "medidas concretas" no
texto da súa moción, como que a Xunta adquira leite
aos produtores galegos para enviar como "axuda
humanitaria aos refuxiados" e deixar claro que
Galicia "non vai reducir produción" baseándose no
regulamento de acordos voluntarios se non faise "de
forma lineal" por parte das distintas rexións.
Galicia Hoxe
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript