NÚMERO 311 - 18/04/2016
CUTUDC / Novidades
En 2009 España alcanzou a maior cifra de gasto público da súa historia. Naquel ano, as contas públicas pecharon cun déficit de 118.237 millóns de euros, o que equivaleu á nada desdeñable cifra do 10% do PIB.
A partir de
entón intensificouse o proceso de consolidación
fiscal, actuando fundamentalmente sobre o gasto
público, que comezou a descender en 2010 e en anos
sucesivos ata 2014 (último ano con datos
consolidados), ano no que o o conxunto de
administracións públicas xestionaron 30.824 millóns
de euros menos que en 2009.
Aínda que, non todas as áreas de gasto sufriron
recortes neste período. O informe titulado
"Cartografía dos recortes", analiza máis de 60
subsectores de gasto. A primeira conclusión é que
se se exclúen as grandes áreas onde non houbo
recortes durante a crise, que son as pensións de
xubilación e supervivencia (nas que se gastaron
23.577 millóns); o abono de intereses da débeda
(18.206 millóns máis) e os pagos ao sector
enerxético (6.000 millóns máis), o recorte do
investido no que son servizos públicos á
cidadanía ascendería a 78.164 millóns de euros.
Isto equivalería a un recorte de practicamente o
8% do PIB. E, en termos relativos, podería
dicirse que o financiamento dos servizos públicos
por parte das administracións caería un 21%
nominal, que se elevaría ao 30% en termos reais,
unha vez tida en conta a inflación acumulada neste
período, no que o IPC subiu un 9%.
INVESTIMENTO PÚBLICO
Segundo o tipo de gasto, o maior axuste deuse no
investimento público. Así, o investido directamente
polas administracións e a súa cofinanciación a
outros axentes privados experimentou unha caída
de 40.569 millóns de euros entre 2009 e 2014.
Esta cantidade supón un 61% menos en termos
nominais, que se eleva ao 70% real. Dentro disto, o
investimento en infraestruturas do transporte e I+D
foi a máis danada, con 13.000 millóns menos.
SANIDADE E EDUCACIÓN
Aínda que, onde se ve realmente o recorte aplicado
á prestación dos dous grandes servizos públicos:
sanidade e educación, é na análise funcional do
gasto, que permite coñecer a súa evolución con
independencia da súa composición. Neste caso, o
gasto sanitario reduciuse en 9.600 millóns,
un 22% menos en termos reais. Tamén baixou o gasto
dos concertos co sector privado en 3.402 millóns.
O gasto educativo caeu en 7.394 millóns, un
23,7%. Mentres que neste caso, os concertos con
colexios privados apenas diminuíron un 1,2%. En
calquera caso, en 2014 deixáronse de gastar en
educación e sanidade un de cada catro euros
investidos en 2019.
DESEMPREGO E BAIXAS LABORAIS
O gasto en prestacións por desemprego reduciuse
en 7.231 millóns de euros no período analizado,
un 30% menos en termos reais. Isto produciuse pola
redución do número de prestacións que se foron
esgotando e a mellora do emprego en 2014, á vez que
as novas axudas ás que se accede son cada vez máis
baixas porque non cotizaron tantos meses como antes
da crise.
En canto ao gasto en incapacidade temporal,
reduciuse en algo máis de 1.000 millóns,
un 13% menos.
APOIO Ás FAMILIAS
Mentres que ao Goberno de Mariano Rajoy "éncheselle
a boca coa defensa das familias", os recursos
destinados á política familiar esborrállanse entre
2009 e 2014 un 40% en termos reais, con 2.692
millóns de euros menos.
POLÍTICA SOCIAL DE VIVENDA
O investido polas administracións (Estado,
autonomías e concellos) en apoiar ás familias con
problemas para pagar o seu aluguer ou hipoteca
minguou en 633 millóns de euros nos anos
analizados, o que supuxo un retroceso do 70%, ata
un investimento total de 415 millóns en 2014.
Mentres "os desafiuzamentos aumentaron de forma
exponencial".
CULTURA, DEPORTE E RELIXIÓN
A prestación destes servizos perdeu 5.656
millóns repartidos de forma similar entre os
tres, o que supuxo unha perda do 40% dos recursos.
En contraposición chama a atención o forte
aumento do gasto enerxético. Segundo este
estudo, "as subvencións e pagos compensatorios ao
sector enerxético disparáronse un 469%"; pasando de
1.200 millóns en 2009 a preto de 6.000 en 2014.
Aínda que neste capítulo están incluídos
fundamentalmente os pagos polo maior gasto de
xeración extrapeninsular en Baleares, Canarias,
Ceuta e Melilla e os impostos á enerxía vixentes
desde 2012.
Cinco Días
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript