Abril de 2016
 
 

NÚMERO 311 - 18/04/2016

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Consello de Goberno do 14 de abril de 2016. Orzamentos aprobados

O pasado xoves, día 14, realizouse una nova sesión do Consello de Goberno que tiña como principal punto da orde do día a aprobación do anteproxecto de orzamento e Plano Operativo Anual 2016, ámbolos dous proxectos aprobáronse por ampla maioría, rexistrándose dous votos en contra, pertencentes ao representante de APA presente e á representante do Comité de Empresa e 4 abstencións que corresponderon maioritariamente á representación dos estudantes.

 

  • Noticias relacionadas

 

Os orzamentos aprobados manteñen unha liña de continuidade cos do ano 2015. Nesta páxina tedes unha comparación dos gastos en Capítulo I entre os dous anos.
 
Unha cuestión a salientar é que, a pesar da situación económica da UDC, resérvanse 1.200.000€ para a promoción do PDI. Non ten que haber, polo tanto, problema para levar adiante as promocións comprometidas co PAS e que se reflectirán no orzamento do vindeiro ano.
 
Na intervención, previa á votación, fixemos constar que:
 
A partida SOLDO LABORAIS FIXOS increméntase en 29.545,90€, mentres que a de EXTRAS LABORAIS FIXOS diminúe en 160.119,13€ respecto do orzamento de 2015. Estes datos son contraditorios se sobe o salario teñen que subir, tamén, as pagas extras.
 
Non aparece ningunha partida destinada a levar a efecto o pagamento da parte devindicada da extra de 2013 sobre a que xa hai sentenzas do Tribunal Supremo e que, xa sinalamos na sesión do Claustro, reivindicamos se estenda ao persoal funcionario. Debe reclamarse á Xunta o diñeiro necesario para afrontar este pagamento lembrando que tamén tivo sentenzas no mesmo sentido, incluso de persoal funcionario, chegándoselle a impoñer costas que alcanzan os 450€.
 
Preséntanse uns orzamentos continuistas. O orzamento de 2016 impón, de novo, o copago na acción social.
 
O orzamento que se nos presenta a aprobación incumpre a decisión da Mesa Sindical que reclamou na partida de acción social o mesmo orzamento que no ano 2013, no camiño de que sexa dotada co 1,5% da masa salarial.
 
A proposta segue a contemplar a diferenza de trato que recibimos o PAS en comparación co PDI ao non se contemplar no proxecto orzamentario nin un só euro no concepto de gratificacións nin en horas extraordinarias, mentres que si se contemplan para o PDI.
 
Entendemos que a Universidade debe ser máis belixerante coa Xunta que impón na administración autonómica e, nomeadamente, na Universidade Pública uns recortes intolerables,
A Xunta de Galiza ven impoñendo. desde hai anos, planos de financiamento nos que a parte estrutural non chega para satisfacer as necesidades básicas da universidade á que se lle obriga a votar man do remanente de anos anteriores para sobrevivir e na parte de financiamento por resultados obrigando ás universidade a competir por uns diñeiros que deberían “primar” os bos resultados servindo de acicate para a consecución de obxectivos.
 
Todas estas decisións insírense nunha determinación política de cargar nos servizos públicos unha crise da que non son responsables mediante sucesivos recortes que finalmente se reflicten nos orzamentos que desde fai anos afogan á nosa universidade
 
Reitor:
Participa da filosofía que se manifestou pola nosa parte, resalta a competencia fratricida imposta no reparto do financiamento por resultados. Sinala que a universidade é eficiente no gasto, o reto é incrementar os ingresos. “A clave non é como se reparte o pastel, o importante é o tamaño do pastel”.
Sinala que se van a incrementar as vías de financiación externa para derivalas a esa parte estrutural do orzamento. A situación financeira é mellor pero segue a ser complexa, redúcense os estudantes de grao.
 
Vicerreitor
Revisará o orzamento nos termos que se sinalaron móstrase, tamén, de acordo coa filosofía do manifestado.
 
Xerente:
Antes de semana santa, as tres universidades, reuníronse coa Xunta para tratar sobre a devolución da parte devindicada da extra de 2013, non só para o PAS laboral, tamén para o PAS funcionario. Agarda a resposta da Xunta, non aparece esa partida no orzamento á espera de que a Xunta de Galiza habilite o diñeiro.
 
Como sinalamos a proposta de orzamentos saíu adiante con 2 votos en contra e 4 abstencións.
 
 
Ese mesmo día ás 19 horas tivemos reunión da Comisión de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais do Consello Social coa orde do día que vos xuntamos e na que se discutiron, tamén os orzamentos á espera de seren votados na sesión convocada para o día 21.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript