NÚMERO 311 - 18/04/2016
CUTUDC / Novidades
O Consello de Seguridade Nuclear (CSN) fixo públicos algúns informes que cuestionan a idoneidade de situar o Cemiterio Nuclear en Villar de Cañas (Cuenca). O Consello de Transparencia obrigou ao CSN a facer públicos algúns destes documentos confidenciais por mor dunha denuncia de Transparencia Internacional. Os ecoloxistas confían en que se paralice o proxecto.
O CSN
entregou seis informes á organización Transparencia
Internacional e, no primeiro deles, asinado por
técnicos da área de ciencias da terra do organismo,
conclúe que “non se pode afirmar que o terreo sexa
idóneo debido a características desfavorables” como
a presenza de materiais xesíferos e arxilas en
contacto coa auga.
Por esa razón, para autorizar a obra, cre necesario
medidas compensatorias que minimicen a posibilidade
de acceso de auga ao subsolo, limitando a
activación de fenómenos de disolución e
expansividade durante a escavación, construción e
operación. Tamén esixe, entre outras cuestións, un
plan de vixilancia do terreo con finalidade
xeotécnica e hidroxeolóxica, que verifique a
eficacia destas medidas.
Outro informe de avaliación da área de enxeñería
mecánica do CSN determina que é aceptable a
solución estrutural de Enresa para afrontar os
posibles riscos de expansión das arxilas, aínda
que pide a Enresa unha análise en detalle de todas
as súas actividades e un constante control para
poder identificar a aparición de procesos de
inchamentos do terreo ou de disolución de xesos.
Con todo, outro dos informes entregados, elaborado
pola enxeñería URS España, afirma que nos traballos
de Enresa faltan datos ou se minusvaloran riscos. O
estudo sinala que se dispón de información
“insuficiente” sobre a rede de fracturación do
subsolo ou a posible presenza de recheos kársticos
en profundidade e baixo o río Zánkara.
Tamén se mostra en desacordo con Enresa sobre o
risco dun sismo, xa que na súa opinión “non é
descartable” un terremoto de 5,5 de magnitude. O
informe non comparte os impactos que Enresa prevé
en canto á disolución de minerais no subsolo polas
augas subterráneas.
Segundo Enresa, a auga subterránea está en
equilibrio co medio rochoso polo que os procesos de
disolución derivados da interacción auga rocha non
poden xerar risco de subsidiencia “apreciable”,
afirmación que a consultora non comparte.
Carlos Villeta, portavoz da
Plataforma Contra o Cemiterio Nuclear de
Cuenca, criticou o segredo con que se realizou o
proxecto. O activista lamentou que estes informen
non fixesen públicos antes e confía en que se
paralice a súa construción definitivamente
El Ventano
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript