NÚMERO 313 - 02/05/2016
CUTUDC / Novidades
Os resultados dun informe estatal salientan que Galicia é a comunidade máis barata para estudar unha carreira, a sexta por demanda, pero tamén un dos sitios con menos éxito do alumnado, con menos estudantes estranxeiros, cun dos corpos docentes máis envellecidos e cun gasto en I+D moi discreto.
As
universidades galegas teñen as taxas máis baratas
en todo Estado, pero tamén un dos índices máis
baixos de aprobados dos alumnos. Ademais, Galicia
ten unha das comunidades docentes máis envellecidas
en educación superior. Pola contra, mantén un
destacado nivel de solicitudes de patentes, aínda
que o gasto en I+D segue sendo discreto. Estas son
algunhas das conclusións que se poden extraer do
informe "Las universidades españolas. Una
perspectiva autonómica. 2015", elaborado pola
Fundación Conocimiento y Desarrollo (CYD).
O documento, de 363 páxinas, ofrece unha exhaustiva
análise da realidade universitaria estatal. O máis
salientable no que se refire a Galicia é o prezo
das taxas de matriculación nos estudos de grao, nos
que o custe medio de cada crédito é de 11,9 euros,
o máis baixo de todo o Estado. É dicir, un prezo de
menos de 3.000 euros por 240 créditos, fronte aos
4.500 da media estatal ou os 8.000 de Cataluña.
Isto, no lado positivo.
No negativo, a porcentaxe de aprobados nas
carreiras que se ofertan en Galicia sitúase por
debaixo da media estatal, entre as máis baixas.
Así, o informe aporta malos datos para as
universidades galegas no apartado de Indicadores de
desenvolvemento académico nos estudos de grao, no
curso 2012-2013, no que Galicia se sitúa 1,8 puntos
por debaixo da media española (76,3%). Co 74,5%,
Galicia é a antepenúltima autonomía, só por diante
de Canarias (70,5%) e de Asturias (71,6%).
Esta porcentaxe calcúlase coa taxa de rendemento,
que se define como a ratio, en porcentaxe, entre os
créditos aprobados e os matriculados, e a taxa de
abandono, que se define como os matriculados de
novo ingreso no curso 2010-2011 que non aparecen
nos dous cursos seguintes no mesmo estudo, respecto
ao total dos novos ingresados no devandito curso.
Porén, os mesmos indicadores aplicados aos estudos
de máster sitúan a Galicia 2,3 puntos por riba da
media estatal (89,1%).
SEXTA AUTONOMÍA POR DEMANDA
Galicia é a sexta comunidade autónoma con máis
universitarios, en concreto, 59.353, o 4,2% do
total do Estado (1.416.827), dos cales o 55,2 son
mulleres, sendo a cuarta autonomía con maior
porcentaxe de alumnas.
Ademais, 46,7% dos matriculados nas universidades
galegas ten entre 18 e 21 anos, e o 21,8% é maior
de 25 anos.
No que respecta aos estudantes estranxeiros,
Galicia presenta unha das porcentaxes máis baixas
do Estado, con tan só o 1,4%, só por diante de
Estremadura (0,9%) e Asturias (1%).
No curso 2013/14 houbo 10.003 egresados nas tres
universidades galegas, isto é, o 4,3% do total no
Estado, mantendo a proporcionalidade respecto do
número total de matriculados, no sexto posto entre
todas as autonomías.
No índice de especialización nas distintas áreas de
ensinanza, Galicia destaca en Enxeñaría e
Arquitectura, no cuarto posto, por detrás de
Cantabria, Navarra e Asturias. Tamén obtén bos
resultados en Ciencias, tras La Rioja, Asturias,
Baleares, Aragón, Cataluña e Andalucía.
No que se refire aos matriculados en estudos de
másteres oficiais, Galicia mantense en índices
proporcionais a súa masa de estudantes, co 4,5% do
total do Estado, en concreto, 5.501 matriculados,
ocupando tamén aquí o sexto posto.
No mesmo curso, houbo 3.314 egresados en másters
oficiais no noso páis, o 4,9% do total do Estado,
sendo de novo a sexta comunidade na clasificación
global.
Ademais, no ano 2013 aprobáronse 562 teses de
doutoramento en Galicia, isto é, o 5,2% de todas as
do Estado.
Por último, as universidades galegas ofertaron 123
graos (o 4,7% do total), 198 másteres oficiais
(5,4% do total) e 139 programas de doutoramento
(5,8% do total).
PERSOAL ENVELLECIDO
En canto ao persoal docente e investigador, Galicia
contou no curso 2013/14 con 5.258 profesores, isto
é, o 4,6% do total do Estado.
Destes, só o 4,6% era menor de 35 anos (a
porcentaxe máis baixa de todas as autonomías),
mentres que o 16,1% tiñas máis de 60 anos (unha das
tres máis altas en toda España).
ECONOMÍA
Galicia sitúase nun discreto décimo posto no
apartado de ingresos correntes por alumno, que na
noso país foi de 6.815 euros no curso 2013/14,
semellante á media estatal, que foi de 6.856 euros.
En transferencias correntes por alumno, a galega
ocupa o sétimo posto con 5.555 euros; mentres que
no capítulo de ingresos por alumno se sitúa na
decimoquinta posición, con 1.241 euros. Porén,
Galicia é terceira en transferencias de capital por
alumno, con 1.464 euros.
No apartado de gastos correntes por alumno, a
comunidade galega é oitava con 6.724 euros, mentres
que o gasto en bens e servizos por alumno ascende a
1.151 euros, situándose no posto sétimo.
Con todo, Galicia ascende ao cuarto posto no
investimento real por alumno, con 1.573 euros. E a
taxa de aforro bruto leva a nosa autonomía ao posto
15.
INVESTIGACIÓN
Galicia aportou o 3,6% do total en gasto en I+D,
moi lonxe do 26,4 de Madrid e do 22,8 de Cataluña,
ou mesmo do 11,3 de Andalucía e o 10,2 do País
Vasco.
En canto ás publicacións científicas, as
universidades galegas sumaron entre os ano
2003-2013 un total de 33.057, o 5,9 da produción
total no Estado, ocupando o sétimo posto.
Neste período houbo 471 slicitudes de patentes
nacionais participadas por universidades galegas, é
dicir, o 9,0 por cento do total, sendo a galega a
segunda máis destacada neste apartado en relación a
su persoal docente e investigador —por detrás de La
Rioja—, se ben por número total de solicitudes
ocupa a quinta posición.
O número total de patentes internacionais
solicitadas dende Galicia foi de 112, entre os anos
2006-2013, sendo tamén a quinta comunidade neste
apartado, e a terceira en relación ao número do
persoal investigador.
Galicia Confidencial
A innovación que segou a austeridade
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript